DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A localidade acolle a reunión internacional de ‘In Common Sports +’

Un proxecto europeo reúne 200 competidores nunhas “olimpíadas sénior” en Sanxenxo

O seu obxectivo é fomentar a práctica de actividade física nas persoas maiores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/06/2022

Deseñar e levar a cabo torneos deportivos ideados para persoas maiores de 65 anos, co propósito de coñecer a influencia que ten a competición como factor de motivación cara a práctica de actividade física é un dos obxectivos do proxecto europeo In Common Sports+: Fit, Food and Fun for Elderly!, do que forma parte o grupo de investigación HealthyFit da Universidade de Vigo. Financiado polo programa europeo Erasmus+ Sports e coordinado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, este proxecto celebra, hoxe xoves e mañá venres, a súa segunda xuntanza internacional en Sanxenxo, onde promoveu nesta xornada unhas “olimpíadas sénior” nas que participaron preto de 200 maiores. 

Como explica o investigador principal do grupo HealthyFit, José María Cancela, un dos propósitos deste proxecto é “coñecer a adherencia e a motivación que se xera nas persoas maiores a través da competición”, o que leva á posta en marcha de torneos de “deportes adaptados” como o que tivo lugar no pavillón municipal de Baltar, na que tomaron parte 170 participantes no programa da actividade física para maiores deste municipio e un grupo de 30 veciños de Vila Nova de Cerveira.

Xunto a esta Cámara Municipal e o grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o proxecto ten como socios ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo, ao municipio italiano de Cesena, á asociación Zoldpont de Hungría, ao municipio búlgaro de Aksakovo e ao Instituto Público de Deportes da localidade eslovena de Nova Gorica. Todos eles están representados nunha reunión dirixida a abordar as diferentes liñas de traballo dun proxecto que analiza como fomentar a práctica deportiva entre as persoas maiores. O Centro Cultural Casa Mariñeira Don Fernando de Portonovo é a sede dun encontro, ao que se sumou este xoves a recepción aos participantes por parte dos concelleiros de Deportes, Daniel Arosa, e Urbanismo, Flavia Besada. Así mesmo, o evento contou tamén coa visita de representantes das cámaras municipais de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Valença e Monçao, co propósito de coñecer as dinámicas dos xogos ante a futura participación destes municipios noutra das competicións do proxecto.

Competir con deportes adaptados a esta poboación

Mais de 450 maiores participan, en cinco países, nas sesións de adestramento semanais que se insiren nesta iniciativa, como as do programa de exercicio para maiores de Sanxenxo, que sumou a súa actividade habitual a preparación das competicións. Co obxectivo de analizar a súa evolución, o grupo HealthyFit realiza dúas avaliacións anuais deste grupo, “nas que analízanse capacidades físicas como a residencia aeróbica, a forza, a composición corporal, o equilibrio estático e dinámico e a coordinación”, sinala Cancela. 

Este grupo de participantes, xunto cos procedentes de Vila Nova de Cerveira, competiron esta mañá en Baltar nunhas “olimpíadas” que abrangueron versións adaptadas voleibol, baloncesto e balonmán, xunto con boccia, “un xogo similar á petanca”, e torneos de “xogos tradicionais como a chave, os bolos e a billarda, para o que contamos coa colaboración da asociacións de xogos tradicionais do Salnés”, explica Cancela. Nese senso, un dos bloques de traballo deste proxecto, coordinado pola UVigo, céntrase precisamente na adaptación, a partir da información recollida polos diferentes socios, “das regras dos deportes colectivos e dos xogos tradicionais que máis poidan axustarse ás persoas maiores”, co obxectivo de pór a proba esa “motivación cara a práctica do exercicio físico a través dun deporte colectivo”, adaptado ás características desta poboación. De feito, o torneo deste xoves comprendía, por exemplo, partidos de voleibol nos que era posible agarrar a pelota en lugar de unicamente golpeala ou encontros de balonmán “nos que non está permitido o contacto e nos que a pelota ten que pasar por todos os xogadores antes de lanzar a portería”. 

A influencia da alimentación

Coordinado pola técnica da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira Manuela Ferreira, o punto de partida desta iniciativa foi o proxecto Olympics4All, co que este municipio portugués puxo en marcha en 2015 estas “olimpíadas” de deporte sénior, continuado posteriormente polo proxecto europeo In Common Sports que buscaba afondar nos factores que supoñen unha motivación nas persoas maiores cara a práctica deportiva. Tras o seu peche en 2021, esta iniciativa vese agora continuada por In Common Sports+, que mantén a liña de traballo e os socios do proxecto anterior, incorporando ao instituto esloveno e unha nova liña de análise centrada na nutrición. O obxectivo neste caso, como sinala Cancela, é estudar “a relación entre a alimentación e a súa condición física”, así como observar posibles diferencias entre países, a través dun “cuestionario dirixido a coñecer os seus hábitos alimenticios”.