DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este venres a xuntanza dos seus socios

O proxecto europeo Promiseang busca novas proteínas a partir de biomasa de fontes mariñas subexplotadas

Na iniciativa participan once entidades de cinco países liderados por un equipo da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 29/11/2024

O campus de Ourense acolleu este venres unha xuntanza do proxecto europeo Promiseang, centrado no desenvolvemento de novas proteínas a partir de biomasa de fontes mariñas subexplotadas. Nel participan once entidades de cinco países europeos, entre eles a Universidades de Vigo, líder da iniciativa.

Promiseang arrancou en setembro de 2023 e está previsto que remate en agosto de 2027, contando con financiamento da Circular Bio-based Europe Joint Undertaking, da Unión Europea. Ademais da UVigo son socios o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC); Conservas Rianxeira SA; Contactica SL; Moa Biotech SL; o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía; a Associação do Instituto Superior Técnico para a Investigação e Desenvolvimento; Biozoon Food Innovations Gmbh; Centiv Gmbh; Prof. Waclaw Dabrowski Institute of Agriculture and Food Biotechnology e a University of Veterinary Medicine Budapest. Na súa xuntanza en Ourense cada socios expuxo o estado do seu traballo e próximos pasos a seguir.

Aproveitamento de recursos

O proxecto ten como obxectivo desenvolver proteínas novidosas a partir de fontes mariñas pouco aproveitadas, incluíndo invertebrados mariños, macroalgas, descartes e residuos industriais, mediante fermentación con fungos, lévedos ou bacterias. "Isto debería xerar nova biomasa proteica microbiana que cumpra cos requisitos do mercado para alimentos, pensos e produtos non alimentarios, como produtos farmacéuticos e cosméticos", indican desde a organización. A iniciativa tamén quere demostrar “unha biorrefinería técnica e economicamente viable para a produción de proteínas microbianas, o que permitirá altos rendementos, tempos e custos de produción reducidos, un impacto ambiental mínimo e unha maior dispoñibilidade de proteínas na UE”. Adoptando un enfoque de cero residuos, igualmente recuperará e sintetizará compostos e moléculas bioactivas non proteicas para aplicacións alimentarias, de pensos e non alimentarias.

Concretamente, entre os resultados agardados de Promiseang están a identificación de fontes de proteínas pouco ou nada aproveitadas, determinando os perfís nutricionais e de metabolitos de máis de 30 tipos de residuos biolóxicos mariños. A iniciativa tamén quere extrapolar os achados a calquera tipo de residuo alimentario, contribuíndo ao desenvolvemento de novos procesos de fermentación de proteínas biolóxicas e reducindo o desperdicio alimentario. Outros retos que se marca son identificar dez subprodutos de alimentos mariños axeitados como substratos de fermentación de biomasa; crear sete ingredientes non proteicos empregando biomasa residual e desenvolver produtos alimentarios, pensos e produtos non alimentarios nutritivos, saudables, seguros e sostibles, creando máis de 30 formulacións e entregando, cando menos, catro prototipos alimentarios, cinco de pensos e tres non alimentarios.

Tres grupos de investigación da UVigo

Por parte da UVigo participan en Promiseang os grupos de investigación de Organización do Coñecemento; BiotecnIA_Biotecnoloxía Industrial e Enxeñería Ambiental e Investigacións Agroambientais e Alimentarias, con Pablo Cabanelas, José Manuel Domínguez e Jesús Simal respectivamente como investigadores principais. O grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias está implicado na identificación e caracterización de fontes mariñas pouco explotadas, como invertebrados mariños, macroalgas, subprodutos de peixe e moluscos da industria conserveira, aproveitando a súa experiencia en bioloxía mariña, biotecnoloxía e química de produtos naturais. BiotecnIA colabora na implementación e mellora de procesos de fermentación con fungos, bacterias ou lévedos para producir biomasa proteica sostible a partir destes subprodutos. Esta biomasa proteica será empregada para formular diversos alimentos. Pola súa banda, o grupo de Organización do Coñecemento encárgase de realizar estudos de mercado para os produtos alimentarios que se desenvolvan.