DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado este luns fíxose balance das súas actividades ata o momento

O proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action aposta polo fomento do emprendemento feminino a calquera idade

Na iniciativa participan a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Investigación
DUVI Ourense 06/06/2022

Co reto de contribuír a fomentar o emprendemento desde unha perspectiva de xénero, desde setembro de 2019 a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) participan no proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN! (Mulleres Emprendedoras en Acción). Este luns, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu o evento final da iniciativa en Ourense, que en agosto rematará a súa actividade. Nel fíxose un balance positivo da súa actividade a prol de rachar a fenda aínda existente entre homes e mulleres á hora de crear o seu propio emprego ou negocio.

Elena Rivo, investigadora principal por parte da UVigo en Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!, lembrou como este proxecto naceu para “fomentar o emprendemento feminino a calquera idade” tendo en conta que só en Europa “o 35% do emprendemento é feminino, cando somos a metade da poboación”. A profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense destacou a boa acollida desta iniciativa entre institucións e participantes e fixo un balance positivo do desenvolvemento da súa actividade a pesar de que a pandemia, indicou, obrigou a adaptar a programación ás circunstancias vividas. Pola súa banda, Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, salientou que a participación neste proxecto “é un orgullo para a CEO porque este tipo de traballos dan continuidade á colaboración, á traxectoria que temos de tan ampla colaboración, tanto coa Universidade como coa Deputación” en eventos que, recalcou, teñen como “fin último a creación de emprego, de empresas, a consolidación do tecido empresarial e a mellora da súa competitividade”.

Por último, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, subliñou que este proxecto e o evento celebrado este luns poñen “de relevo a forma de traballar desde Ourense utilizando a colaboración público-privada pero sobre todo o talento do noso campus”. Nun “escenario cheo de dificultades pero de enormes posibilidades” que se abre tras a pandemia no contexto europeo, dixo, “é moi importante ter interlocución directa coas institucións comunitarias e o acto de hoxe é reflexo claro desa capacidade de interlocución e desa capacidade de xerar fondos e de materializalos en proxectos”.

Eixes e actuacións

Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!, lembrouse na xornada deste luns, conta con financiamento da Comisión Europea, formando parte do programa de Alianzas Estratéxicas Erasmus+ para a educación e a formación profesional, e está dirixido a mulleres emprendedoras de calquera idade con proxectos de menos de tres anos de actividade ou mulleres cun proxecto de creación de empresa. Ademais da Universidade de Vigo e da CEO, son socios o Eléo Conseil e a Societè Interfaces, de Francia; a Universitat des Saarlandes, de Alemaña, e a Association des Mompreneurs de Belgique, de Bélxica. A participación de Ourense está liderada, a través do Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da UVigo. Os seus obxectivos estrutúranse en tres eixes, como son sensibilizar ás mulleres sobre a creación de empresas; fomentar a creación de empresas entre as mulleres; desenvolver as habilidades e competencias das mulleres; axudar ás empresas creadas a ter éxito e permitir ás mulleres expandir o seu negocio, como pode ser a través da creación de redes.

No repaso ás actividades realizadas ata o momento, Elena Rivo destacou a elaboración do cómic Mulleres en acción. Unha guía para o emprendemento. Na publicación, catro mulleres decididas a pór en marcha os seus propios proxectos empresariais inician na Ribeira Sacra unha viaxe que as levará a percorrer os camiños do emprendemento e diferentes países da Unión Europea. Igualmente, lembrou a elaboración dun vídeo divulgativo con exemplos de éxito de mulleres emprendedoras dos países participantes, entre elas unha ourensá. Aínda que condicionado polo impacto da pandemia, o proxecto tamén contou coa celebración de transnacional meetings, entre eles un celebrado en Ourense en setembro do pasado ano, no que participaron os socios do proxecto para avanzar no seu desenvolvemento. Do mesmo xeito, ao abeiro da iniciativa, organizáronse diferentes mobilidades entre mulleres emprendedoras e estudantes dos países participantes. Así, o pasado mes de marzo, un grupo de universitarias alemás estiveron durante tres días en Ourense para afondar no emprendemento feminino e madurar as súas ideas e devolvendo esta visita, un grupo de sete estudantes dos graos de Administración e Dirección de Empresas (ADE); ADE-Dereito e Turismo do campus de Ourense foron en abril á Universitat des Saarlandes, na cidade alemá de Saarbrücken. Alí expuxeron os seus proxectos de emprendemento baseados na creación dunha consultaría empresarial especializada en temas ambientais e un restaurante temático por continentes.

Outras das accións levadas a cabo por parte da UVigo e a CEO foron un programa de formación sobre emprendemento, titoriais formativos e un taller de creación de negocio propio. Así, detallan desde o proxecto, durante o transcurso da iniciativa leváronse a cabo dous cursos orientados a mulleres que teñen un proxecto de creación de empresa e/ou mulleres xa empresarias (con menos de tres anos de actividade) co obxectivo de proporcionarlles unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver un plan de negocio ou mellora. Ademais, realizáronse programas de asesoramento práctico e individualizado, que lles posibilitaron coñecer a súa verdadeira situación e así poder actuar en consecuencia sobre a base de elementos obxectivos.

Máis contidos

Alén de falar do proxecto, a xornada contou cunha intervención da xornalista Sonia Torres, que falou da comunicación como unha ferramenta nos negocios, e outra de Luz Doporto, deputada de Igualdade e Reto Demográfico da Deputación de Ourense, que presentou o programa EmprendOU, financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ) e que concede axudas de 675 euros ao mes (cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses) para mozas e mozos que presenten proxectos empresariais ou de autoemprego en municipios rurais de menor poboación. Tamén se expuxeron diferentes casos de éxito de mulleres emprendedoras en Ourense, participando concretamente Natalia Silva (Blue Silk); Beatriz Alcalá (La Zapatería del Abuelo), Andrea Lama (avogada) e Ana María Álvarez (Alloa).