A través dun conxunto de experiencias educativas, obradoiros e conferencias
Un proxecto de innovación combina matemáticas, ciencia e arte na formación de futuros docentes
Participan máis de 200 estudantes de CC da Educación e do Deporte
Co obxectivo de dotar o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de competencias docentes clave no seu futuro como profesionais, un proxecto de innovación educativa promove un achegamento a metodoloxías que, desde un enfoque interdisciplinario, combinen matemáticas, ciencia e arte. Coordinado pola profesora Ixchel D. Gutiérrez, este proxecto engloba unha serie de experiencias educativas, relatorios e obradoiros dirixidos a que os futuros e futuras docentes aprendan, sinala, “a ver o coñecemento como algo interconectado”, así como a contribuír a “promover unha cidadanía informada e comprometida cos desafíos científicos e ambientais do século XXI”.
Investigadora principal dun proxecto seleccionado na convocatoria de innovación docente impulsada pola facultade para o presente ano, Gutiérrez destaca que este enfoque interdisciplinario contribúe a que a o estudantado aprenda “que problemas complexos -como por exemplo o cambio climático- requiren solucións que combinen ciencia, matemáticas e creatividade”. Baixo o título de Oportunidades STEAM para desenvolver as competencias matemática, científica e artística, nesta iniciativa participa un equipo de 15 docentes das áreas de Didáctica da Expresión Plástica, Didáctica das Matemáticas e Didáctica das Ciencias Experimentais, á vez que conta coa colaboración de docentes externos, persoal en formación e profesionais. Desde estas áreas desenvolveranse unha serie de actividades STEAM, orientadas ao “desenvolvemento das competencias científica, matemática e artística” por parte de máis de 200 estudantes dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria.
Iniciativas para unha “alfabetización visual e científica"
Dando continuidade a outro proxecto de innovación educativa desenvolvido ao longo de 2024 e centrado no desenvolvemento do pensamento artístico, matemático e científico a través da observación da contorna, esta iniciativa abrangue un conxunto de “experiencias educativas relacionadas coa temática STEAM do proxecto” en diferentes materias dous dos graos. O seu obxectivo, sinala Gutiérrez, é que as futuras e futuros docentes non só melloren as súas “habilidades nunha área específica”, senón que sexan quen de recoñecer as interconexións “entre disciplinas como a arte, a ciencia e as matemáticas”, a través de iniciativas que poidan conectarse entre si.
“Por exemplo, o deseño de instrumentos de rexistro nunhas materias será de utilidade para a observación da contorna noutras”, destaca esta docente, que incide en que “ferramentas como o debuxo”, ademais de permitir un “rexistro visual”, tamén “actúan como vehículos de reflexión, medida e análise”. Do mesmo xeito, os elementos visuais “desempeñan un papel crucial” nas matemáticas, á hora de “facilitar a comprensión de ideas abstractas”, o que leva a Gutiérrez a indicir en que “a integración destas disciplinas promove non só a resolución de problemas e a aplicación práctica do coñecemento en contextos reais, senón tamén o desenvolvemento dunha alfabetización visual e científica”.
Nese senso, o proxecto busca “educar ao alumnado para investigar, avaliar e utilizar a información científica na toma de decisións e na acción”, contribuíndo a que poidan deseñar “procesos educativos innovadores adaptados ás demandas actuais”, que á súa vez permitan pór o foco na “importancia da sostibilidade e a conciencia ambiental”, conectando a metodoloxía STEAM cos ODS da Axenda 2030.
Xeometría e arte, no primeiro taller
Seguindo esta ideas, no proxecto insírese a organización de conferencias e obradoiros, dirixidas á comunidade educativa, nos que diferentes profesionais “compartirán experiencias innovadoras desenvolvidas na aula”.
O primeiro destes obradoiros foi impulsado por Gutiérrez e Marcos Loureiro, ambos docentes da Área de Didáctica das Matemáticas, e tivo como obxectivo achegar o alumnado ao software matemático GeoGebra, a raíz da conmemoración, o pasado mes de marzo, do Día Mundial das Matemáticas. Impartido por Sofía Cendán, profesora do IES Fernando Blanco de Cee, este taller amosoulles “como combinar contidos xeométricos coa arte”, a través deste software e de materiais manipulativos. O traballo con GeoGebra “permítelles transformar as ideas matemáticas en representacións gráficas”, destaca Gutiérrez da que foi a primeira iniciativa inserida na “fase de desenvolvemento nas aulas” dun proxecto que estenderá ata finais de 2025.
Entre as actividades previstas figura así mesmo a realización de infografías e vídeos por parte do estudantado, que serán publicados na rede co obxectivo de dar difusión os resultados do proxecto.