DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas á concesión de unha bolsa José Castillejo para novos doutores

Un proxecto de investigación analizará e mellorará a imaxe de marca da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Coa colaboración da Universidade Fernando Pessoa de Porto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 14/02/2008

A Eurorrexión está de moda. Nos medios escoitamos ou lemos este termo a diario, pero… a cidadanía sabe o que é?, para que serve?, cales son os seus obxectivos?. Este é precisamente o punto de partida do proxecto de investigación de dúas profesoras da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, grazas á concesión dunha bolsa que o Ministerio de Educación e Ciencia creou para novos doutores. Unha das implicadas no proxecto é a directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, quen explicou que “non se sabe demasiado sobre o tema, hai un problema de comunicación latente”, e engadiu que “por iso a nosa idea é analizar a imaxe da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal e facer unha proposta para mellorala”.
A investigación realizarase en colaboración coa Universidade Fernando Pessoa de Porto, de xeito que, entre os dous centros, estudaranse os ítems que ambas rexións comparten para poder facer unha proposta firme de lanzamento dunha identidade visual corporativa que unifique criterios comunicativos e que responda aos intereses que ten a Eurorrexión. Desde a Universidade de Vigo, xunto coa portuguesa, “procurarase dar a coñecer un proxecto comunicativo común que poida equiparar a zona de Galicia - Norte de Portugal con outras similares de carácter europeo que contan cunha imaxe afianzada e consolidada”, comentou a outra investigadora do proxecto, a profesora Montserrat Vázquez Gestal.

Unha mesma investigación, dous proxectos diferentes

Aínda que a liña de investigación é a mesma, do estudo da percepción que existe sobre a Eurorrexión, sacaranse dúas propostas comunicativas diferentes en función da especialidade de cada unha das investigadoras implicadas. Deste modo, a directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, doutorada no eido das relacións públicas, será a encargada de realizar a nova identidade corporativa da zona Galicia – Norte de Portugal, mentres que a profesora Montserrat Vázquez, con máis experiencia no sector da publicidade, centrará o seu proxecto na imaxe de marca deste territorio.

Bolsa José Castillejo

Denominada José Castillejo, esta bolsa está dirixida a novos doutores para que realicen investigacións ou para que amplíen os seus coñecementos no estranxeiro. A duración mínima da estancia será de catro meses, nos que os implicados deberán facer varios informes cos resultados obtidos no seu estudo. Estas axudas son moi novas, creáronse fai apenas un ano e na Universidade soamente foron concedidas 11. O importe da bolsa oscilará entre os 10.000 e os 13.000 euros, en función da estadía e do país escollido. Para os doutores da comunidade universitaria con algún proxecto en mente, poden solicitar información na Vicerreitoría de Investigación.