A iniciativa reúne nove socios de catro países e ten un orzamento de 1,5 millóns de euros
O proxecto europeo Astral avanza no seu camiño de fortalecer a capacidade de anticipación das pemes tecnolóxicas
Os seus membros afrontan agora a transformación do coñecemento adquirido en ferramentas prácticas
En xaneiro de 2025 arrancou o proxecto europeo Astral (Anticipating Strategic Long-Term Challenges), unha ambiciosa iniciativa internacional que reúne nove socios de catro países, entre eles a Universidade de Vigo, e ten un orzamento de 1,5 millóns de euros financiado polo programa Erasmus+. Con el búscase capacitar ás pemes, startups e profesionais do sector tecnolóxico e universitario para identificar megatendencias e traducilas en estratexias sostibles e executables, cun horizonte a dez ou vinte anos vista. Os seus membros afrontan agora a transformación do coñecemento adquirido ao longo destes meses en ferramentas prácticas e aplicables.
O proxecto, que rematará en decembro de 2027, reúne entidades de Alemaña, Dinamarca, Francia e España, entre elas tres universidades, tres asociacións empresariais que tamén actúan como provedores de formación profesional continua, e tres pemes dos sectores tecnolóxicos. A participación da Universidade de Vigo materialízase nun equipo formado por persoal docente e investigador do campus de Ourense, concretamente da Facultade de Educación e Traballo Social (Maribel Doval, Manola Raposo, Javier Blanco e Jesús Deibe Fernández Simo), da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (Fernando Veiga), da Facultade de Ciencias (Juan Carlos Mejuto, Antonio Cid Sanmamed e Maruxa Alvarez) e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Jesús Vázquez). Este equipo da UVigo está coordinado por Maribel Doval, do grupo HC1 e profesora da Facultade de Educación e Traballo Social.
Transformar resultados
Na última xuntanza de socios de Astral, celebrada hai unhas semanas en Copenhague (Dinamarca) coa asistencia de Maribel Doval, os membros do consorcio puxeron en marcha o paquete de traballo centrado en transformar os resultados da prospectiva estratéxica e o pensamento a longo prazo abordados ata agora no marco do proxecto en ferramentas prácticas, metodoloxías formativas e recursos aplicables por empresas, especialmente pemes e start-ups dos sectores tecnolóxico e deep-tech. “O encontro reuniu a universidades, centros de investigación, entidades empresariais e organizacións especializadas en prospectiva estratéxica para avanzar no desenvolvemento de ferramentas que permitan ás pequenas e medianas empresas europeas anticipar os grandes desafíos do futuro e transformalos en oportunidades de innovación sostible”, comenta Doval. As pemes, lembra, son entendidas no proxecto “non só como motores de crecemento económico, senón tamén como axentes capaces de xerar valor social e ambiental, contribuíndo a unha economía máis inclusiva, sostible e resiliente”.
As sesións combinaron talleres colaborativos, dinámicas de cocreación e intercambios de experiencias co obxectivo de “identificar mecanismos eficaces para achegar as capacidades de anticipación estratéxica ás necesidades reais das empresas, facilitando que poidan detectar oportunidades emerxentes, adaptarse a contextos de incerteza e deseñar estratexias sostibles cunha visión de longo prazo”. A participación da institución galega neste encontro, sinala Maribel Doval, “reforza o seu compromiso coa investigación aplicada, a innovación educativa e a transferencia de coñecemento orientadas a fortalecer a capacidade de adaptación das empresas ante escenarios de cambio cada vez máis complexos e incertos”.
Empresas máis resilientes, responsables e comprometidas
Desde unha perspectiva ecosocial e aliñeándose cos principios da Axenda 2030, Astral, comentan desde a súa organización, “aposta por preparar ás organizacións para afrontar desafíos relacionados coas transicións ecolóxica e dixital, o cambio climático, a evolución demográfica ou as transformacións tecnolóxicas, contribuíndo ao desenvolvemento de empresas máis resilientes, responsables e comprometidas coa súa contorna”. O proxecto, engaden, “ten como obxectivo principal fortalecer a capacidade da industria europea de alta tecnoloxía para identificar tendencias de longo percorrido (as denominadas megatrends) e convertelas en oportunidades de innovación, crecemento e xeración de impacto positivo”. Para iso, o seu consorcio está a desenvolver “un ecosistema de Long-Term Future Foresighting (LTFF) que integra educación superior, formación profesional, investigación, empresas e responsables políticos”. O consorcio de Astral reúne a entidades especializadas en prospectiva estratéxica, innovación educativa e planificación a longo prazo co propósito de "impulsar unha Europa máis preparada para afrontar os retos emerxentes e aproveitar as oportunidades derivadas das transformacións tecnolóxicas, económicas, sociais e ambientais". A través deste enfoque, a iniciativa busca dotar ás organizacións de competencias para pensar estratexicamente a 10 ou 20 anos vista, facilitando a toma de decisións en ámbitos marcados pola complexidade e a incerteza. “O proxecto promove unha visión integral da innovación, na que o éxito empresarial vincúlase tamén á capacidade de responder a retos sociais, ambientais e territoriais”, afirman.
A participación da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo en Astral, sinala por último Maribel Dova, enmárcase na súa “aposta pola cooperación científica internacional e polo desenvolvemento de metodoloxías innovadoras que contribúan a afrontar os grandes desafíos do futuro”. Asemade,” permite fortalecer as redes europeas de colaboración con institucións académicas, centros de investigación, empresas e axentes públicos, favorecendo a xeración de novo coñecemento e a súa aplicación práctica”.
