DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado desde a UVigo e Ecobas polo profesor Ernesto López

Un proxecto afonda na alfabetización financeira das persoas emprendedoras

O impacto dos nesgos cognitivos é un dos focos de interese

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 10/06/2024

Analizar e mellorar o coñecemento sobre a alfabetización financeira das persoas emprendedoras e as súas consecuencias en aspectos como o rendemento e a propia supervivencia empresarial. Este é o obxectivo dun proxecto que desde principios deste ano e ata xaneiro de 2025 está a desenvolver un equipo formado por persoal investigador de Ecobas e das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Burgos e Valencia.

Concretamente, participan nel Ernesto López (coordinador do proxecto desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense-UVigo e Ecobas), Marcos Álvarez, Lucía Rey, José Berbel, Sara Fernández e Roberto Graña. Nun mundo empresarial cada vez máis complexo, indica López Valeiras, “a alfabetización financeira é clave para a toma de decisións informadas e o crecemento sostible das startups”, polo que amosa o seu desexo de que “este proxecto achegue un valor diferencial ás persoas que deciden iniciarse no camiño da creación de empresas”.

O traballo xurdiu no seo de Accounting and Finance for Entrepreneurship Monitor (Affe), un observatorio promovido por Ecobas e o grupo GEM Galicia para estudar, sensibilizar e fomentar o desenvolvemento dunha axeitada xestión financeira, contable e de control de xestión en persoas emprendedoras e pequenos empresarios. Unha das liñas de investigación de Affe é a educación financeira para emprendedores e emprendedoras e no marco desta liña xurde este proxecto, que acadou unha axuda da III Convocatoria Grupos de Investigación en Contabilidade, promovida polo Centro de Estudios Financieros.

O efecto Dunning-Kruger

Partindo da premisa de que existen “múltiples evidencias de que as competencias financeiras das persoas xestoras condicionan o rendemento dos negocios”, o proxecto está a analizar a presencia do efecto Dunning-Kruger en persoas emprendedoras en España, así como a relación entre as habilidades contables das persoas xestoras/propietarias e o nivel de restricións financeiras que enfrontan as micro e as pequenas empresas á hora de solicitar un crédito en España. O efecto Dunning-Kruger, explica Ernesto López, é un fenómeno psicolóxico que describe a tendencia das persoas con habilidades limitadas nun campo a sobreestimar as súas propias habilidades, mentres que aquelas con habilidades máis avanzadas tenden a subestimalas. “A presencia deste nesgo ten implicacións significativas nun contexto de emprendemento”, apunta o profesor da UVigo. Así, un dos obxectivos principais do proxecto posto en marcha é investigar a presenza deste efecto en persoas emprendedores en España, cun enfoque específico no seu nivel de competencias contables e financeiras, é dicir, na súa alfabetización financeira.

O proxecto baséase na análise de dúas fontes de datos. Por un lado, o equipo investigador utiliza unha base de datos propia formada por emprendedoras e emprendedores inscritos en programas de apoio e estímulo ao emprendemento en España. Por outro, emprega datos extraídos da Encuesta de Competencias Financieras en las Pequeñas Empresas, realizada polo Banco de España en 2021 e que recompila datos de 1120 propietarios de medianas e pequenas empresas independentes e con fins de lucro.

A investigación, indican os seus promotores, pretende “ofrecer achegas significativas ao ámbito práctico empresarial”. Así, detallan, pode contribuír a mellorar os programas de formación, proporcionando datos concretos sobre as áreas de mellora na alfabetización financeira de emprendedores e emprendedoras, orientando o desenvolvemento de programas de formación específicos e adaptados ás necesidades identificadas. Tamén, engaden, pode ser de utilidade no eido da toma de decisións, “facilitando unha comprensión máis profunda de como a percepción de habilidades financeiras pode afectar á toma de decisións, permitindo ás e aos emprendedores tomar medidas concretas para mitigar posibles nesgos cognitivos”. Por último, a iniciativa tamén aposta por incentivar prácticas empresariais sostibles vinculando a alfabetización financeira co desempeño empresarial e fomentando a toma de decisións informada e estratéxica.