Nel participan socios de catro países, entre eles a Universidade de Vigo
O proxecto europeo Coblages fomentará a cooperación interxeracional para “ter estudantes mellor preparados para un mundo envellecido”
Desenvolverase unha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense participa desde setembro de 2023 e ata febreiro de 2026 no proxecto europeo Using community-based learning to prepare higher education students for an ageing world (Coblages). Nel, socios de catro países, entre eles a Universidade de Vigo, traballan no desenvolvemento dunha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria no ensino superior para ter “estudantes mellor preparados para un mundo envellecido”.
A iniciativa, que conta cun orzamento total de 250.000 euros, está financiada pola Axencia Nacional Erasmus+ de Portugal e pola convocatoria KA220-HED Cooperation Partnerships in Higher Education, da Unión Europea. Coordinado polo Instituto Politécnico de Viseu (Portugal), ademais da Universidade de Vigo son socios Aproximar-Cooperativa de Solidariedade Social (Portugal); a Ankara Bilim Üniversitesi (Turquía); e a Asociatia European Association for Social Innovation e a Universitatea de Vest din Timisoara, de Romanía. A participación da UVigo está coordinada por Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social.
Traballando temas que preocupan á mocidade e ás persoas maiores
O obxectivo de Coblages, explican desde a súa organización, é crear unha metodoloxía que permita a profesorado de educación superior, xestores comunitarios e alumnado dos catro países socios (Portugal, Turquía, Romanía e España) apoiar a cooperación interxeracional entre mocidade e persoas maiores de 60 anos. Esta cooperación basearase no desenvolvemento de proxectos dentro dunha determinada comunidade rural. A metodoloxía deseñada permitirá a estudantes de diferentes cursos “obter competencias contemporáneas (verde, dixital e lonxevidade) para estar mellor preparados para o envellecemento da poboación”.
O enfoque para acadar este obxectivo, sinalan desde Coblages, é involucrar ao alumnado nun ambiente internacional a través de cursos curtos que despois se poidan aplicar no ámbito dunha comunidade rural en formato de "obradoiros de cidadanía interxeracionais", contando con equipos multidisciplinares e adultos maiores que vivan nela, identificando retos e oportunidades, contactando con múltiples partes interesadas e proporcionando solucións concretas. Nos grupos que se formen en cada país participante, escollerase un tema que preocupe a mocidade e maiores e tentarán propor solucións e comunicalas á propia comunidade, aos medios de comunicación, ás autoridades e aos colectivos que eles consideren e que poidan ter que ver coa posta en marcha desas medidas de mellora do problema abordado. En cada grupo participará arredor dunha ducia de estudantes e outras tantas persoas maiores dunha aldea que teña un proxecto comunitario interesante. Os equipos de universitarias e universitarios estarán acompañados por profesionais de diferentes áreas (contribuíndo tamén á conexión academia-comunidade), como docentes e community managers.
Neste contexto, o equipo da UVigo liderará o desenvolvemento da metodoloxía para usar Coblages como ferramenta para a cidadanía interxeracional na preparación das e dos estudantes; a formación conxunta dos socios e o establecemento de directrices e ferramentas para a implantación activa e facilitación de obradoiros de cidadanía interxeracionais. Tras unha primeira reunión presencial en Viseu (Portugal), está previsto que a seguinte xuntanza do proxecto teña lugar no campus de Ourense a finais de xuño.