DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No estudo participa persoal investigador da Área de Edafoloxía e Química Agrícola

Un proxecto estatal analiza o impacto que teñen no solo os antibióticos de uso veterinario

Nel avalíase a presenza destas substancias en excrecións de gando e zonas de explotación intensiva

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 24/05/2017

Entre o 30 e o 80% dos antibióticos empregados en gandaría son excretados por ouriños e feces, acumulándose en esterco e xurros que ao ser aplicados no solo pasan ao medio natural cunha mobilidade que depende da capacidade de adsorción-desorción do terreo. Un proxecto de investigación estatal no que participan investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense estuda a presenza e dinámica de antibióticos en excretas de gando e en solos de cultivo, tendo como obxectivos últimos identificar áreas de alto risco de contaminación por antibióticos e valorar medidas para reducir a súa concentración e o seu paso á cadea alimentaria e ás augas. A pesar da capacidade de impacto desta contaminación e de que Galicia posúe unha importante actividade agrícola e gandeira, os investigadores sinalan que non existen estudos científicos en detalle sobre a presenza e dinámica de antibióticos en solos agrícolas e pasteiros galegos, motivo polo cal xorde este traballo.

O proxecto que desenvolven investigadores da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo leva por título Problemas ambientais derivados da presenza de antibióticos de uso veterinario no solo: mobilidade, degradación e efectos sobre os microorganismos. Financiado con 119.790 euros na convocatoria Retos da Sociedade do Ministerio de Economía e Competitividade do ano 2015, está liderado polo profesor Manuel Arias e participan nel, entre outros, os investigadores e investigadoras desta área Juan Carlos Nóvoa, David Fernández, Cristina Pérez, Remigio Paradelo e Flora Alonso, completando o equipo Monstserrat Díaz, do CSIC. O estudo enmárcase nun proxecto máis amplo e coordinado no que investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, baixo a coordinación de Esperanza Álvarez, participan encargándose no seu caso de estudar a adsorción-desorción destes antibióticos no solo, o seu transporte e as medidas de control utilizando bioadsorbentes.

O estudo, que conta coa colaboración do Inorde, explican os seus responsables, parte da hipótese de que a alta densidade de gando, o uso de antibióticos nel e a aplicación de dexeccións gandeiras nos solos de pradería e cultivo determinan de maneira importante a presenza neles de antibióticos e que as características deste solo poden afectar ao comportamento xeral destes contaminantes no medio ambiente. Deste xeito, ao longo do proxecto, os investigadores analizarán o contido de antibióticos en excretas de vacún, porcino e aviar de diferentes explotacións gandeiras de Galicia onde a aplicación de abonos e residuos de orixe gandeira é intensa. Especificamente estudarase a presenza dos antibióticos tetraciclinas e sulfonamidas, os máis vendidos e considerados respectivamente pola Unión Europea os segundos e cuartos antibióticos de maior risco en canto á vulnerabilidade dos solos.

Degradación segundo a luz e o tipo de solo

No traballo liderado polos investigadores ourensáns, que arrancou en 2016, "estúdase concretamente a degradación dos antibióticos en presenza ou ausencia de luz e o efecto da capacidade de adsorción do solo nesta posible degradación. Ademais avalíase o efecto dos antibióticos sobre os microorganismos do solo, atendendo á actividade das comunidades bacterianas e ao incremento da tolerancia destas aos antibióticos", tal e como explica o seu responsable. A cotolerancia entre distintos antibióticos e a tolerancia a antibióticos inducida pola presenza de Cu, Ni, Zn e As tamén é outros dos focos de interese deste traballo. Conxuntamente cos investigadores da USC, os membros da Área de Edafoloxía e Química Agrícola tamén avaliarán a capacidade de bioadsorbentes (como cuncha de mexillón, cortiza de piñeiro e cinza de biomasa) para minimizar os efectos negativos dos antibióticos sobre as comunidades bacterianas do solo.

Ao longo dos tres anos nos que se desenvolve o proxecto, ata 2018, os investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense que participan neste estudo cuantificarán a presenza dos antibióticos seleccionados na vexetación de pradería (raíces e tallo), no trigo (gran) e na pataca (tubérculo). Tamén estudarán a mobilidade dos antibióticos en solos de distintas características a través de diversas técnicas. Neste senso identificarán os solos de especial vulnerabilidade, aqueles onde a mobilidade é alta, o que se relacionará con propiedades físicas e química dos diferentes solos, fundamentalmente areosos e con baixo contido en carbono. Ademais de avaliar a degradación tanto en presenza de luz como en escuridade e establecer a influencia do fenómeno de adsorción en dita disipación, os investigadores analizarán o efecto de distintos solos con diferente capacidade de adsorción na posible degradación dos antibióticos estudados.