DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado polo CIM-UVigo, organizou este xoves unha xornada no Ministerio de Ciencia

O proxecto EMBRedES+ continúa impulsando a sostibilidade das infraestruturas de investigación europeas

Con 60 representantes nacionais que exercen a súa actividade en Francia, Bélxica, Italia ou Portugal

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 20/03/2025

O proxecto EMBRedES+ botou a andar en 2023, coordinado polo Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, co obxectivo de consolidar e fortalecer o funcionamento do nodo español de European Marin Biological Resource Centre (EMBRC-ES), ao que pertencen a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do CIM; a Estación Mariña de Plentzia (PiE), dependente da Universidade do País Vasco; e o Banco Español de Algas (BEA- ULPGC). No marco das actividades deste proxecto, hoxe xoves celebrouse na sede do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en Madrid unha xornada que reuniu máis de 60 representantes nacionais de infraestruturas que exercen a súa actividade en países como Francia, Bélxica, Italia, Países Baixos, Finlandia ou Portugal. 

O obxectivo desta xuntanza, impulsada polo CIM-UVigo, é fortalecer sinerxías e garantir a sostibilidade das infraestruturas de investigación europeas nos ámbitos da alimentación, medio ambiente e saúde. Neste encontro tamén participaron representantes da Administración Pública, entre eles persoal da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), o Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) e o propio Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Desafíos na saúde, o cambio climático ou as novas tecnoloxías 

A xornada abordou desafíos importantes para o futuro da sociedade relativos a áreas como One Health, One Climate que supón un enfoque integral que vincula a saúde humana, animal e ambiental, destacando o impacto do cambio climático nestes ámbitos. Outro dos desafíos que se trataron na xornada é a aplicación das novas tecnoloxías nos campos da imaxe e a ómica, que combinan técnicas avanzadas de visualización e análise molecular para estudar organismos, enfermidades e ecosistemas con maior precisión. Tamén se abordou o Data FAIRification, centrado en estratexias para a xestión e estandarización de datos científicos para que sexan localizables, accesibles, interoperables e reutilizables.

Este evento constitúe unha oportunidade única para consolidar a presenza das infraestruturas de investigación españolas no panorama europeo, impulsando a colaboración en proxectos que aborden os grandes retos científicos e tecnolóxicos actuais e promovendo un modelo de colaboración conxunta entre institucións científicas e administracións públicas que garanta a súa sustentabilidade e maximice o seu impacto na sociedade.

Entre os organizadores e relatores da xornada estivo a directora científica do proxecto EMBRC-España e investigadora do CIM, Estefanía Paredes, que foi a encargada de dar benvida aos asistentes e liderar unha das sesións do evento. Así mesmo, María Huete, xestora de proxectos europeos do CIM, moderou o bloque sobre xestión e estandarización de datos científicos.