DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense:

"O proxecto estrela para este ano é o Campus Terrae, que inclúe temas ambientais e organización de espazos"

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 21/01/2008

Juan Francisco Gálvez deixou o seu posto como director da Escola Superior de Enxeñaría Informática para converterse, en xuño do 2006, en vicerreitor do campus de Ourense. Tras ano e medio no cargo ao fronte do campus, conversa co Duvi para facer balance e presentar os novos proxectos para este ano.

Despois de ano e medio como vicerreitor do campus, que balance fai deste período?
O balance é moi positivo. Estou contento no cargo que é o máis importante, con moitas ganas e moito impulso. Este primeiro ano foi un pouco de toma de contacto co cargo porque te somete a moita relación institucional e a moitas reunións. Isto resta tempo do que é o traballo en si. De todas formas penso que fixemos xa moitas cousas, terminando por exemplo a piscina, algo que non foi sinxelo ou rematando o CITI, ao que xa estamos equipando. Tamén rematamos as obras do soto do Edificio de Ferro, que entrará en funcionamento o mes que vén. No ámbito da cultura continuamos apostando por eventos como a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, MITEU, e novas actividades culturais que completan a nosa oferta. Non hai tempo para aburrirse porque cousas que facer aquí sempre hai.

A Universidade de Vigo está a seguir nos últimos tempos un proceso de descentralización dos seus campus. En que punto está o de Ourense? Que se leva conseguido e que falta?
Camiñamos, máis ben, cara á desconcentración. De feito, estamos a deseñar as competencias que imos ter e todo o que queremos ir desconcentrando. Un proceso que comezou coa contratación dunha vicexerencia, Beatriz Cuíña, e que procura, cara o futuro, desconcentrar todo o que sexa xurídicamente posible, tal e como vén de anuncuar o reitor no último Consello de Goberno. Durante este ano analizaremos todos os servizos que necesitamos e, de cara ao ano próximo, iremos colléndoos un a un e vendo como se poden desconcentrar e implantar no campus, asegurándonos de que cada paso que deamos sexa correcto.

Outra das súas prioridades, ademais da figura da vicexerenta, cando chegou ao cargo era equipar o CITI. A piques de inauguralo, que supón para a Universidade e, concretamente, para o campus de Ourense?
O CITI supón ter unhas instalacións de primeiro nivel para realizar investigacións. Ademais está situado nun espazo como é o Parque Tecnolóxico de Galicia onde vai estar en contacto continuo coa empresa. Unha relación beneficiosa que sempre persegue este equipo de goberno para inserirnos no mundo que nos rodea, remarcando a nosa contribución ao I+D cara a empresa e incrementando o número de recursos externos e os proxectos de investigación para a Universidade. Unha iniciativa beneficiosa para o campus e para os seus grupos de investigación, pero tamén para un gran número de empresas. A demanda, ata o de agora, foi maior do que esperábamos.

Precisamente o CITI é unha das grandes liñas de gasto preferentes nos orzatos que se veñen de aprobar recentemente. Dos máis de 174 millóns de euros que a Universidade de Vigo ten de presuposto para 2008, canto virá para o campus? En que se vai investir principalmente?
Digamos que sumando o diñeiro que se recibe de investigación e os orzamentos propios de cada centro falamos dunha contía superior aos 30 millóns de euros, case un 20% do total.
A nivel da Vicerreitoría xestionamos en torno aos 6 millóns e medio de euros que gran parte se invertirán, este ano, en cinco novos proxectos. En primeiro lugar imos poñer en marcha o programa Ponte en forma onde un médico especialista en medicina deportiva e un técnico en Educación Física analizarán a todo o persoal da Universidade que se queira apuntar para e en función destes resultados físicos, mandaranlles unha serie de exercicios controlados.
A isto haberá que engadirlle o Gabinete psicopedagóxico e a sinatura dun convenio coa Asociación de Síndrome de Down de Ourense para incorporar a persoas con esta enfermidade para realizar tarefas de reforzo no campus.
Tamén a posta en marcha dunha ludoteca para que, fóra do horario escolar, os fillos do persoal poidan estar aquí. Por último, o proxecto estrela, o Campus Terrae, que é o que ten a partida económica máis grande, que este ano serán de 600.000 euros.

En que consiste exactamente o proxecto Campus Terrae?
É un proxecto que tenta redefinir a organización do campus para facelo máis acolledor e máis aberto aos tempos que corren. Podemos incluír nel temas medioambientais e tamén o soterramento da estrada que divide os dous campus, polo que, aínda que é un proxecto que está a liderar o campus será un proxecto de toda a cidade de Ourense, xa que haberá moitas partes que nós non imos poder afrontar. Estamos a buscar financiamento para a realización do proxecto con entidades bancarias que esperemos que nas vindeiras semanas se concrete.
Como actuacións inmediatas que queremos realizar nos próximos meses vai estar o cambio dos farois por outros fotovoltaicos e imos poñer tamén luminaria nos edificios e placas solares no pavillón de deportes para a auga quente. Por outro lado tamén é inminente a elaboración do proxecto global. Para iso estamos a traballar agora mesmo con Patxi Mangado, arquitecto de recoñecido prestixio que está a desenvolver a piscina. A nosa intención é traballar con el e espero que en pouco tempo poidamos resolvelo para elaborar un proxecto ambicioso.

Fala vostede do soterramento da estrada que divide o campus, está aprobado xa o proxecto?
Non. Evidentemente temos que ir da man do Concello neste tema. Haberá partes que non nos correspondan a nós e que, polo tanto, o seu desenvolvemento non será cousa da Universidade. É un proxecto moi ambicioso que non se vai facer nin en dous nin en tres anos. Ao mellor estamos falando de algo que se verá finalizado en dez anos pero que vai cambiar a fisionomía enteira do campus, sobre todo da parte sur. O noso campus ten unha peculiaridade, unha gran vantaxe que reside no feito de que é un campus urbano e, por tanto, temos que aproveitalo. Esa é a idea central de Campus Terrae.

Ademais de fisicamente, está o campus integrado na sociedade ourensá? Conta co apoio das institucións ou entidades locais?
A verdade é que as institucións están dando un apoio moi importante ao campus e isto reflíctese moitas veces en apoio económico e outras en apoio institucional, polo que non temos a máis mínima queixa. Existe, por exemplo, un apoio exemplar por parte da Deputación de Ourense, da que recibimos ao ano unha inversión duns 400.000 euros que controla directamente a Vicerreitoría e que facilita a realización de moitos máis cursos de extensión cultural dos que nos corresponden e unha programación cultural máis ambiciosa onde ten cabida a música, o teatro ou as conferencias. Co Concello, ata o de agora, o apoio institucional non se viu reflectido economicamente pero, a partir deste ano, imos comezar a traballar neste tema para ver se de cara ao 2009 podemos ter un convenio do tipo do que temos coa Deputación.
Tamén hai un apoio institucional moi forte por parte da Xunta. Coa Consellería de Cultura e Deporte estamos traballando para asinar nos próximos meses un convenio para a construción dun estadio con pistas de atletismo e un campo de fútbol e rugby, para o que vai ceder os terreos o Concello. Por último, contamos coa colaboración doutras entidades como a Confederación de Empresarios de Ourense, a Cámara de Comercio ou o Liceo, por exemplo. Un esforzo conxunto que garante a sostibilidade do campus e que, de xeito especial, beneficia aos nosos estudantes.

Por unha cuestión demográfica a maior parte das universidades están a perder alumnos. Mentres, o campus de Ourense chegou este ano aos case 5.200 matriculados, que valoración fai da cifra?
5.174 alumnos é a cifra exacta. Perdemos alumnos de primeira matrícula pero gañamos alumnos de posgrao. Os posgraos do campus de Ourense tiveron moito éxito, algúns incluso como o de Dereito Urbanístico e Medioambiental tiveron que deixar xente fóra polo elevado número de solicitudes. Seguiremos medrando por aí porque para o ano que vén iremos engadindo novos posgraos, ademais, curiosamente, crece tamén o número de matrículas no terceiro ciclo.
O número total rolda os 5.200 alumnos e está moi ben para un campus como o noso que non é excesivamente grande. Estamos nunha situación xeográfica que ten as súas desvantaxes, porque en Galicia todo está no eixo Atlántico e nós somos zona de interior, o que sempre pode implicar algunha dificultade máis. Hai que ter en conta tamén que en Galicia hai tres universidades, con moitas titulacións duplicadas polo que o campus de Ourense está a manterse bastante ben.

E para finalizar, a pregunta obrigada. Como vai o proceso de adaptación ao EEES?
No curso 2008/09 non se adaptará ningunha titulación do campus de Ourense. Había una petición que tiña moito interese en dar o salto, a diplomatura en Turismo pero segundo as directrices da Xunta teñen que ser titulacións exclusivas e non é o caso. De cara ao curso seguinte, polos datos que estamos manexando e as reunións que tivemos cos decanos, todos os centros cumpren cos requisitos que marcaban esas directrices e, polo tanto, poderán dar o salto ao grao se o consideran axeitado e se atopan capacitados. Evidentemente, isto vai precisar dalgún esforzo económico por parte da Universidade, sobre todo na adaptación de espazos. Xa temos peticións de algúns centros e afrontamos determinadas obras, ademais temos en marcha un equipo para que analice estas necesidades e as poida afrontar.
O importante é que os centros e todas as nosas titulacións cumpren co esixido, agora o que hai que pedir é un pouco de responsabilidade para que o salto sexa o máis coherente posible e, sobre todo, que non fagamos barbaridades, que a adaptación sexa natural. Hai que facer titulacións moi atractivas e se algunha non quere facer a adaptación ao grao co mesmo título que ten e quere cambiarse a outro terá que esperar un pouco máis, pero se presenta unha proposta coherente co equipo de goberno non vai ter ningún problema. Hai que aproveitar a oportunidade para facer plans pensados para o alumno e para o mercado laboral.

Entón pensa que as repercusións serán positivas?
O tempo o dirá. Se as cousas se fan ben e o profesorado se compromete cun cambio de metodoloxía e se pensa no contorno social e económico, se o alumno sae con competencias para traballar na empresa e se creamos titulacións atractivas posiblemente o cambio será positivo. Agora, se non hai un cambio de mentalidade a cousa pode non ser tan boa. De todos os xeitos son moi optimista. Temos un campus envexable onde hai moita tranquilidade e unión entre todos os centros polo que penso que polo menos nós imos saír moi ben parados.