DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado polo grupo Cies e financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades

Un proxecto dotará o futuro profesorado de competencias clave para abordar o cambio climático nas aulas

Tras analizar os seus coñecementos e actitudes ao respecto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 07/03/2025

Financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, o proxecto Climability busca analizar os coñecementos e actitudes respecto do cambio climático dos futuros e futuras docentes que se forman en diferentes universidades españolas, para logo deseñar e pór en práctica accións formativas que favorezan a comprensión e abordaxe educativa dos múltiples impactos do cambio ambiental global. Coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Uxío Pérez, Climability pon o foco en dúas competencias clave en materia de sostibilidade, como son o desenvolvemento do pensamento sistémico e do pensamento crítico. Estas serán avaliadas a través do cuestionario que se trasladará a preto dun milleiro de universitarios e universitarias e que permitirá identificar as dificultades e necesidades de formación do estudantado de diferentes titulacións do ámbito das Ciencias da Educación. Isto levará a súa vez ao deseño de actividades e recursos educativos abertos que permitan abordar os “procesos complexos vinculados ao cambio climático” e as súas “interconexións” con outros “fenómenos globais”, como a perda de biodiversidade ou a acidificación oceánica, segundo apuntan desde o equipo investigador. 

Estudos previos, lembran, teñen sinalado que unha “pobre comprensión dos problemas socioambientais” por parte do profesorado pode provocar “a promoción de ideas erróneas” nas aulas ou a súa abordaxe dunha forma “inadecuada”, obviando as “dimensións sociais, políticas e económicas” dun fenómeno como o cambio climático, “un dos retos máis urxentes e complexos aos que se debe enfrontar” a sociedade actual. “O clima é algo moi complexo e é preciso ver as diferentes conexións”, subliña Pérez respecto do eixe central do proxecto 'Formación docente en desarrollo de competencias clave en sostenibilidad para la acción por el clima y la descarbonización (ODS 13) en el marco del cambio ambiental global'. Xunto o investigador de Ciencias da Educación e do Deporte, en Climability participan tamén as e integrantes do grupo Cies Mercedes Varela, María Lorenzo e Nuria Castiñeira, os tamén docentes da facultade Rocío Araújo, Daniel González e Javier López e os investigadores Pedro Vega, da Universidade da Coruña, e Isabel Baños, da Universidad de Murcia.

Pensamento sistémico para mudar a educación

“As competencias son coñecementos habilidades, actitudes e valores que tes que pór en movemento para enfrontar situacións”, sinala Varela respecto dun dos propósitos centrais de Climability, o desenvolvemento do pensamento sistémico por parte das e dos futuros docentes, que lles permita ver como no cambio ambiental global “interveñen moitos procesos, que están interrelacionados”. Ao mesmo tempo, ademais de comprender “a complexidade dos problemas ambientais”, é preciso tamén que, “a través do pensamento crítico entendan que a principal causa deses problemas son as actividades humanas”, salienta Varela. Nese senso, o proxecto busca contribuír a un profesorado “máis comprometido coa abordaxe dos problemas ambientais”, que poida introducir estas cuestións no seu traballo nas aulas. 

Nese senso, o primeiro obxectivo deste proxecto, que se estenderá ata finais de 2026, é “investigar os coñecementos e actitudes do profesorado en formación sobre o cambio climático, a descarbonización e a súa abordaxe educativa”. Con esa idea, o equipo investigador traballa no deseño e validación dun cuestionario que permita avaliar estas cuestións e que as aborde ademais desde unha perspectiva de xénero, á vista da influencia que esta “soe ter sobre as actitudes e o compromiso coas causas ambientais”. O cuestionario realizarase inicialmente con profesorado en formación, “pero a idea é que poidamos logo aplicalo a diferentes colectivos”, sinala Varela.

Implicación de colectivos sociais

A partir dos resultados deste cuestionario, o segundo bloque de traballo do proxecto centrarase en deseñar, implantar e avaliar accións formativas que favorezan a abordaxe das problemáticas ambientais “desde unha perspectiva sistémica e crítica”. O proxecto contará nesta fase coa colaboración da ONG Amigas da Terra e da Confraría de Pescadores de Vigo, que “vannos axudar ao deseño e posta en marcha das accións de aula”, apunta Varela. Concretamente, a súa participación permitirá conectar a complexidade dos “problemas socioambientais” cunha realidade próxima, así como afondar nas “interrelacións entre o problema do cambio climático e a xestión dos recursos naturais”, contribuíndo a pór o foco en “como os problemas globais aféctannos na vida diaria, nas nosas actividades humanas e económicas”, subliña Varela. 

Neste caso, as accións inseriranse en materias das titulacións que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Previstas para o vindeiro curso, estas veranse precedidas nos próximos meses por unha primeira “experiencia piloto”, explica Castiñeira, que porá en relación o cambio climático “coa perda de biodiversidade e as habilidades de pensamento sistémico”. 

Finalmente, o proxecto Climability pretende tamén ofrecer na súa web materiais e recursos educativos abertos, posibilitando así a participación doutros axentes na “acción educativa climática”.