DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza celebrada este venres en Vigo

O proxecto Iberos+ explora novas colaboracións con grupos de investigación e entidades vinculadas á biofabricación

Tamén se presentaron os avances científicos deste instituto para o envellecemento saudable

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Saúde
  • Transferencia
DUVI 30/05/2025

O Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos+), formado por 17 grupos de investigación de universidades, entre eles o de Novos Materiais e o de Inmunoloxía da UVigo, institutos de investigación, fundacións e catro empresas innovadoras de Galicia e o norte de Portugal, celebrou este venres en Vigo unha xuntanza para explorar novas colaboracións e expandir o seu alcance. 

Durante a IV Xornada Iberos+, representantes de grupos de investigación e entidades alleas a este proxecto presentaron as súas capacidades e liñas de traballo en relación co campo da biofabricación, co obxectivo de identificar sinerxías e potenciais oportunidades de colaboración cos membros do instituto transfronteirizo.

Na procura de sinerxías

O evento celebrouse no Pazo Los Escudos e as charlas convidadas cubriron unha perspectiva multidisciplinar que abarca dende a investigación científica ata a transferencia de tecnoloxía. Lorena Boquete abriu a xornada en representación do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia (da empresa pública Galaria), cuxa estratexia de desenvolvemento, produción e escalado de terapias avanzadas inclúe converter os avances en biofabricación en produtos clinicamente viables, por exemplo no relativo á produción de tecidos e órganos artificiais.


Este campo da enxeñaría de tecidos e órganos é a especialidade do Advanced Biofabrication Lab, representado na xornada por Daniel Nieto. Este grupo de investigación do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña avanza na investigación sobre bioenxeñaría traslacional, centrada na innovación de solucións para a bioimpresión 3D e a fabricación biolóxica.

Tamén por parte da UDC participou na xornada María Gloria Álvarez, que interveu en representación da plataforma de impresión 3D do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), que presta servizos de deseño e prototipado de ferramentas e dispositivos médicos e participa en iniciativas nacionais e internacionais relacionadas coa bioimpresión e a enxeñaría de tecidos.

No que respecta ao sector industrial, na xornada participou Loli Pereiro, directora do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), que agrupa empresas, centros de investigación e universidades con actividade en áreas afíns á biofabricación, como biomedicina, agroalimentación, biomateriais e bioprocesos industriais, ademais de promover a transferencia de coñecemento neste campo entre o laboratorio e o mercado.

Avances do proxecto e na elaboración do Libro Blanco

Tras a intervención dos potenciais colaboradores, a IV Xornada Iberos+ centrouse na presentación dos avances e resultados dos proxectos colaborativos que se atopan actualmente en desenvolvemento no seo desta rede transfronteiriza.

Por outra banda, tamén se fixo unha posta en común da evolución das tarefas de elaboración do Libro Blanco de Biofabricación, que busca anticiparse á medicina do futuro para facilitar a toma de decisións informadas, tanto por parte da comunidade científica e da saúde como por parte das administracións públicas e a industria. A finalidade deste texto é ofrecer proxeccións útiles para que a Eurorrexión Galicia-norte de Portugal poida posicionarse do mellor xeito posible no mercado global da bioimpresión, a enxeñaría de tecidos, os órganos artificiais, a rexeneración de tecidos e os bioimplantes, cun crecemento estimado anual do 15 % no período 2024-2029.