DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada esta semana no concello ourensán de Riós

O proxecto internacional Newpower achega o potencial da bioeconomía circular ao medio rural

Na iniciativa liderada desde a UVigo participan socios de España, Francia e Portugal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 01/10/2026

Newpower, proxecto europeo Interreg Sudoe liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, celebrou esta semana no concello ourensán de Riós una xornada na que se presentaron os avances obtidos ao seu abeiro na valorización sostible de residuos agroforestais e en novas oportunidades vinculadas á bioeconomía circular.

A actividade tivo lugar no Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós co título Restaurando o monte xuntos: ciencia, comunidade e restauración do territorio. Organizada pola UVigo e Cetim Technological Centre coa colaboración do Inorde, na xornada presentouse o proxecto, os seus avances e solucións innovadoras para a valorización de biomasa forestal e restauración do territorio. A actividade seguiu cunha plantación de especies autóctonas e cunha ruta guiada pola contorna, explicando in situ impactos dos incendios, rexeneración natural e xestión forestal preventiva. “A celebración desta actividade en Riós, un territorio estreitamente vinculado aos recursos agrícolas e forestais, permitiu trasladar o coñecemento xerado no proxecto fóra dos laboratorios e aproximalo directamente á poboación e aos axentes do territorio”, comentan desde Newpower. Neste senso fan fincapé na importancia de conectar investigación, innovación e territorio, “mostrando dunha maneira próxima como a ciencia e a tecnoloxía poden contribuír a transformar recursos locais en novas oportunidades económicas e ambientais”.

Dun residuo a unha nova oportunidade para o territorio

Newpower (Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables) arrancou a finais de 2023 e remata a finais de 2026. Conta cun orzamento total de 1,3 millóns de euros, financiado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Feder da Unión Europea. Nel participan seis socios de España, tres de Portugal e dous de Francia. Trátase das universidades de Vigo, Zaragoza, Lleida e Minho (Portugal); a Fundación Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) da Coruña; o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) e o Institut National Polytechnique de Toulouse e o INRAE-Toulouse Biotechnology Institute (de Francia ambos). Igualmente están as empresas Ingredalia e BLC3 Evolution (Portugal) e a oenegué española Revalorem. Tamén apoian a iniciativa diversas empresas dos países participantes dos sectores da madeira ou similar (como Ence) e do alimentario (como Argal).  Newpower está coordinado desde o Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo polos investigadores e profesores da Facultade de Ciencias Gil Garrote e Pedro Miguel Ferreira Santos. 

Un dos principais obxectivos de Newpower é “demostrar que materiais considerados tradicionalmente residuos ou recursos de escaso valor (incluíndo subprodutos da viticultura e da industria agroalimentaria, así como diferentes especies forestais e arbustivas) poden converterse en materias primas para o desenvolvemento de novos produtos e procesos de maior valor engadido”. Para dar ese salto, o proxecto traballa desde unha perspectiva de biorrefinería integral, buscando aproveitar ao máximo as diferentes fraccións que compoñen estas biomasas. Para iso, combina tecnoloxías sostibles de extracción e fraccionamento que permiten recuperar compostos bioactivos, ingredientes funcionais, azucres, lignina e outros compoñentes de interese, con potencial aplicación en sectores como a alimentación, os nutracéuticos, a cosmética, os biomateriais, os bioplásticos ou os biocombustibles. 

Esta traballo, sinalan desde o proxecto, “resulta especialmente relevante para os territorios rurais, onde a agricultura, a viticultura, a actividade forestal e a transformación agroalimentaria xeran importantes cantidades de biomasa residual”. O aproveitamento destes recursos, enganden, pode contribuír non só a reducir residuos e mellorar a sostibilidade ambiental, senón tamén a favorecer a aparición de novas cadeas de valor, actividades económicas e oportunidades de innovación asociadas ao medio rural”.

Recta final do proxecto

A xornada en Riós, comentan por último desde o proxecto, desenvólvese nun momento especialmente relevante para Newpower, que se atopa na súa última fase de execución despois de “case tres anos de traballo conxunto entre universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e outras entidades de España, Portugal e Francia”. Durante os últimos meses de execución, o consorcio centra os seus esforzos en integrar e validar os resultados obtidos, desenvolver as accións piloto previstas e avaliar a sostibilidade ambiental, técnica e socioeconómica das diferentes estratexias de valorización desenvolvidas. O obxectivo agora é “conectar as diferentes tecnoloxías dentro de cadeas integradas de valorización de biomasa, avanzando cara a modelos de biorrefinería multiproduto que poidan ser transferidos e replicados en diferentes territorios do espazo Sudoe”. A transferencia destes resultados a empresas, administracións, produtores e sociedade, apuntan por último desde Newpower, “constitúe unha das prioridades desta fase final”.