DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo está liderado pola investigadora María Victoria Carrera

Un proxecto estatal afondará no rol do profesorado de ESO nas situacións de 'bullying' do seu alumnado

Nel participarán 1000 docentes e 2000 estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 01/02/2021

Analizar a relación entre os coñecementos, actitudes e prácticas docentes do profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria relativas á igualdade de xénero, a diversidade sexual e cultural e as situacións de bullying experimentadas polo seu alumnado. Este é o obxectivo do proxecto de investigación Bullying, heteronormativa e etnocentrismo: o rol do profesorado de Educación Secundaria (Bullherprofes), posto en marcha pola investigadora e profesora da Universidade de Vigo María Victoria Carrera e no que participarán 1000 docentes e 2000 estudantes de diferentes puntos da xeografía estatal.  

O proxecto está financiado pola convocatoria de 2019 de Proxecto de I+D+i, na modalidade Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación. Tendo como investigadora principal a María Victoria Carrera, do Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde, a iniciativa conta ademais de coa participación de grupos de investigación das universidades de A Coruña e La Laguna. “O bullying é un problema significativo de saúde pública que recibiu unha maior atención nas dúas últimas décadas”, explica María Victoria Carrera sobre a temática que centra a iniciativa. Porén, esta atención, advirte, “centrouse maioritariamente no alumnado, atendendo fundamentalmente á análise de factores individuais de corte psicolóxico, simplificando a problemática, e obviando a influencia de variables de compoñente máis social, tales como as normas e os discursos sociais arredor do xénero, a sexualidade e a etnia”.

Neste contexto, a escola, explica María Victoria Carrera, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, “é un potente axente de socialización que contribúe á construción da identidade a través dunha socialización heteronormativa e etnocéntrica”. Ademais, engade, o espazo educativo “constitúe un espazo interrelacional onde o alumnado desprega toda unha serie de prácticas de violencia, coñecidas como bullying e ciberbullying, alimentadas por estes estereotipos e prexuízos aprendidos, que lle permiten reafirmar a súa identidade e delimitar as fronteiras entre o eu/nós e os outros”.

Estudo cuantitativo e cualitativo

Segundo explica a investigadora do Grupo en Sexualidade, Xénero e Saúde da UVigo, “recentemente, estudos levados a cabo con adolescentes, entre os que destacan os traballos publicados polo noso equipo de investigación, demostran de forma consistente que as variables socioculturais relativas á heteronormatividade e ao etnocentrismo (tales como os estereotipos de xénero, as actitudes sexistas e de rexeitamento á diversidade sexual e cultural do alumnado) teñen unha influencia decisiva na súa participación en situacións de malos tratos escolares entre iguais”. Porén, engade, “non existen traballos relevantes que estudasen estas variables no profesorado e a súa relación coas situacións de bullying experimentadas polo alumnado”. Para dar resposta a estas limitacións e avanzar sobre a investigación previa, subliña María Victoria Carrera, púxose en marcha este proxecto, que se prolonga desde xuño de 2020 a xuño de 2023.

No proxecto, indica a súa responsable, participará unha mostra representativa de profesorado e alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria de ámbito estatal, concretamente 1000 docentes e 2500 estudantes. Metodoloxicamente empregarase un enfoque multimétodo, a través da integración do enfoque cuantitativo e cualitativo. A dimensión cuantitativa do estudo, detalla María Victoria Carrera, centrarase nunha enquisa por mostraxe e de carácter transversal e a dimensión cualitativa levarase a cabo a través da realización de grupos de discusión con alumnado e entrevistas semiestruturadas con profesorado. Esta dimensión cualitativa do estudo, detalla, “constitúe un punto clave, ao permitirnos acceder a interpretacións ás cales sería imposible chegar desde outro tipo de metodoloxías”, destacando a investigadora como entre as súas principais vantaxes está “a súa capacidade para acceder a situacións reais sen cousificar aos seus participantes, a través das súas propias voces e experiencias”.

O desenvolvemento desta investigación, indica por último a súa responsable, “permitirá mellorar significativamente a comprensión e prevención do bullying, ao analizar por primeira vez a relación dos coñecementos, actitudes e prácticas educativas do profesorado relativas ao xénero e á diversidade sexual e cultural, e o bullying experimentado polo seu alumnado”. Os seus resultados, subliña María Victoria Carrera, “serán especialmente relevantes para o deseño e desenvolvemento de programas de formación do profesorado que teñan un impacto significativo na prevención da violencia escolar e a promoción da convivencia”.