DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está financiado con case sete millóns de euros polo programa H2020

O proxecto europeo SoildiverAgro bota a andar co obxectivo de mellorar a biodiversidade dos solos de cultivos

O investigador do campus de Ourense David Fernández é o seu coordinador

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 19/06/2019

Durante cinco anos e cun orzamento total de case sete millóns de euros, 22 socios de sete países, liderados desde a Universidade de Vigo, traballarán na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo. Será no marco do proxecto europeo SoildiverAgro, cuxa primeira reunión de traballo se celebrou este mércores en Santiago de Compostela.

SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) está financiado polo programa H2020, o programa de financiamento de investigación e innovación da UE, cun total de 6.999.888,75 euros, correspondendo á Universidade de Vigo unha subvención de 987.875 euros, o 14% do orzamento total. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense polo investigador David Fernández Calviño, da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, a iniciativa conta coa participación de socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia participan, ademais da Universidade de Vigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez. No encontro celebrado este mércores na sede de Feuga en Santiago de Compostela, os 22 socios reuníronse por primeira vez e definiron o plan de traballo, centrándose na planificación de actividades para os próximos 12 meses dun proxecto que se desenvolverá ata finais de maio 2024.

Reducir o uso de insumos externos

O proxecto céntrase na adopción de novas prácticas de xestión e sistemas de cultivo que melloren a xenética do solo e a biodiversidade funcional para reducir o uso de insumos externos (como fertilizantes, funxicidas, auga e combustible) ao tempo que aumenta a produción e a calidade dos cultivos, a prestación de servizos ecosistémicos e a estabilidade agrícola e a resiliencia da UE, segundo destacan os seus responsables. Para acadar este obxectivo, analizaranse 90 sistemas agrícolas en nove rexións europeas e deseñaranse e estableceranse 15 estudos de campo en seis das zonas participantes.

A través de SoildiverAgro, explican desde a súa organización, preténdese avanzar en temas como “a mellora da biodiversidade do solo; a redución da incidencia de pragas e enfermidades; os incrementos no crecemento e desenvolvemento das plantas; os incrementos nos rendementos, calidade e valor dos cultivos; a redución de insumos; o aumento da fertilidade do solo; as reducións da contaminación do solo; a redución das emisións de efecto invernadoiro e os incrementos na retención de carbono do solo”. Así, detallan, a atención do proxecto centrarase no uso de prácticas innovadoras de manexo baseadas en micorrizas do solo e bacterias promotoras do crecemento das plantas; o manexo apropiado de organismos do solo; a aplicación de rotacións de cultivos axeitadas, múltiples cultivos e cultivos intercalados; o desenvolvemento de sistemas de alerta de pragas; o uso de cultivos de captura de nutrientes; o emprego de cultivos de trampa para o control de pragas; o uso de subprodutos que melloran o solo e a aplicación de sistemas axeitados de labranza.

“Para garantir a rápida adopción de medidas que fomenten a biodiversidade do solo, desenvolveranse métodos e instrumentos mellorados e as prácticas exitosas de manexo de cultivos serán analizadas desde as perspectivas ambientais, económicas e sociais”, indican desde a organización do proxecto. Unha acción clave para o éxito desta iniciativa, apunta, é acadar “unha participación axeitada dos usuarios finais potenciais, xa que os agricultores non adoptarán sistemas de cultivo e prácticas de manexo que melloren a biodiversidade do solo a menos que se demostre a rendibilidade socioeconómica dunha xestión adecuada da biodiversidade do solo”. Así, o proxecto adoptará unha estratexia de enfoque multiactor baseada na promoción das interrelacións entre todos os axentes que forman a cadea de valor do sector agrícola.