DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel participan os investigadores da Facultade de Ciencias Pedro Araujo e José Ángel Cid

O proxecto Facter realiza unha nova mostraxe para caracterizar as augas termais e minerais de Galicia e o norte de Portugal

A iniciativa quere mellorar o coñecemento dos sistemas de fallas que controlan os seus circuítos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 04/06/2025

Os investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Pedro Araujo e José Ángel Cid participan no proxecto Facter, que ten como obxectivo mellorar o coñecemento dos sistemas de fallas que controlan os circuítos das augas termais do noroeste peninsular, ofrecendo o modelo conceptual de circulación e orixe destas augas. No marco da súa actividade, están a levar a cabo esta semana a segunda campaña de mostraxe de augas e gases disoltos nas augas termais e minerais de Galicia e o norte de Portugal. 

O proxecto Facter (Nueva aproximación multidisciplinar a la caracterización de fallas activas, y su interacción y control de los procesos geotérmicos y sísmicos intraplaca del NW de la península ibérica), está financiado pola Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. O seu coordinador principal é Fidel Martin González, da Universidad Rey Juan Carlos e nel participan 23 investigadores e investigadoras de dez organismos de investigación de cinco países, nomeadamente España e Portugal.

No estudo determinaranse cales e como son as estruturas xeolóxicas que controlan o ascenso de fluídos termais e a súa localización e que determinan as súas características. “Os sistemas xeotérmicos fisurais, os existentes no noroeste da península, desenvólvense a través de complexos sistemas de fracturación nas partes máis someras da cortiza terrestre. Son circuítos complexos e en moitas ocasións non ben estudados”, explican os investigadores da Universidade de Vigo. O coñecemento das estruturas e os controis xeolóxicos que favorecen estes sistemas xeotérmicos é un dos maiores retos científicos no estudo da orixe de augas termais. Para avanzar neste coñecemento, detallan, “requírese a integración de numerosas disciplinas que poidan caracterizar esta actividade xeotérmica e a súa localización, como xeoloxía estrutural e xeoquímica de fluídos”.

Ampliando a zona de mostraxe

Na primeira campaña do proxecto, celebrada en xuño de 2024, mostráronse diversos puntos de augas de Ourense, Lobios, Baños de Molgas, Lugo, Caldelas de Tui, Caldas de Reis, Mondariz e Fontenova. “Os resultados obtidos na devandita campaña permitiron, a través da análise das características físico-químicas e isotópicas das augas subterráneas e os gases disoltos nelas, detectar a presenza de fluídos endóxenos (profundos) en varios destes puntos, principalmente dióxido de carbono pero tamén gas helio-3, un isótopo do gas helio, que provén principalmente do manto superior e que, a través das grandes fallas que cruzan toda a cortiza continental desta zona, ascenden e disólvense nas augas termais, ata a superficie”, comentan os investigadores. Estes resultados coinciden con estudos previos realizadas por investigadores portugueses que tamén colaboran neste proxecto científico, como son os profesores Rosário Carvalho, da Universidade de Lisboa; Paula Carreira, do Centro Ciências e Tecnologias Nucleares, e José Manuel Marques, do Instituto Superior Técnico de Lisboa. Ditos estudos apuntan á existencia dun achegue anómalo de fluídos mantélicos a través das grandes estruturas tectónicas da rexión. 

Na segunda campaña que se realiza agora participan ademais de Pedro Araujo, José Ángel Cid e Fidel Martin González o investigador Rayco Marrero Díaz, do Centro Nacional Instituto Geológico y Minero de España (IGME-CSIC). Nesta quenda preténdese estender a área de estudo incluíndo tamén A Coruña, Zamora e o norte e nordés de Portugal (Melgaço, Monção, São Pedro do Sul, Vila-Flor, etc.). “Desta forma, a comparación de resultados entre xacementos do mesmo tipo en España e Portugal permitirá establecer as similitudes e diferenzas entre os distintos circuítos termais e a influencia que outros factores (topográficos, hidrolóxicos e xeolóxicos) provocan na calidade e cantidade do recurso termal”, afirma o equipo investigador.