DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Post-Growth Innovation Lab é un dos socios de ‘ExPliCit’, financiado cunha axuda Marie Curie

Un proxecto europeo explora modelos de economía circular alternativos ao mercado global

Porá o foco na posibilidade de implantar cambios no sector dos equipos eléctricos e electrónicos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/12/2022

Unha visión crítica da economía circular, entendida como a incorporación de determinadas cuestións ambientais ao actual modelo económico para garantir a súa continuidade, constitúe o punto de partida de ExPliCit (Exploring Plausible Circular Futures), un proxecto europeo do que forma parte o Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo e que ten como obxectivo analizar como este paradigma podería aplicarse en escenarios alternativos aos dunha economía de mercado global. Financiado polo programa Horizonte Europa, dentro das accións Marie Sklodowska-Curie Rise, trátase dun proxecto liderado pola Universidade de Nápoles, no que participan dez institucións académicas e entidades sociais e empresariais de España, Italia, Bélxica e Reino Unido. O seu principal propósito, como sinala o investigador do Post-Growth Innovation Lab Brais Suárez, é o de “investigar como sería a economía circular baixo outras configuracións sociais e políticas”, o que abrangue desde a análise teórica de diversos “futuros posibles” ao intento de pór en práctica algunhas das ideas xurdidas desta análise nuns casos de estudo centrados nas cadeas de subministro de produtos eléctricos e electrónicos.  

“A economía circular é un concepto político. Detrás hai valores, intencións e ideoloxías políticas que afectan á forma na que se configuran os sistemas de economía circular. En Europa popularizouse baixo unha visión promercado que fala de reciclar ou de reempregar, pero isto non implica que se reduza a extracción de materiais ou a xeración de residuos”, sinala Suárez Eiroa, coordinador dun dos paquetes de traballo do proxecto. Financiado con preto de 350.000 euros nunha convocatoria de accións dirixidas a fomentar a mobilidade e o intercambio de coñecemento, trátase dun proxecto no que a UVigo está representada polo grupo dirixido por Mario Pansera. Xunto ao Post-Growth Innovation Lab, participan tamén investigadores das universidades de Sheffield, Sevilla e Catania, así como de Nápoles. Fóra do ámbito académico, agrupa socios como a Asociación Andaluza de Electrodomésticos y Otros Equipamientos del Hogar, a empresa Revertia, a rede ABIS (Academy of Bussiness In Society), a organización italiana de defensa dos consumidores Federco e a Confederación Nacional Italiana de Artesanía e Pequenas e Medianas Empresas. 

A economía circular como un proceso político e non neutro 

“En liñas xerais, o sistema económico estúdase en todos os manuais como un sistema pechado, no que os fluxos económicos viaxan dun sitio a outro e xeran crecemento”, salienta Suárez Eiroa, que lembra que este tipo de modelos deixaron fóra durante décadas “ás cuestións ambientais e sociais”, ata o desenvolvemento da idea da economía circular. Mais, como recolle a memoria deste proxecto, esta é vista con frecuencia como “un proceso directo, neutral e apolítico”, en lugar de como un “concepto político”, sinala. “O que pretende é crear a ilusión de que é posible pechar de novo o sistema económico para manter as cousas como ata agora. Trátanse os problemas ambientais como externalidades do sistema, pero non se analiza nin a natureza deses problemas ambientais nin as consecuencias sociais asociadas”, subliña este investigador, que incide en que este concepto reforza “mecanismos que buscan manter as cousas como ata agora”. 

Fronte ás “solucións tecnocráticas actuais”, os socios deste proxecto inciden en que “hai unha falta de discusión sobre como se podería organizar un sistema económico verdadeiramente circular”. Nese senso, ExPliCit busca dar resposta, como sinala Suárez, á pregunta de que acontecería “se pensamos a economía circular baixo outras formas de ver o mundo e de organizar a produción e o consumo”. 

Da análise global á realidade concreta dun sector

Fronte “unha economía circular baseada nun enfoque tecnocrático”, os impulsores deste proxecto fan énfase na necesidade de “reestruturar” as cadeas de subministro, o conxunto que engloba desde os provedores de materia prima e os produtores dun determinado ben, ata os canais de distribución, vendedores e clientes. A partir dun conxunto de indicadores ambientais, sociais e económicos, o proxecto busca analizar como poderían reconfigurarse estas cadeas tendo en conta, xunto aos aspectos ambientais, “cuestións de xénero ou de xustiza social ou laboral”, á vez que romper coa idea “de que é necesario crecer indefinidamente”.

Esta análise realizarase tanto desde unha óptica xeral como pondo o foco nun “conxunto de sectores estratéxicos clave”. Concretamente, na industria dos equipamentos eléctricos e electrónicos, dado a necesidade de “materias primas críticas” que implica, a complexidade das súas cadeas de subministro e o feito de que se trata dun sector no que a transición cara esa economía circular foi ata o de agora “moi limitada”, posto que menos do 20% dos seus residuos son xestionados de acordo con criterios ambientais. 

Tres anos de traballo

De 36 meses de duración e coordinado polo investigador Andrea Genovese, o proxecto articulase en tres paquetes de traballo, dous deles centrados, nunha análise “máis teórica” sobre “como poden ser esas configuracións alternativas”, explica Suárez. Ese é o caso do bloque que coordina este investigador e que se centra na definición das técnicas para a análise de diferentes escenarios e dun segundo consistente na identificación de redes de produción e cadeas de subministro compatibles con eses escenarios. Finalmente, o terceiro paquete de traballo dedicarase ao desenvolvemento de estudos de caso xunto cos socios non académicos, coa idea de pór a proba algunhas das ideas definidas nos dous bloques previos. 

Nese senso, entre os traballos do proxecto figuran investigacións “sobre a compatibilidade dos modelos de economía circular con contextos económicos de libre mercado” e en sistemas orientados ao crecemento económico. Nun segundo chanzo, estudaranse “marcos de economía circular alternativos” para logo levar a cabo unha “comparación dos sistemas de produción lineal e circular” nas industrias seleccionadas. Finalmente, a investigación contempla o estudo de que mecanismos e iniciativas políticas permitirían favorecer a implantación destes modelos alternativos “O obxectivo sería chegar a definir certas políticas que poderían encamiñarnos cara eses futuros preferibles na organización da produción”, salienta Suárez dun proxecto que celebra o 17 e 18 de xaneiro a súa reunión de lanzamento en Nápoles.