DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel participan profesoras das facultades de Ciencias e Historia do campus

O proxecto Divulga-Aquis traballa con escolares a importancia cultural e científica das augas termais

Alumnado do IES Aquis Querquernis está a elaborar material divulgativo sobre esta temática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 10/03/2022

Profundar na importancia cultural e científica dun recurso natural de vital importancia como é a auga, particularizado no caso das augas termais, desde un punto de vista interdisciplinar. Con este obxectivo preséntase o proxecto Divulga-Aquis posto en marcha este curso académico por profesoras das facultades de Ciencias e Historia do campus de Ourense e do IES Aquis Querquernis, de Bande, e no que alumnado de Bacharelato está traballando arredor do coñecemento e divulgación deste recurso natural.

No proxecto participan desde a Facultade de Ciencias as profesoras e investigadoras da UVigo María Luisa Rúa, Ana Torrado e Clara Fuciños, do Laboratorio de Bioquímica (grupo de investigación AA1). Da Facultade de Historia está a profesora Susana Reboreda e do IES Aquis Querquernis, de Bande as profesoras Margarita Becerra e Ilda Blanco. A iniciativa desenvólvese coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense e da propia Facultade de Historia.

Divulga-Aquis, explican as súas promotoras, foi deseñado para desenvolverse durante o curso académico 2021/2022 e nel participan dous cursos do IES Aquis Querquernis, un de primeiro e outro de segundo de Bacharelato. A actividade, detallan, xurdiu do interese común de profesoras da Universidade de Vigo e do centro educativo participante “pola divulgación do coñecemento e da ciencia así como polo pasado da comarca, especialmente polo campamento romano de Aquis Querquennis”. A isto engádase o feito de que a investigación que realiza o Laboratorio de Bioquímica no ámbito da biotecnoloxía de microorganismos termófilos está dende o seu inicio estreitamente vinculada ao manancial termal do río Caldo, moi próximo ao citado instituto de Bande. Así, “tanto o campamento romano Aquis Querquennis como o río Caldo son centrais no proxecto Divulga-Aquis”, tal e como apuntan as súas responsables.

Catro eixos temáticos

Tomando como referencia esta comarca “rural e periférica, pero cunha gran riqueza paisaxística e histórica modulada en gran medida pola abundancia de augas termais”, as e os estudantes preuniversitarios están a profundar en catro eixos temáticos nos que a auga termal é protagonista. Estes eixos son a vida en condicións extremas e a orixe da vida; a biotecnoloxía para o desenvolvemento dunha industria sostible; o medio ambiente e a influencia das fontes termais na pegada do Imperio Romano. Rapazas e rapaces traballan na elaboración de material didáctico para cada un destes eixos temáticos e entrevistan a científicas e científicos de recoñecido prestixio en cada un deles, como poden ser membros do Centro de Astrobioloxía (CSIC-INTA, Madrid). Os resultados tanxibles do proxecto (como fichas didácticas, paneis expositivos, vídeo e páxina web) serán presentados a un público máis amplo que o participante na iniciativa, abranguendo desde a comunidade educativa do instituto participante e a poboación da comarca na que se sitúa ata público científico especializado e público xeral, a través da presenza en redes sociais.

Nun momento histórico no que a situación de pandemia universal puxo de novo o foco no medio rural e o seu abandono, este proxecto, sinalan as súas promotoras, “aspira a alimentar o orgullo polo medio natural máis próximo, a súa historia e o valor da súa conservación así como incidir na universalidade da curiosidade humana como motor para profundar nos fenómenos naturais complexos”. O modelo de educación non formal que se expón en Divulga-Aquis, indican, “aspira a contribuír a aumentar o interese pola ciencia e a investigación así como dotar ás e aos estudantes de habilidades científicas, lingüísticas e visuais que, en última instancia, contribúan a erradicar o abandono escolar á vez que esperten vocacións científicas entre o estudantado”.