DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun orzamento de 5 millóns de euros, catro anos duración e 16 socios de oito países

O proxecto europeo LabPlas, liderado pola UVigo, rastrexará a procedencia do plástico presente no medio ambiente

Traballarán no Mar do Norte, os ríos Elba e Támese e na contorna do encoro de Cecebre

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/06/2021

Nos últimos anos desenvolvéronse multitude de proxectos de investigación centrados en avaliar a presenza no medio mariño de plásticos e microplásticos e o impacto que xeran dende un punto de vista ambiental. Pero o 80% desas partículas que están nos mares e océanos do planeta teñen unha orixe terrestre, motivo polo que resulta imprescindible unha abordaxe ampla e multidisciplinar do problema, que é a que propón o proxecto LabPlas, seleccionado na convocatoria europea H2020 e coordinado pola Universidade de Vigo.

A iniciativa, cun orzamento de 5 millóns de euros (medio millón corresponde á UVigo), reúne 16 socios de oito países co obxectivo de rastrexar as fontes de plástico no medio ambiente. Para isto une expertos e expertas en avaliación da contaminación, modelado ambiental, química ambiental, oceanografía, hidroloxía, paleoecoloxía, ecoloxía de solos, microbioloxía, enxeñaría da auga, nanotecnoloxía, economía e transferencia de coñecemento. Por parte da Universidade de Vigo participan o grupo Ecotox, liderado por Ricardo Beiras; o Grupo de Ecoloxía Animal, coordinado por Jorge Domínguez e o grupo de Dolores Garza, Erenea (Economía dos Recursos Naturais e Ambientais). 

O IP do proxecto LabPlas (LAnd-Based solutions for PLAStics in the Sea) é o catedrático Ricardo Beiras, que explica que o obxectivo final é “reducir a entrada de plásticos ao ambiente”. Os grupos traballarán conxuntamente para avaliar as interaccións dos plásticos co medio ambiente e os ciclos naturais, determinar cales son as súas procedencias, a tipoloxía e o tamaño dos residuos e o seu percorrido ata chegar ao medio mariño. Os científicos pretenden que, con este coñecemento, as administracións públicas e o tecido empresarial poidan tomar decisións e desenvolver medidas que permitan combater a contaminación plástica sobre bases científicas sólidas. Para iso contarán con ferramentas computacionais prácticas que axudarán a trazar un mapa dos puntos críticos afectados polo plástico. 

Un dos principais focos de atención do proxecto serán os microplásticos, imposibles de eliminar da natureza, polo que a comunidade científica centra os seus esforzos en evitar que acaben no medio ambiente ao descompoñerse envases, botellas, roupa, etc. Como destaca o catedrático da UVigo, a pesar de que cada vez se desenvolven máis estudos sobre os microplásticos, “aínda existe unha falta de métodos analíticos adecuados e validados para a detección e cuantificación de micro e nanoplásticos, o que implica un gran reto para a súa monitoraxe neste proxecto”. 

Traballo de campo en dúas zonas principais

Os traballos, que arrancan este mes de xuño, centraranse na recollida de mostras durante os dous primeiros anos e no modelado ambiental nos dous seguintes. O consorcio estudará contornas tanto terrestres como acuáticas, e neste último tipo, tanto augas mariñas como continentais. Para iso fixáronse dous marcos xeográficos prioritarios de traballo. Por unha banda, o Mar do Norte e os ríos Támese e Elba, que desembocan nese mar, “polo que é unha área xeográfica ampla que se vai tomar como exemplo de como os plásticos veñen das contornas continentais a través dos ríos e acaban no mar”. Por outra banda, tamén se recollerán mostras nunha área máis pequena en Galicia, no encoro de Cecebre, que achega auga potable á cidade da Coruña. O consorcio vai analizar o posible efecto do aporte de microplásticos e de aditivos químicos á auga potable, para o que estudarán os ríos Barcés e Mero, o embalse e a continuación do río Mero ata a desembocadura no Burgo. Outro punto de estudo será na contorna da AP9, xa que a zona tamén recibe microplásticos que se despenden das rodas dos automóbiles pola fricción co asfalto. “O polvo que soltan recóllese na escorrentía e iso acaba no encoro”, o que segundo recalca Beiras, a nivel toxicolóxico “é moi prexudicial, xa que conteñen moitas substancias químicas”.

Toma de mostras

Para rastrexar as fontes do plástico, os equipos de traballo tomarán mostras de auga, sedimentos, solos e incluso organismos que poden inxerir microplásticos. Con todo, sobre este último aspecto, Beiras puntualiza que a principal vía de exposición dos seres humanos ao plástico non son os alimentos mariños, “é moi rebuscado pensar que o peixe é a principal vía de exposición, porque os microplásticos os podemos atopar no po, na auga potable, nas fibras da roupa, en todas partes”. 

Os investigadores monitorizarán a presenza tanto de macroplásticos (> 25mm), como de mesoplásticos (5-25mm), microplásticos grandes (1-5mm) e microplásticos pequenos (1µm - 1mm). A gran diferenza do tamaño das mostras é unha das partes máis complexas do traballo, xa que os equipos de mostraxe deberán empregar distintas ferramentas e aparellos para capturar cada un dos tamaños. 

Tras rematar os dous primeiros anos de traballo esencialmente de campo, os datos recollidos alimentarán os modelos ambientais, que tratarán de seguir os movementos de cada unha das fraccións de tamaño no ambiente “para ver onde son máis abundantes, se quedan na columna de auga, se van ao fondo, se a inxiren os organismos, etc”. 

Finalmente, os últimos paquetes de traballo consisten en poñer estas ferramentas a disposición das administracións e axencias públicas reguladores para mellorar as directivas e a lexislación que está en constante desenvolvemento. 

Os aditivos químicos dos plásticos biodegradables

Unha das temáticas innovadoras que tamén se van abordar neste proxecto son os aditivos químicos que se empregan na fabricación dos plásticos biodegradables, un aspecto preocupante e pouco analizado ata agora, segundo os investigadores. Como relata Ricardo Beiras, o problema principal dun obxecto de plástico non é o polímero co que está fabricado, senón os aditivos químicos que se empregan para poder traballalos, para que teñan cor, para que resistan ao calor ou a luz... que en moitos casos son tóxicos”. Na fabricación dos novos plásticos biodegradables, “que se mineralizan e desaparecen”, emprégase unha maior cantidade dese tipo de substancia química. “Para facer un plástico de amidón de pataca ou de caña de azucre hai que botarlle máis cantidade de aditivos para que teña unhas propiedades aceptables para o mercado. É dicir, creas un plástico que se degrada pero tes que vixiar cantos aditivos e cales empregas na súa fabricación”. 

Por iso, un dos paquetes de traballo de LabPlas centrarase en analizar a presenza deses aditivos na natureza, avaliar a súa toxicidade e achegar á industria a información ecotoxicolóxica necesaria para producir produtos o máis ambientalmente inocuos no contexto da economía circular. Para iso contan coa implicación no proxecto de BASF, unha das empresas máis importantes na produción de plásticos, coa que colaborarán para identificar os aditivos máis tóxicos e buscar os máis indicados para que o produto final cumpra coa súa función pero sendo o menos nocivo posible e respectando a normativa de fabricación e calidade.