Realizado por un equipo da Facultade de Ciencias encabezado por Vanesa Santás
Un proxecto elabora biocarbón para uso agrícola a partir de residuos de viñedo e acacia
A iniciativa está financiada a través da convocatoria Inou+PosDou Campus Auga
Un equipo da Universidade de Vigo conseguiu con éxito elaborar biocarbón a partir de residuos de viñedo e de acacia e aplicalo en solos de viñedo. Con el búscase mellorar a calidade deste tipo de solos e a súa microbioloxía, reducir a dependencia de fertilizantes convencionais e contribuír á sostibilidade do sector vitivinícola en Ourense.
O proxecto foi realizado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense por un equipo do grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), encabezado por Vanesa Santás e completado con Manuel Arias, Paula Pérez e Cecilia Araceli Martínez. Estivo financiado pola convocatoria a proxectos do persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense (Inou+PosDou Campus Auga 2025), financiada ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento do Campus Auga (2024-2027). A iniciativa está en consonancia coa liña estratéxica deste Campus Auga centrada na agricultura e medio ambiente, en particular coa subliña de agricultura intelixente e circular, ao promover a valorización de residuos agroforestais, a mellora da saúde do solo e a sostibilidade dos sistemas vitivinícolas.
O sector vitivinícola, comenta o equipo investigador, constitúe unha das principais actividades económicas da provincia de Ourense, onde a xestión de residuos derivados da poda, como as vides das cepas, supón un desafío ambiental. Ademais, engaden, a acacia, unha especie invasora en expansión en Ourense e Galicia, ameaza os ecosistemas autóctonos e require estratexias de control efectivas. Neste marco de traballo, o proxecto centrouse na produción de biocarbón a partir de residuos de viñedo (sarmentos) e biomasa de acacia, mediante procesos de pirólise controlada, e na avaliación do seu potencial como emenda agrícola en solos de viñedo, tanto a nivel fisicoquímico como microbiolóxico.
Resultados positivos
A nivel experimental, detalla Vanesa Santás, elaboráronse distintos biocarbóns variando temperatura e tempo de pirólise (proceso termoquímico de descomposición de materia orgánica mediante calor intenso en ausencia de osíxeno). Finalmente seleccionáronse os materiais con mellores propiedades, con maior potencial funcional para a súa aplicación en solos de viñedo desde un punto de vista agronómico e ambiental. Estes biocarbóns aplicáronse en cinco solos de viñedo con características diferentes, empregando dúas doses, e analizouse a súa evolución ao longo do tempo en condicións de laboratorio. En base aos resultados obtidos ao longo do desenvolvemento experimental, procedeuse á valoración do impacto ambiental e agronómico do biocarbón como emenda agrícola, considerando os seus efectos sobre as propiedades fisicoquímicas e a actividade microbiana dos solos. “Os cambios observados poñen de manifesto o potencial do biocarbón para modificar a dinámica fisicoquímica e biolóxica do solo, cunha resposta dependente das características iniciais do sistema edáfico, da dose aplicada e do tempo de incubación”, sinala o equipo da UVigo.
Segundo explica Vanesa Santás, os resultados obtidos indican que o biocarbón produce cambios moderados pero consistentes nas propiedades do solo, especialmente no pH, na condutividade eléctrica e na capacidade de intercambio catiónico. O efecto é máis notable en solos ácidos, mentres que en solos máis alcalinos a resposta é máis limitada. “Desde o punto de vista microbiolóxico, observouse unha resposta inicial das comunidades microbianas tras a aplicación do biocarbón, especialmente no crecemento bacteriano, aínda que este efecto tende a estabilizarse co tempo. A resposta depende en gran medida das características iniciais do solo”, engade a responsable do proxecto.
O equipo investigador indica que, en conxunto, o traballo realizado “apunta a que o biocarbón pode ser unha ferramenta interesante para mellorar a calidade do solo en viticultura, cun efecto progresivo e dependente do tipo de solo”. A transformación dos citados residuos en biocarbón permite xerar “un produto de maior valor engadido, susceptible de ser reutilizado como emenda agrícola”, aliñándose cos principios da bioeconomía circular e o fomento dun modelo de xestión eficiente e respectuoso co medio ambiente.
