DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha sesión celebrada o sábado na Casa da Cultura de Grou

O proxecto Aldearmos arrancou no Xurés a súa programación de 2023

A iniciativa conta co apoio do campus de Ourense e de entidades como Agadic

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 09/01/2023

O proxecto Aldearmos, un “programa de democratización cultural do e no rural" da Rede Aldear, formada por unha vintena de concellos do rural das provincias de Ourense e Lugo, arrancou o sábado no Xurés a súa programación de 2023. A iniciativa, que conta co apoio do campus de Ourense e de entidades como Agadic (Xunta de Galicia), púxose en marcha o pasado 23 de outubro en Vilar de Santos e desde entón vén percorrendo diferentes puntos do rural galego co obxectivo de contribuír á súa dinamización. 

A sesión do sábado celebrouse na Casa da Cultura de Grou, no Concello de Lobios, e contou cunha presentación da Rede; unha intervención de Anxo Moure titulada A Universidade das árbores: como sementar milleiros de árbores; sesións de contacontos co propio Anxo Moure e Uxía Morán e un concerto de Alba Grande. Completouse a programación cunha andaina na contorna do Parque Natural do Xurés.

Aldearmos é un programa que conta con catro liñas de actuación que teñen como obxectivo amosar a vitalidade do rural das provincias de Lugo e Ourense e contribuír a asentar proxectos culturais nel. A primeira desas catro liñas é Aldear na Escola, un programa de intervención socioeducativa que leva xornadas de traballo a diferentes centros educativos do rural das provincias do interior. A segunda é Aldear Campus Auga: un programa de intervencións científicas en contextos non académicos onde investigadoras e investigadores do campus de Ourense presentan os resultados das súas investigación sobre as comarcas do interior buscando unha interlocución amena e didáctica. A terceira para é Aldear Acompaña, unha oficina de promoción económica do cuarto sector e móbil, que acompaña as actividades anteriores. Por último, está a liña Aldear Itinerancias, un programa de eventos en zonas rurais onde se amosan prácticas e espectáculos de vangardas creados por en para as zonas menos despoboadas e que se constrúen a través do intercambio de programación entre os socios da rede. Tras realizarse seis eventos durante 2022, está previsto que Aldearmos realice outros seis neste 2023 ata o mes de marzo.