Nel participan a UVigo e as empresas TripleAlpha e Imasde Agroalimentaria
O proxecto estatal TwinBro traballa na aplicación de xemelgos dixitais e intelixencia artificial ás granxas
O campus acolleu este xoves unhas xornadas desta iniciativa sobre o futuro dixital na gandaría
O campus de Ourense acolleu este xoves a celebración da xornada Campos conectados: o futuro dixital da gandaría. O evento forma parte das actividades do proxecto TwinBro que, con financiamento estatal, desenvolve o grupo de investigación da Universidade de Vigo LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada) e as empresas TripleAlpha e Imasde Agroalimentaria. O obxectivo desta iniciativa público-privada é avanzar cara a gandaría intelixente mediante a integración nela das últimas tecnoloxías.
O proxecto
Concretamente, TwinBro é un proxecto que ten como obxectivo global o deseño, desenvolvemento e integración dunha arquitectura software innovadora de control e xestión de granxas avícolas baseada en xemelgos dixitais e aplicable á cría de polos de engorde. Componse dunha granxa física no espazo real, unha representación dixital desa granxa no espazo virtual e a sincronización entre o espazo virtual e o real para transferir datos e información mediante tecnoloxías IoT (Internet das cousas). “Isto habilita a unha xestión remota das explotacións gandeiras e mellora a eficiencia das operacións avícolas a través de datos dixitais recompilados en tempo real”, sinalan desde o proxecto.
O xemelgo dixital sobre o que se traballa está baseado nunha arquitectura de información habilitadora composta de tecnoloxías de intelixencia artificial, aprendizaxe automática, captura e transformación eficiente de datos masivos, simulación e sistemas de apoio á toma de decisións. O proxecto está agora na súa fase final e o equipo de TwinBro prepárase para levar a cabo probas piloto en granxas avícolas de Imasde Agroalimentaria, líder en I+D para a industria agroalimentaria. “Estas probas son fundamentais para validar o sistema en condicións reais de produción, asegurando a súa capacidade para monitorizar, analizar e simular problemas actuais e futuros”, indican o equipo responsable. A ferramenta deseñada, comentan desde o proxecto, “busca mellorar tanto a produtividade como o benestar animal ao facilitar intervencións remotas e unha toma de decisións con maior información”. Para o seu desenvolvemento, subliñan, “a colaboración público-privada é fundamental”.
O proxecto ten unha axuda da convocatoria de colaboración público-privada do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia e o Subprograma Estatal de Transferencia de Coñecemento, dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023 (Ministerio de Ciencia e Innovación) e no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, contando con fondos Feder da UE.
A xornada
Dentro deste proxecto e da citada xornada Campos conectados: o futuro dixital da gandaría, os seus socios reuníronse este xoves na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus, onde ten a súa sede o grupo de investigación LIA2 que participa en TwinBro. A actividade contou coa participación de Emilio López, investigador da Universidad Rey Juan Carlos e docente da Universidad de Castilla-La Mancha, “recoñecido estatístico e experto no software R, que compartiu o seu coñecemento sobre análise de datos e a súa relevancia para a innovación tecnolóxica na gandaría”.
Ademais, Patricia Vázquez, xestora de equipo de proxectos de Imasde Agroalimentaria e coordinadora de TwinBro, falou de investigación e innovación en produción animal; Iago Portela, de TripleAlpha (empresa tecnolóxica especializada en analítica de datos aplicada ao ámbito de produción e operacións), da extracción de valor dos datos no sector avícola; e Francisco Javier Rodríguez, responsable da participación da UVigo no proxecto, de xemelgos dixitais no ámbito agropecuario. A programación rematou cunha mesa redonda entre especialistas e asistentes que contou tamén coa participación de Óscar Casabuena, responsable do departamento de probas experimentais en Imasde Agroalimentaria e especialista na validación en granxa dos sistemas de captura de datos desenvolvidos ad hoc para as granxas de estudo.