A iniciativa contou coa participación dun equipo da UVigo
O proxecto C2 Axenda 2030 Local remata reforzando as capacidades dos pequenos concellos
Este martes e mércores celebrouse o evento de peche na Deputación de Pontevedra
O pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes e mércores o evento final do proxecto C2 Axenda 2030 Local, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VIN-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027. Na iniciativa, participada pola UVigo, traballouse na implementación da Axenda 2030 en municipios rurais desde a colaboración transfronteiriza, reforzando as capacidades dos concellos de menos de 10.000 habitantes.
C2 Axenda 2030 Local, indican desde a súa organización, respondeu á “necesidade de reforzar as capacidades dos municipios máis pequenos da contorna rural para abordar estratexias innovadoras de desenvolvemento territorial” e “quixo fortalecer a capacidade das administracións locais para integrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) na planificación, na toma de decisións e nas políticas municipais”.
Diagnósticos e propostas
Neste contexto, no proxecto as deputacións de Pontevedra (líder), Cáceres e Huelva e as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Beira Baixa e Baixo Alentejo, xunto á Universidade de Vigo, traballaron conxuntamente para despregar “un plan de traballo de carácter integrador, que incluíu, entre outros, diagnósticos e elaboración de follas de ruta a nivel local, accións de sensibilización e formación, deseño de novas ferramentas de capacitación e animación de comunidades de aprendizaxe centradas en alumar proxectos transformadores”. A iniciativa desenvolveuse de 2023 a 2026.
A filosofía do proxecto partiu da capacitación e da colaboración (o “C2”) para que os concellos teñan un papel máis activo á hora de identificar os seus obxectivos e poidan xerar sinerxías con outros que afrontan problemas e oportunidades similares. A iniciativa conseguiu implicar 80 concellos do espazo transfronteirizo, coa elaboración de 62 diagnósticos cos que se elaboraron 58 follas de ruta adaptadas a cada municipio, establecendo prioridades e actuacións concretas para avanzar na incorporación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ás políticas locais. No apartado de formación, realizáronse cinco cursos en liña impartidos pola Universidade de Vigo, 16 webinarios sobre temas de actualidade para o desenvolvemento rural e catro ferramentas de capacitación deseñadas polos socios do proxecto. Tamén se elaboraron máis de 60 proxectos transformadores perfilados a partir dun traballo colaborativo. Ademais, “creáronse unha Comunidade de Aprendizaxe e un Observatorio concibido como un espazo onde integrar o coñecemento e as boas prácticas para que todo o adquirido durante o proxecto poida seguir empregándose posteriormente”, tal e como indican desde o proxecto.
C2 Axenda 2030 Local baseouse, tal e como sinalan as entidades responsables, en tres vías principais de actuación: a diagnose e xeración de ferramentas para identificar necesidades concretas e deseñar ferramentas adaptadas, actividades de capatización colaborativa (seminarios, cursos e comunidades de aprendizaxe) para facilitar o contacto e aprendizaxe mutuas e para concretar proxectos colaborativos, e a creación dun observatorio de localización da Axenda 2030 para integrar o coñecemento e as boas prácticas identificadas durante o proxecto, que servirá tamén para darlle continuidade.
A participación da UVigo
A Universidade de Vigo participou cun equipo formado por María Isabel Doval e Breixo Martins, do grupo HC1 da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Este equipo tivo “un papel central no desenvolvemento metodolóxico, científico e formativo do proxecto, especialmente no traballo cos pequenos municipios rurais”. A súa participación centrouse en deseñar e aplicar a metodoloxía de diagnóstico do aliñamento das políticas e iniciativas municipais coa Axenda 2030 e os ODS; desenvolver instrumentos de recollida, análise e a interpretación da información municipal. Tamén se encargou de proporcionar formación e acompañamento a líderes, responsables políticos e persoal técnico municipal para reforzar as súas capacidades en materia de desenvolvemento sostible; e identificar, analizar e sistematizar boas prácticas municipais susceptibles de transferencia a outros territorios.
Outras accións do equipo da UVigo enfocáronse a introducir unha perspectiva de ‘rural proofing’, orientada a evitar que as políticas e instrumentos de desenvolvemento reproduzan nesgos urbanos e a garantir que as necesidades específicas dos territorios rurais sexan consideradas na toma de decisións; ademais de contribuír á transferencia de coñecemento entre os territorios participantes de España e Portugal. “Deste xeito, a Universidade de Vigo actúa como socio científico e metodolóxico, conectando investigación, formación, participación cidadá e acción municipal para facilitar unha aplicación da Axenda 2030 adaptada á realidade dos pequenos municipios rurais”, comenta por último María Isabel Doval.
O propósito do encontro celebrado este semana, no que participaron este mércores os deputados provinciais Javier Tourís e Pablo Castillo, foi facer balance do traballo realizado, “tamén como oportunidade para organizar unha discusión sobre os retos e oportunidades asociados ao desenvolvemento sostible no medio rural, cunha mirada a futuro”.
