DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contando coa participación do grupo Aerolab da Universidade de Vigo

O proxecto Gexpoctep fomentará a innovación e a sostibilidade en gandaría autóctona na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés

A iniciativa empregará ferramentas dixitais de última xeración en explotacións piloto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 04/11/2026

O grupo de investigación Aerolab da Universidade de Vigo participa nun novo proxecto Interreg chamado Gexpoctep. A iniciativa une socios de Galicia e norte de Portugal co obxectivo de avanzar na innovación e na sostibilidade en gandaría autóctona e mellorar a preservación ambiental e o desenvolvemento rural e económico da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. 

Cun orzamento total de arredor 2,2 millóns de euros, o proxecto é beneficiario da 8ª Convocatoria do Programa Interreg VI-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O consorcio internacional de Gexpoctep está liderado pola Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nel participan de España, ademais da Universidade de Vigo, GDR 10, Mareterra Conservas e a Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia). De Portugal están a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, o CCDR Norte, a Cooperativa Agro Rural de Boticas, a Cooperativa Agrícola do Barroso e ICNF (asociado). A xornada de lanzamento do proxecto tivo lugar en outubro na Câmara Municipal de Montalegre (Portugal). 

Por parte da UVigo participa o grupo Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab), pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, cos investigadores Higinio González e Fernando Veiga á cabeza. O seu traballo centrarase na ámbito da gandería de precisión, que é a aplicación de tecnoloxías para a obtención, procesamento e transmisión de datos que permitan monitorear e controlar o gando e asegurar a xestión eficiente e sostible dos recursos.

Modelo de gandaría extensiva intelixente

Gexpoctep, explican desde a súa coordinación, aposta pola valorización da gandaría extensiva, a preservación das razas autóctonas e a aplicación de solucións innovadoras para a xestión sostible do territorio e a prevención dos incendios forestais, querendo contribuír a impulsar territorios rurais máis sostibles, resilientes e innovadores. A iniciativa, que se prolongará ata finais de 2028, execútase integramente no territorio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX). Co fin de mitigar o abandono de terras e a alta incidencia de incendios forestais nela, Gexpoctep proponse implementar un modelo de gandaría extensiva intelixente que actuará como cortalume natural, utilizando o pastoreo dirixido para controlar de forma ecolóxica a biomasa do monte. Para optimizar o uso do solo e preservar a biodiversidade, o proxecto despregará ferramentas dixitais de última xeración en explotacións piloto de vacún e equino de razas autóctonas (cachena, barrosá, puraga e garrano).

Entre as tecnoloxías que se implantarán e nas que centrará o seu traballo o equipo da Universidade de Vigo participante destacan tres. Trátase de cercados virtuais e colares GPS para monitorizar o gando en tempo real sen necesidade de infraestruturas físicas; drones con cámaras multiespectrais e térmicas para avaliar a calidade do pasto e calcular a biomasa forestal e sensores de humidade e temperatura do solo integrados en sistemas de información xeográfica. 

O proxecto inclúe outras liñas de actuación coas que quere contribuír a reforzar a competitividade do sector gandeiro mediante a valorización das razas autóctonas e dos seus produtos, favorecendo a innovación, a sostibilidade e a transferencia de coñecemento entre os distintos axentes implicados e o desenvolvemento de novos produtos de valor engadido e de turismo gastronómico. 

A participación neste proxecto dá continuidade ás liñas de especialización do grupo Aerolab, que traballa en mobilidade (nos seus diferentes ámbitos, destacando o aéreo) e na xestión de infraestruturas de transporte, aplicando tecnoloxías como sistemas aéreos non tripulados, sistemas de navegación satélite, satélites de observación terrestre, sistema de información xeográfica, visión por computador, lidar, algoritmos de control e optimización e xeoinformación e intelixencia artificial.