Coordinado pola profesora Yaiza Taboada, conta coa participación de preto de 100 estudantes
Un proxecto de innovación docente converte Instagram nun recurso educativo
A través de contidos como retos semanais
A través do deseño dunha serie de ‘microcontidos’ formativos, un proxecto de innovación educativa que se leva a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte explora as posibilidades de Instagram como ferramenta docente. Coordinada pola profesora Yaiza Taboada, esta iniciativa busca afondar nas posibilidades desta rede social para estender “a aprendizaxe máis aló das aulas”, favorecendo “o desenvolvemento de competencias analíticas e reflexivas”, sinala. Con ese propósito, abrangueu a creación de perfís específicos para dúas materias do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, nos que foron publicándose contidos como retos semanais, exercicios de análise de vídeos ou resumos de puntos clave abordados na materia.
Seleccionado na convocatoria de innovación educativa impulsada pola facultade neste 2026, nove docentes participan nun proxecto que xorde da “necesidade de buscar fórmulas que nos permitan conectar co noso alumnado”, nun contexto marcado pola súa “forte adherencia a contidos inmediatos e de fácil acceso”, apunta Taboada. Baixo o título de Redes que ensinan: Uso de Instagram como recurso de aprendizaxe activa e interacción educativa, o seu obxectivo central é “integrar o uso” desta rede social como ferramenta docente, que contribúa a mellorar a motivación e a implicación do estudantado, promovendo “unha aprendizaxe activa”, así como unha “alfabetización dixital crítica”.
Primeira experiencia en dúas materias
Xunto a accións formativas para o profesorado, o proxecto abrangueu dúas experiencias dirixidas a avaliar o potencial de Instagram como recurso educativo, levadas a cabo “con dúas perspectivas diferentes, unha máis participativa e outra máis divulgativa”, en dúas materias do Grao en Ciencias da Actividade e do Deporte. Coa participación de preto dun cento de estudantes, abrangueron a creación dun perfil específico de cada materia, ao que, durante sete semanas, ían incorporándose unha serie de publicacións, deseñadas a partir das “necesidades detectadas” na formación do alumnado. Coa idea de que compartisen “as súas opinións e respostas dunha maneira máis libre, sen sentirse xulgados”, participaban a través de perfís privados e “anonimizados”, sen nomes nin fotos.
A idea, apunta Taboada, era que cada publicación constituíuse “unha unidade breve de aprendizaxe, autoavaliación e interacción”. No caso da materia Fundamentos dos deportes ximnásticos, esta iniciativa centrouse no bloque de contidos sobre habilidades ximnástico-acrobáticas e un dos puntos de partida das propostas deseñadas foron as dificultades do alumnado para percibir erros en determinados elementos ximnásticos. Isto motivou contidos como vídeos que lles axudasen a ter o “ollo adestrado”, apunta Taboada. Con esa idea, realizáronse publicacións semanais orientadas a que detectasen un erro técnico, identificándoo nas súas respostas e indicando “que pasos metodolóxicos ou progresións se lle ocorren” para resolvelo. Días despois, outra publicación presentaba a solución, favorecendo así a “autoavaliación” por parte das e dos estudantes, “que poden contrastar se responderon ben ou non”. No perfil desta materia foron publicándose tamén resumos de cuestións abordadas na aula, información de convocatorias e competicións e contidos doutras contas, como as de federacións ou deportistas de alto nivel, achegando o alumnado ao “ecosistema social, deportivo e profesional” da disciplina.
Esa idea reflectiuse tamén no perfil xerado para a materia Expresión corporal e danza, centrado principalmente en compartir co alumnado contidos sobre bailes de diferentes modalidades ou disciplinas, así como propostas de expresión corporal. Neste caso, explica a investigadora do grupo Gies-10, o obxectivo era proporcionarlles “ferramentas e recursos” para o desenvolvemento da composición coreográfica que tiñan que realizar ao remate da materia, así como ampliar os contidos da aula.
Avaliación e formación
Completada a experiencia nestas dúas materias, o proxecto atópase actualmente na “fase de análise de resultados”, explica Taboada, que incide en que o obxectivo agora é coñecer o que esta iniciativa supuxo para o alumnado en termos de motivación, compromiso académico, autorregulación, autoavaliación, aprendizaxe ou transferencia teoría-práctica. Con ese propósito, deseñouse un sistema de rúbricas dirixido a avaliar a calidade das interaccións do estudantado, ao tempo que se realizou tanto unha enquisa inicial como outra final, dirixida a coñecer a súa valoración da experiencia.
Entre os obxectivos do proxecto atopábase tamén formar ao profesorado da facultade “nas posibilidades didácticas das redes sociais, no uso educativo de Instagram e na xeración de contidos audiovisuais”, explica. Con esa idea, desenvolveuse unha sesión dirixida a presentar ás e aos docentes participantes no proxecto unha serie de recursos e estratexias para promover a interacción en redes sociais, así como un curso sobre o deseño de contidos visuais. Deste xeito, buscábase tamén que o proxecto poida dar lugar ao deseño de propostas para outras materias. Ao mesmo tempo, outro dos os seus obxectivos é xerar “un repositorio de recursos”, que poidan ser reempregados e adaptados polo profesorado en próximos cursos.
