DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsadas polo grupo Gies-10 e o Concello de Marín, no marco dun convenio de colaboración

O proxecto ‘Edukasano’ dedica unhas xornadas á innovación educativa vinculada á contorna e á comunidade

Con inscrición gratuíta, desenvolveranse entre o 27 e o 29 de xaneiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 19/01/2022

Ao abeiro dun convenio de colaboración, o grupo de investigación Gies-10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e o Concello de Marín impulsan nestes meses o proxecto Edukasano, centrado en desenvolver unha intervención educativa que englobe o fomento de hábitos saudables e o traballo das competencias propias de cada etapa do ensino a través de propostas que toman como punto de partida o contexto social e cultural de Marín. No marco desta iniciativa, que pon o foco na importancia das chamadas “comunidades de aprendizaxe”, que implican non só aos centros educativos, senón tamén aos axentes da súa contorna, no proceso de aprendizaxe, o grupo Gies-10 e o Concello promoven as I Xornadas de Innovación Educativa, que terán lugar entre o 27 e o 29 de xaneiro na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Con inscrición gratuíta ata completar as súas 50 prazas e orientadas principalmente a docentes, o programa destas xornadas reúne conferencias e obradoiros dirixidos a achegar unha serie de ferramentas e experiencias de innovación para os diferentes niveis educativos.

“O que fan este tipo de xornadas é incrementar o valor que teñen as comunidades de aprendizaxe nas nosas cidades e nas nosas vilas, a importancia que ten o conxunto da sociedade á hora de promover a educación”, sinala Jorge Soto, vicerreitor do campus e presidente do comité organizador este foro. Inseridas nun proxecto que avoga polo desenvolvemento de “escolas colaborativas a través da implantación de metodoloxías innovadoras”, estas xornadas buscan pór o foco no “cambio de paradigma” que implica esa idea das “comunidades de aprendizaxe”, que poñen en valor o papel que “tanto os pais e nais, como o profesorado e o alumnado” poden xogar na mellora da educación. Á súa vez, engade Soto, este foro busca incidir tamén en como “a través da innovación é posible darlle novas formas aos procesos de ensino e aprendizaxe que se dan na escola”.

Conferencias e obradoiros

Tras o acto inaugural, no que intervirán a alcaldesa de Marín, María Ramallo; a concelleira de Educación, Marián Sanmartín; a coordinadora do grupo Gies-10, Margarita Pino, e o vicerreitor, estas Xornadas de Innovación Educativa ábrense o xoves 27 coa conferencia que a catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de León Isabel Catón centrará na implantación de proxectos de innovación nos centros educativos. A continuación, o profesor da Universidad de Granada José Antonio Marín falará “dunha metodoloxía moi en voga e que cada día ten máis sentido nas escolas”, como é a gamificación, pechándose esta xornada co relatorio que o catedrático de Tecnoloxía Biomecánica da Universidade de Alacante Basilio Pueo centrará na elaboración de contidos audiovisuais e multimedia como unha ferramenta “para resolver problemas dunha educación do século XXI”, como engade Soto..

Esta primeira aproximación verase complementada o venres por unha serie de obradoiros directamente vinculados ao propio proceso de traballo de Edukasano. Impartidos polos investigadores e investigadoras do grupo Gies-10 Sara Domínguez, Mario Diz, Lucía Lomba, Sara Pazo, Sara Fernández, Myriam Alvariñas e Xoana Reguera, os primeiros tres talleres están dedicados ao deseño de programas centrados no desenvolvemento da competencia cultural e artística en educación infantil, ás competencias en matemáticas, ciencia e tecnoloxía e comunicación lingüística en primaria e a competencia dixital en secundaria. Esta xornada completarase, pola tarde, con tres novos talleres centrados no uso didáctico “de tres aspectos moi importantes en Edukasano, como son a música, a expresión corporal e o teatro”; disciplinas que, como explica Soto, permiten traballar “a creatividade, o autodescubrimento, o ritmo, a creación individual e colectiva..., aspectos que teñen moito que ver coa formación integral”. 

Por último, as xornadas pecharanse na mañá do sábado cunha visita guiada que, baixo o título de O contexto social e natural como recurso didáctico, porá o foco no uso dos recursos da contorna como ferramenta para a aprendizaxe. 

Traballo con todos os centros educativos de Marín

Centrado na promoción, a través de metodoloxías activas, de hábitos saudables entre as e os escolares de Marín, Edukasano abrangueu o deseño de unidades didácticas para cada nivel educativo, desde infantil e bacharelato, coa contorna natural do municipio e o Camiño de Santiago como eixos temáticos. Tras a presentación das propostas aos responsables dos centros o pasado mes de novembro, o proxecto encara agora a fase de desenvolvemento dos programas nos 13 centros educativos do municipio.