Coordinado por Helena Vila, contou coa participación de 146 estudantes e 28 docentes
Un proxecto avalía o uso da IA entre o alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Constatando un uso xeneralizado nos primeiros e máis específico entre o persoal docente
Un proxecto de innovación educativa levado a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte buscou analizar en que medida a intelixencia artificial “está transformando a forma en que estudantes e docentes afrontan o seu traballo académico”, segundo sinala a súa coordinadora, a profesora Helena Vila. Coa participación de 146 estudantes dos tres graos que se imparten neste centro, así como de 28 profesores e profesoras, os resultados desta análise amosan que a intelixencia artificial “integrouse de forma habitual no traballo académico do estudantado”, que emprégaa principalmente “para organizar, comprender e producir contidos”. O profesorado, por outra banda, achégase a estas ferramentas desde “unha posición máis prudente e reflexiva”, usándoa para “tarefas técnicas como elaboración de materiais e planificación docente”, ao tempo que se amosa “máis consciente” que o alumnado respecto de posibles problemas éticos derivados da súa utilización.
Seleccionado na convocatoria de innovación educativa da facultade correspondente a 2025, o proxecto La inteligencia artificial como aliada educativa: desafíos y oportunidades en la formación de estudiantes y docentes de graos en educación buscaba tamén identificar “desafíos e oportunidades” vinculados á aplicación da IA como ferramenta educativa. Como lembra o equipo responsable do proxecto na publicación da facultade que recolle os resultados desta iniciativa, a IA xerativa tense convertido “nunha tecnoloxía clave na transformación das contornas educativas, modificando a forma na que estudantes e docentes acceden á información, elaboran contidos e desenvolven competencias académicas e profesionais”. Nese senso, Vila incide na necesidade de “preparar os futuros profesionais para un escenario educativo no que a IA será unha ferramenta habitual”, de tal xeito que o propósito deste proxecto era tamén “ofrecer unha fotografía real do que está acontecendo” na facultade na que se forman os futuros e futuras docentes.
As visións de estudantes e docentes
A través dos cuestionarios respondidos por alumnado dos graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, o proxectou permitiu constatar “unha presenza moi natural da IA no día a día académico” do estudantado. A ferramenta á que recorren en maior medida é ChatGPT, a vez que empregan tamén, dun xeito “moderado”, outras plataformas como Gemini ou Copilot. Máis do 70% amosáronse satisfeitos ou moi satisfeitos con esta tecnoloxía, que empregan fundamentalmente para tarefas académicas básicas. “O que observamos é que o estudantado emprega a IA sobre todo como apoio académico para buscar información, xerar ideas, planificar tarefas, organizar traballos e mellorar a redacción. Isto indica que xa está influíndo na forma de estudar e aprender”, subliña a investigadora do grupo HealthyFit. De feito, as e os estudantes sinalan “a xestión do tempo, a resolución de problemas e a competencia dixital”, como os aspectos da súa formación aos que poden contribuír en maior medida unhas ferramentas que “lles permiten avanzar con máis fluidez e menor carga cognitiva”.
Os resultados deste estudo amosan á súa vez que “tamén emerxen dúbidas” entre unha parte do alumnado, xa que algúns “cuestionan a fiabilidade da información xerada, temen perder habilidades propias ou móstranse preocupados pola compoñente ética”. Esta preocupación, non obstante, era máis xeneralizada entre o profesorado, que fai “un uso máis moderado” dunha “ampla variedade” de aplicacións, “orientado á mellora da práctica docente”. Entre as tarefas que sinalan en maior medida atópanse a creación e adaptación de materiais didácticos, a elaboración de recursos visuais e a planificación de actividades formativas, recoñecendo nese senso que a IA pode axudarlles á hora de “axilizar algunhas tarefas que soen consumir tempo”.
Do mesmo xeito, o profesorado tamén traslada “preocupacións lexítimas relacionadas coa ética, a fiabilidade da información, os nesgos e o impacto sobre a calidade da aprendizaxe”. Non obstante, Vila ve estas inquedanzas como “unha mostra de responsabilidade profesional e madurez pedagóxica”, xa que outra das cuestións nas que fan énfase é a necesidade de formación neste eido, así como de “políticas institucionais que avancen nunha integración pedagóxica máis profunda” destas tecnoloxías. “A IA non vén substituír o profesorado, senón a reforzar a necesidade dunha docencia aínda máis consciente, crítica e intelectual”, conclúe a investigadora principal deste proxecto.
Sesións formativas
O proxecto abrangueu tamén a realización de tres sesións formativas sobre IA, “que tiveron moi boa aceptación” e nas que participaron máis de 30 docentes do campus. Así mesmo, levouse a cabo unha “intervención práctica” nunha materia do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no que a intelixencia artificial foi empregada para o deseño dunhas prácticas, obtendo unha “boa resposta por parte do alumnado”, que descoñecía que as actividades propostas tivesen sido deseñadas con IA.
Xunto á súa coordinadora, neste estudo participaron tamén os investigadores e investigadoras Virginia Serrano, José María Cancela, Óscar García, Jorge Viaño, Alba Cuba, Javier Carballo, Tania Álvarez, Mario Iglesias e Telmo Silva, así como Ángela Rodríguez, da Universidad de León.
