DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo GeoTECH coordina un consorcio de 18 socios de 8 países cun orzamento de 5 m€

O proxecto Infra-Rob deseñará solucións robotizadas para o asfaltado e reparación de fochancas nas estradas

Trátase de minimizar a intervención dos traballadores nos labores máis pesados e de maior risco

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/06/2021

Un cento de persoas morreron mentres traballaban nas estradas españolas en cinco anos (2015-2019), dos que a metade eran operarios de conservación e mantemento das mesmas. Estes falecementos súmanse ás mortes nas estradas, moitas delas derivadas do mal estado destas infraestruturas. É por isto que  no marco da convocatoria H2020 a Comisión Europea puxo un marcha unha liña que pretende abordar os problemas das estradas e, concretamente, dos tramos en obras asociados a estas. Entre os proxectos aprobados neste programa está Infra-Rob, unha iniciativa internacional liderada pola Universidade de Vigo que ten como finalidade empregar solucións robotizadas autónomas para o mantemento da integridade, o rendemento e a seguridade das infraestruturas viarias.

O grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías Aplicadas, lidera un consorcio de 18 socios de oito países (España, Portugal, Italia, Bélxica, Alemaña, Austria, Suíza e Dinamarca) do que forman parte tanto universidades como empresas, centros tecnolóxicos, consultoras e mesmo corporacións de autopistas e autovías e asociacións de profesionais de seguridade viaria. A finalidade é empregar a robótica para reducir a sinistralidade existente en tramos de obras, tanto dos propios traballadores como dos condutores que circulan por esta vías. O proxecto ten unha duración de 42 meses, con inicio previsto en setembro de 2021, e un orzamento de 5 millóns de euros, dos que 860.000 quedan na Universidade de Vigo.

Reducir os riscos para as persoas traballadoras e usuarias

O catedrático e investigador principal do grupo GeoTECH, Pedro Arias, explica que o proxecto “aborda os problemas relacionados co asfaltado e reasfaltado, reparación de fochancas e fendas no asfalto, así como a mellora da tecnoloxía empregada nas barreiras de seguridade existentes”. Para acadar estes obxectivos os investigadores deseñarán unha serie de solucións robotizadas que permitirán minimizar, e mesmo nalgúns casos eliminar, a intervención das persoas traballadoras nos labores máis pesados e de maior risco nos procesos de mantemento e reparación destas infraestruturas, como destaca Arias. Ao mesmo tempo, os socios do proxecto tamén desenvolverán “solucións tecnolóxicas baseadas en robots” que terán como finalidade “reducir o risco de accidentes dos vehículos que circulan por estas estradas”.

Sinais de alarma ante posibles riscos de accidente

A Universidade de Vigo, ademais de levar a cabo as tarefas propias da coordinación do proxecto, encargarase de desenvolver a parte do proxecto relacionada coas cuestións de seguranza de vehículos e persoas traballadoras. “Imos desenvolver solucións baseadas en drones conectados con robots en terra para monitorizar como se comportan tanto os operarios como os vehículos que circulan por estas vías”, explica o investigador Pedro Arias. Esta monitorización permitirá xerar “sinais de alarma ante posibles riscos de accidentes dos usuarios afectados, tanto por velocidades excesivas como por traxectorias irregulares dos vehículos, falta de atención, localizacións inapropiadas, etc”, resume Arias.