Realizado polo investigador da UVigo Xurxo Costoya
Un proxecto avaliará o impacto do cambio climático na incidencia do mildio e a alternaria nos cultivos de pataca en Galicia
O estudo está financiado polo Campus Auga no marco do convenio asinado coa Xunta de Galicia
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, realizou este ano unha nova convocatoria para a concesión de axudas a proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente do campus de Ourense. A convocatoria xa está resolta e a proposta elixida é o proxecto Proxección do risco climático de mildio e alternaria na pataca baixo escenarios futuros en Galicia (ClimPataca), do investigador da Universidade de Vigo Xurxo Costoya.
Estas axudas pretenden “potenciar a captación e retención de talento para o persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal da convocatoria 2023 vinculado cun centro do campus de Ourense, que afiancen unha liña de investigación baseada nun proxecto que potencie as liñas de especialización do Campus Auga”. A iniciativa está financiada no marco do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027).
O proxecto, que es financiará con 20.000 euros, será realizado por Xurxo Costoya, investigador posdoutoral na Universidade de Vigo, onde desenvolve o seu traballo no marco do programa Ramón y Cajal no grupo de investigación EPhysLab (Environmental Physics Laboratory-CIM). A súa traxectoria científica céntrase no impacto do cambio climático sobre os procesos oceánicos e atmosféricos, cunha marcada perspectiva ambiental. A súa liña de investigación integra oceanografía física, modelización climática de alta resolución e análise de datos mariños e atmosféricos para abordar retos relacionados coa sostibilidade, o desenvolvemento das enerxías renovables e a avaliación do risco ambiental.
Proxeccións para o período 2030-2059
Sobre o proxecto que realizará o investigador sinala que “o cambio climático está chamado a ter un impacto profundo e crecente sobre a agricultura a nivel global, afectando tanto á produtividade dos cultivos como á súa sanidade vexetal”. Galicia, engade, non é allea a esta realidade e o sector agrario da comunidade debe enfrontarse a retos relacionados co aumento da temperatura, os cambios nos patróns de precipitación e a maior frecuencia de eventos extremos. Concretamente, o investigador da UVigo explica que o cultivo da pataca representa un piar fundamental da produción agrícola galega, tanto polo seu peso económico como pola súa presenza territorial, especialmente en comarcas como A Limia, Bergantiños ou Sarria. “A súa vulnerabilidade fronte a enfermidades como o mildio (Phytophthora infestans) e a alternaria (Alternaria solani) fai necesario anticipar como evolucionarán estes riscos baixo escenarios futuros de cambio climático”, apunta.
Neste marco de traballo, o obxectivo xeral do proxecto ClimPataca é avaliar a influencia do cambio climático sobre a incidencia destes dous patóxenos nos cultivos de pataca en Galicia, mediante a integración de modelos climáticos de alta resolución espacial e modelos epidemiolóxicos específicos. Para iso, nel empregaranse proxeccións climáticas futuras do proxecto CMIP6, que serán adaptadas á escala rexional galega a través de técnicas de redución de escala co modelo WRF. Unha vez obtidos e validados os datos simulados de temperatura e humidade, aplicarase o modelo Infection Pressure para o mildio e o modelo P-Days para a alternaria, co fin de estimar a evolución do risco de infección en cada caso durante o período 2030-2059 en comparación co período histórico (1985-2014) e baixo dous escenarios climáticos (SSP2-4.5 e SSP5-8.5).
Os resultados do proxecto incluirán mapas de risco climático con alta resolución espacial, táboas comarcais con indicadores clave e un visor web interactivo para facilitar o acceso aberto aos datos. “Esta información será de utilidade para agricultores, técnicos, administracións e investigadores, contribuíndo á toma de decisións informadas e á planificación de medidas de adaptación fronte ao cambio climático no sector primario galego”, sinala o responsable da iniciativa.
