DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado polo CIM-UVigo, o obxectivo era fortalecer o nodo español de EMBRC

O proxecto EMBRedES culmina coa adhesión do Banco Español de Algas ao Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños

Únese neste nodo aos outros dous representantes españois: a Ecimat e Estación Mariña de Plentzia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/06/2021

O European Marine Biological Resource Centre (EMBRC) é unha infraestrutura de investigación continental que naceu en 2013 para coordinar e harmonizar o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa. Comprende 45 estacións mariñas distribuídas por nove países, entre elas a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, pertencente ao CIM-UVigo. O centro vigués conforma, xunto coa Estación Mariña de Plentzia (PiE), dependente da Universidade do País Vasco, o nodo español de EMBRC. Coa vista posta en fortalecer e ampliar esta plataforma estatal, en 2018 botou a andar o proxecto EMBRedES, Red para la coordinación y posicionamiento estratégico del Nodo Español del European Marine Biological Resouce Centre (EMBRC-ERIC), con financiamento estatal dentro da convocatoria Redes de Excelencia.

O seu obxectivo era “dotar o nodo español de EMBRC das ferramentas para asegurar a súa correcta xestión e coordinación, establecer mecanismos para a incorporación de novas entidades, reforzar as súas capacidades de transferencia e comunicación e fomentar a interacción con outras entidades españolas participantes nalgún Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación (ERIC)”. Tras tres anos de traballo baixo a coordinación do CIM-UVigo, o proxecto remata este mes de xuño e un dos seus principais logros é a adscrición do Banco Español de Algas (BEA) como terceiro operador do nodo español do EMBRC. Esta infraestrutura, dependente da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria e xestionada pola Fundación Canaria Parque Científico Tecnológico, fará efectiva a súa adhesión nos vindeiros meses. A súa incorporación contribuirá a ampliar a carteira de servizos ofertados polo nodo estatal e a mellorar as oportunidades de colaboracións nacionais e internacionais, impulsando o labor investigador que o CIM fai no eido das ciencias mariñas.

Por outra banda, no marco do proxecto EMBRedES tamén se estableceu un protocolo de incorporación para novas entidades que desexen adherirse ao nodo español no futuro e desenvolveuse unha folla de ruta en materia de innovación para os integrantes da rede. Ademais, leváronse a cabo actividades de formación e deseñáronse diferentes materiais de difusión do nodo, como a súa páxina web. 

José Manuel Estévez, director da Ecimat, fai un balance “moi positivo de todo o proceso”. O proxecto EMBRedES, recoñece, “foi clave para, por unha banda avanzar dando os primeiros pasos polo nodo español de EMBRC e, por outro, para explorar novas posibles vías para dinamizar o seu desenvolvemento. Neste caso o eixo central do mesmo estaba na súa ampliación coa incorporación de novos membros e en concreto, o Banco Español de Algas (BEA)”.  Esta incorporación “contribuirá a ampliar o abano de servizos ofertados por EMBRC-ES, facilitando máis oportunidades para establecer colaboracións tanto a nivel nacional como internacional e, con iso, impulsando o labor investigador do CIM”. Ademais, engade, para a Ecimat, a participación “nunha das maiores infraestruturas europeas de investigación en recursos biolóxicos mariños supón posicionar a Universidade de Vigo e o Centro de Investigación Mariña como referente na investigación mariña en Europa”.

Visitas e actividades na recta final do proxecto

Este último mes do proxecto está sendo enormemente activo, con múltiples visitas e actividades coa vista posta en ultimar os detalles do convenio para a adscrición do Banco Español de Algas, que permitirá a ampliación de EMBRC-ES e reforzará a súa interacción co tecido produtivo, a administración e a sociedade, ao tempo que se impulsa a súa internacionalización. Así, entre os días 7 e 8 de xuño o director científico do BEA, Juan Luis Gómez Pinchetti, visitou a Ecimat e o Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas (EURLMB), acompañado pola súa directora Ana Gago. Durante a súa estadía no campus vigués impartiu unha conferencia ao persoal investigador do CIM e mantivo unha xuntanza co seu director, Daniel Rey, co persoal técnico e de xestión e co director da Ecimat, José Manuel García.

Posteriormente, os días 13 e 14 deste mes, foron varias representantes da UVigo, as que visitaron as instalacións do Banco Español de Algas en Gran Canaria e a Facultad de Ciencias do Mar desta universidade. En concreto, Cristina Quelle e Mª del Rosario de la Huz, do CIM, e María Huete, do CIM-UVigo, reuníronse co persoal directivo do BEA e coa decana. Precisamente, De la Huz e Huete están a realizar estes días unha rolda de visitas en Euskadi, reuníndose co director de PiE-UPV/EHU, Ionan Marigomez, e co investigador director científico do nodo español de EMBRC, Ibon Cancio. 

Finalmente, e como peche do proxecto EMBRedES, o 28 deste mes celebrarase unha xornada de traballo virtual coa participación das entidades españolas participantes en infraestruturas de investigación europeas (RIs). Este evento, organizado polo CIM da man do Ministerio de Ciencia e Innovación, ten como finalidade xerar un foro de intercambio de opinións e experiencias entre as distintas RIs con participación española, así como establecer as bases para unha colaboración futura a nivel nacional.