DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Herdeiro da iniciativa LitterDrone, empregará drones con cámaras e bases de datos para mapear areais

O proxecto BEWATS monitorizará a procedencia e o destino do lixo mariño depositado nas praias

Analizará a influencia das correntes para determinar de onde veñen e ata onde van os residuos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/12/2019

Durante dous anos, o proxecto LitterDrone implicou a investigadores da Universidade de Vigo, da empresa Grafinta e da Asociación Española de Basuras Marinas no desenvolvemento de ferramentas innovadoras para o control e xestión remota de lixo mariño a través de UAVs, vehículos aéreos non tripulados. Esta iniciativa pioneira rematou no pasado mes de xaneiro, pero un novo proxecto, bautizado como BEWATS, retomará algúns dos seus desenvolvementos para ir un paso máis aló e monitorizar a orixe e o destino dos residuos que acaban nas praias.

Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) explica que BEWATS (Beach Waste Tracking System) o proxecto, “que pode considerarse como unha continuación de LitterDrone”, foi seleccionado na convocatoria Pleamar da Fundación Biodiversidade cun orzamento total de 131.440 euros para un ano de duración. 

Esta nova iniciativa consta de tres partes ben diferenciadas. Por unha banda, tratarase de mellorar algúns aspectos de LitterDrone, como o software de identificación do lixo ou o programa de integración e solapamentos das diferentes imaxes tomadas polos drones. “Aproveitaremos a información sobre o lixo que obtivemos con LitterDrone, pero tamén faremos novos voos empregando o software existente para obter información detallada sobre posición e tipo de residuo. Os datos deses voos tamén se utilizarán para mellorar a aplicación”, explica Martín.

A segunda parte do proxecto é a máis innovadora. Nela os investigadores empregarán por unha banda os datos obtidos polas cámaras fotográficas instalas nos UAVs e, por outra, a información pública que proporciona o Ministerio de Transición Ecológica sobre o estado das praias. “Son informes menos detallados ca os que se obteñen cos drones, pero cobren moitas máis praias, cun mínimo de unha por cada provincia costeira, e realízase catro veces ao ano”. Con toda esta información “tentaremos saber cal foi e cal será a influencia das mareas, é dicir, determinar de onde veñen eses residuos e tamén ata onde poden chegar arrastrados polas correntes mariñas”. É nesta parte do proxecto na que entra o segundo socio de BEWATS, o ICMAT, Instituto de Ciencias Matemática do CSIC en Madrid, que se encargará de facer modelos que permitan estimar o papel das correntes na distribución do lixo nas costas.

Finalmente, unha terceira etapa do proxecto consistirá en que, unha vez que ese modelo xerado por ICMAT determine as posibles fontes de residuos ou destinos dos mesmos, intentar comprobalo con imaxes de satélite. Trátase, apunta Martín, de “ver se realmente eses puntos do mapa xeran residuos, de que tipo e que hai preto deses lugares que poida estar xerando o lixo”. Para esta parte do proceso procederase á contratación dunha empresa especializada en imaxe por satélite, GMV, en Barcelona.

Un Google Maps das praias

Para desenvolver o proxecto o equipo da UVigo empregará cámaras fotográficas instaladas en drones, que permitirán facer un mapeado dos areais, “unha especie de Google Maps dun momento concreto coa maior resolución e detalle posible para identificar os restos que hai na praia”. Para seguir o fluxo dos residuos polas correntes utilizaranse imaxes de satélite públicas, principalmente do Sentinel 2, do proxecto Copernicus da ESA. “Non sabemos ata onde imos poder chagar seguindo o percorrido do lixo, é unha das incógnitas, dependerá dos modelos do CSIC”, recoñece Martín.

O proxecto abranguerá toda a costa española grazas aos datos proporcionados polos informes do Ministerio, pero arrancará na ría de Vigo. “Temos os datos que obtivemos en LitterDrone e ampliarémolos con novos voos de varias zonas, incluso as Cíes, aínda que con certas limitacións por ser un parque natural”. Comprobarase se existen fontes principais de residuos e a que praias afectan principalmente. Con todo, atendendo ás correntes mariñas o foco está posto nas Cíes en na zona de Monterreferro, entre Patos e Prado, xa que están na saída da ría, onde se tende a acumular o lixo. 

O xermolo de LitterDrone

Bewats toma o relevo do proxecto LitterDrone, do que o investigador Fernando Martín fai unha valoración moi positiva. O informe oficial europeo recoñece que se conseguiron todos os obxectivos e ademais supuxo un fito importante para o grupo de investigación, para o que se abriu un novo campo de traballo, o da imaxe aérea e de satélite. “Moita xente dicía que era mellor investir en recoller que en monitorizar, pero deste xeito podemos identificar orixes e destinos do lixo mariño e así saber onde hai que tomar medidas dun xeito eficiente”.

No que se refire á tecnoloxía, Bewats tratará de mellorar a tecnoloxía desenvolvida ata o momento e facer fincapé na súa utilidade. Para iso, crearase unha nova versión do programa que mellore algunhas das súas capacidades, como a de empregar imaxes de varias cámaras, optimizando a fusión das mesmas. Traballarase tamén para perfeccionar os métodos de identificación dos obxectos. Ata agora, o sistema baséase na forma para determinar o tipo de residuo, pero o investigador recoñece que “identificar todo o que hai nunha praia é un reto case imposible”, inalcanzable incluso para os humanos, por iso este é “o gran reto”, conclúe.