A través dun conxunto de actividades nas que participaron máis de 350 persoas
Un proxecto de innovación educativa busca fomentar no campus unha mobilidade activa e sostible
Unha enquisa sinala unha baixa porcentaxe de uso da bicicleta entre o estudantado
“Focalizar a atención da comunidade educativa do campus de Pontevedra na importancia da mobilidade activa, saudable e sostible no ámbito educativo”. Este era, como sinala o profesor Iván Martínez, o propósito central dun proxecto de innovación docente desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que englobou un conxunto de accións nas que participaron máis de 350 persoas. Entre elas, unha enquisa realizada tanto a alumnado, profesorado e persoal deste centro como a estudantes do CIFP A Xunqueira, na que só o 30% das persoas participantes afirmaron que optan por algún “medio de mobilidade activa”, como moverse en bicicleta, en patinete ou camiñando, nos seus desprazamentos diarios ao campus.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada por esta facultade, o proxecto coordinado por Martínez Lemos desenvolveuse ao longo de 2024 e abrangueu tamén unha exposición temporal, un taller sobre o uso da literatura infantil para introducir esta temática nas escolas e a proxección e debate dun documental. Os resultados destas iniciativas recóllense agora nunha publicación na que o equipo responsable do proxecto incide en que, se ben, a maioría dos participantes na enquisa “non practica unha mobilidade activa e sostible nos seus desprazamentos ao centro educativo”, a alta implicación do alumnado nas diferentes actividades propostas podería supor “un primeiro paso para lograr un cambio cara condutas máis comprometidas co desprazamento activo, sostible e saudable na comunidade do campus”.
Dirixido tanto a “caracterizar a mobilidade da comunidade educativa do campus” como a promover unha reflexión sobre a importancia dun “novo modelo de mobilidade”, no proxecto participaron, xunto a Martínez Lemos, as e os docentes Martina Ares, Carlos Ayán, Rocío Carballo, Teresa Gutiérrez, Ana Rey, Silvia Varela e Luis Velasco.
A bicicleta, opción minoritaria
Un total de 168 persoas responderon a enquisa realizada ao abeiro deste proxecto e cuxos resultados, subliña Martínez, non poden extrapolarse ao conxunto do campus. Máis do 47% das e dos participantes, preto do 70% mulleres e preto do 64% persoas de entre 18 e 25 anos, afirmaron que optan por coche ou moto para os seus desprazamentos ao campus, mentres que un 23% faino en transporte público e un 30% “nalgún medio de mobilidade activa”. Respecto dos motivos polos que optan por estas opcións, preto do 52% sinalan “causas vinculadas á comodidade e aforro de tempo pola distancia a cubrir”, xa que máis do 55% das e dos participantes residen a máis de cinco quilómetros do seu centro educaivo, mentres que un 35% sinala que é a súa única opción de desprazamento. Por outra banda, os resultados da enquisa amosan tamén que máis do 90% das e dos participantes non opta pola bicicleta para desprazarse polo centro educativo “nin ten intención de facelo nun futuro”.
Partindo deste escenario, o proxecto buscaba identificar posibles “barreiras” para esa mobilidade activa, das que só unha foi salientada por máis da metade das e dos participantes; que este tipo de desprazamentos fanlles “pasar demasiado calor” e suar. Outras opcións, como que houbese demasiado tráfico, cruces perigosos ou ir “demasiado cargado” ao campus foron sinaladas como barreiras por menos do 45% das e dos participantes.
Formar e concienciar
Máis aló da enquisa, Martínez destaca a “participación e interese amosado polo alumnado en todas as actividades propostas”, o que lévao a incidir na necesidade de apostar por “metodoloxías activas” que estimulen unha reflexión sobre un modelo de mobilidade que permita reducir o impacto ambiental do tráfico e mellorar a saúde da poboación. Con ese obxectivo, unha das iniciativas impulsadas foi unha exposición temporal nos espazos comúns da facultade, deseñada por 52 estudantes dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. Nela, explica, empregaron “un sistema modular que reproducía un circuíto de tráfico en miniatura”, sobre o que se expuñan diferentes “vehículos de mobilidade activa”, nun tamaño superior aos de motor, como “un símil dun futuro sostible no que a mobilidade activa sexa hexemónica e a mobilidade a motor sexa residual”.
Outra das propostas foi un taller sobre o uso da literatura infantil para abordar a mobilidade activa, impartido pola catedrática da Universidad de Granada Palma Chillón, coordinadora da Red Iberoamericana de Investigación en Desplazamiento Activo y Saludable (RIIDASS). Nesta iniciativa participaron 37 alumnos e alumnas, mentres que 95 tomaron parte nun debate sobre mobilidade urbana sostible, precedido pola proxección do documental Podemos reinventar nuestras cidades para vivir mejor?, da televisión alemá Deutsche Welle.