Liderado polo Concello de Salceda de Caselas, a EE Forestal é un dos socios de ‘MeetYourForest’
Un proxecto europeo busca reverter a “falta de interese da cidadanía” polos bosques
A través de accións divulgativas que dean a coñecer o seu valor económico e ambiental
Nun contexto marcado polo despoboamento do rural e a concentración da poboación nas contornas urbanas, os bosques sofren “a falta de interese da cidadanía”. Esta idea constitúe o punto de partida de MeetYourForest, un proxecto financiado polo programa comunitario Erasmus+, no que participa a Escola de Enxeñaría Forestal, que ten como obxectivo aumentar o grao de coñecemento da cidadanía respecto das “boas prácticas de manexo e coidado dos bosques”. Liderado polo Concello de Salceda de Caselas, no proxecto participan, ademais da Universidade de Vigo, investigadores noruegueses e fineses e céntrase no desenvolvemento de materiais divulgativos que contribúan a “crear unha poboación consciente” do valor económico, social e ambiental dos bosques.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de cooperación no ámbito da educación de adultos e financiado con 294.548 euros polo programa Erasmus+, MeetYourForest é un proxecto liderado pola Concellería de Mocidade de Salceda de Caselas. Ademais da EE Forestal, conta coa participación da Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (Aspea), a Escola Superior para a Agricultura e o Desenvolvemento Rural de Bryne (Noruega) e da Universidade de Ciencias Aplicadas Hamk Häme de Finlandia, así como da empresa AtinServices como socio tecnolóxico. “O traballo é fundamentalmente divulgativo e formativo, pero os materiais deben contar con rigor técnico e científico e ese é o noso papel”, sinala do labor das universidades socias o director da EE Forestal, Juan Picos, que esta fin de semana participaba na primeira reunión de traballo do proxecto xunto a Ángeles Cancela, subdirectora da escola e responsable da participación do centro do campus pontevedrés neste proxecto.
Visualizar unha xestión forestal innovadora
O papel tanto da EE Forestal como dos investigadores fineses e noruegueses abranguerá tamén a selección de “exemplos de boa xestión forestal nas distintas áreas do proxecto”, co propósito de incorporalas aos “produtos formativos e divulgativos a elaborar”, explica Picos. Nese senso, a memoria de MeetYourForest fai énfase en como esa mellora da xestión forestal debe partir de facer fronte a esa “falta de coñecemento sobre como xestionalo e preservalo” e no feito de que a explotación forestal continúa susténtadose en prácticas e usos tradicionais, a pesar de que “as necesidades son moi diferentes das do pasado”.
“É importante que os cidadáns descubran novos usos do bosque máis aló dos tradicionais, usos que amosen que o bosque é unha fonte actual de beneficios, sexan económicos ou ambientais e de ocio”, salientan nese senso os promotores do proxecto. O propósito de MeetYourForest é nese senso pór en valor o monte como un “potencial subministrador de recursos” non unicamente de tipo material, senón tamén relacionados cos servizos, en ámbitos como o turismo ou o ocio e o tempo libre, perspectiva que, como sinalou o Concello de Salceda de Caselas, “convérteo tamén nun potencial creador de novos empregos”.
Dous anos de traballo
Promovido polo concelleiro de Mocidade de Salceda de Caselas, Álex Rodríguez, MeetYourForest celebrou a pasada fin de semana neste municipio a súa primeira reunión internacional, na que as e os representantes das entidades socias traballaron na definición das liñas de actuación e tarefas dun proxecto de dous anos de duración. Por unha banda, levarán a cabo un traballo de definición da “situación actual do bosque, problemas e atractivos” e de identificación de boas prácticas e de “usos innovadores e sostibles”. Esta información compilarase nun manual sobre xestión forestal, que constitúe unha das accións finais dun proxecto que prevé tamén o desenvolvemento dunha plataforma online e actividades formativas como un curso virtual e un seminario sobre usos innovadores do bosque.