DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo grupo Gies-10, válese das aplicacións de videochamadas para xerar contidos 

Un proxecto de innovación busca facer dos ‘videopodcast’ unha ferramenta didáctica

A iniciativa arrancou cun ciclo de conversas con egresados de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/03/2021

Tanto no ámbito social e familiar, como no profesional e mesmo na propia produción de contidos audiovisuais. A covid-19 e o confinamento fixeron que ao longo dos últimos meses as videochamadas e as videoconferencias estivesen presentes de múltiples formas na vida diaria de gran parte da cidadanía. Con esa idea como punto de partida, un proxecto de innovación docente do grupo de investigación Gies-10 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte busca promover o uso do videopodcast como ferramenta didáctica. “Trátase dun formato moi coñecido, que todos utilizamos no último ano e que é factible levar a cabo con poucos recursos”, salienta o profesor Diego Alonso, coordinador dun proxecto que busca “trasladar este formato audiovisual á aula”, tendo en conta a combinación de docencia presencial e virtual dun curso marcado pola pandemia.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada pola facultade para o presente ano, o proxecto atópase actualmente na fase de formación dos doce docentes e integrantes do grupo Gies-10 que participan nesta iniciativa. O obxectivo é que ao longo do ano desenvolvan os seus propios contidos en vídeo, dando así continuidade ao “proxecto piloto” co que a iniciativa arrincou o pasado cuadrimestre, unha serie de coloquios virtuais con profesionais formados na facultade que Alonso levou a cabo no marco da materia Actividades de fitness, do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. "Aproveitamos un formato que todo o mundo empregou durante a pandemia para achegarnos a diferentes contextos laborais e persoais vinculados ao mundo dos servizos deportivos”, explica.

Múltiples contextos de uso

O proxecto Video-podcast como recurso educativo: aplicación de TIC´s en la docencia semipresencial busca contribuír a que as e os docentes adscritos poidan trasladar o uso didáctico dos videopodcast “ao contexto que consideren oportuno”, desde a organización de coloquios ou entrevistas virtuais á creación de “pílulas educativas” ou a tarefas de divulgación, sinala Alonso. Con esa idea, este docente encárgase de coordinar unha fase formativa na que, tras presentarlles a experiencia que levou a cabo o pasado cuadrimestre, busca achegarlles tanto ao uso de “software específico para gravar a pantalla e o son”, como a ferramentas de edición, á vez que achegarlles suxestións de cara á realización dun guión ou en materia de iluminación e encadre. A partires de aquí, explica, a idea é que o proxecto continúe xa cun asesoramento “máis individualizado”, segundo o tipo de contidos que cada participante decida levar a cabo e as súas necesidades, para finalmente realizar tamén unha avaliación de cada proposta, co propósito de obter “un feedback final do alumnado e do propio profesor”.

Encontros virtuais coa realidade profesional

Charlas de Fitness é o título da iniciativa coa que Alonso puxo inicio a este proxecto, no marco dunha materia optativa na que buscou “achegar ao alumnado ao mundo laboral, desde a perspectiva e a experiencia de antigos alumnos e alumnas da titulación”. A través de videochamadas, Alonso realizou sete videopodcasts nos que entrevistaba a egresados e egresadas que actualmente atópanse traballando no sector dos servizos deportivos como directores de instalacións, coordinadores de salas de fitness, monitores e recuperadores. Estas charlas, que buscaban que o alumnado puidese “coñecer a realidade do sector e os seus requisitos”, integráronse na “dinámica da materia, como unha tarefa adicional e voluntaria”, explica Alonso, que foi incorporando estes coloquios a unha canle privada de Youtube e “vinculándoa aos contidos da materia” no portal de teledocencia Moovi.

“Supoño que pola situación que estamos vivindo, levar a realidade laboral ás casas do alumnado dunha maneira diferente, a través de xente que estudou con eles, foi tamén un incentivo”, salienta Alonso, que destaca a “moi boa acollida” que o estudantado brindou á proposta. Así o puido constatar nun cuestionario anónimo, que respondeu o 71% do alumnado da materia. Destes, o 87% visualizaran cinco ou seis destas sete “charlas informais”, achegando tanto unha “valoración positiva” da iniciativa como suxestións de cara a próximas edicións dunha actividade que Alonso prevé manter nos próximos cursos.