DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación inclúe a realización de obradoiros colaborativos

Un proxecto interdisciplinar achega aos centros educativos o ensino e a escrita no mundo antigo

Trátase dunha iniciativa de profesoras das facultades de Historia e de Educación e Traballo Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 24/05/2024

As culturas antigas e a educación actual: o ensino e a escrita no mundo antigo. Este é o título dun novo proxecto interdisciplinar posto en marcha por profesoras das facultades de Historia e de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Ao seu abeiro están a desenvolverse en centros educativos da provincia diferentes obradoiros que queren achegar aos escolares e dun xeito lúdico o coñecemento do antigo Exipto, Grecia e Roma.

O proxecto está financiado pola convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus Inou, realizada pola Universidade de Vigo co apoio da Deputación de Ourense. Da Facultade de Historia participan as profesoras e investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) Iria Souto, Helena López e Patricia Valle e da Facultade de Educación e Traballo Social Carla Míguez e Isabel Mociño.

Conciencia do legado cultural e da diversidade

Os obxectivos principais da iniciativa, explican as súas investigadoras principais, Iria Souto e Carla Míguez, son “a difusión e posta en coñecemento da cultura, arqueoloxía e linguaxes do mundo antigo na provincia”. Igualmente, apuntan, busca que o alumnado tome conciencia “sobre o valor e a diversidade cultural das linguas antigas e a súa influencia na conformación das nosas linguas actuais, así como dos seus vínculos coa historia e a arqueoloxía, que constitúen o noso patrimonio inmaterial e conforman a nosa cultura e legado cara as xeracións futuras”. O proxecto tamén quere “tender pontes entre a Universidade, entendida como recurso social, e a contorna que promovan a reflexión sobre as necesidades reais dos contextos educativos e fomenten a alfabetización cultural como motor de cambio da sociedade”.

O enfoque do proxecto céntrase na intervención educativa, desenvolvendo obradoiros colaborativos con alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria de diversos centros educativos da provincia de Ourense. Os talleres, impartidos polas investigadoras participantes no proxecto, céntranse nas temáticas da escrita e o ensino nas épocas do antigo Exipto, Grecia e Roma. Cun carácter eminentemente divulgativo e participativo, arrancaron este mes de maio e continuarán en xuño, setembro e outubro de 2024. Nas primeiras sesións, celebradas nos Colexio Plurilingüe Padre Feijoo-Zorelle e no Colexio Santo Ángel, ambos de Ourense, o protagonista foi o antigo Exipto, ofrecendo as sesións unha breve introdución á escrita de xeroglíficos e nunha parte máis práctica na que o alumnado escribiu o seu nome nos papiros, empregando ferramentas similares ás que se usaban na época.