DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante un mes realizaranse tarefas de limpeza, rexistro e escavación

Un proxecto liderado polo GEAAT porá en valor o xacemento arqueolóxico de Adro Vello

Con financiamento da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 08/07/2022

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo está a desenvolver un proxecto de investigación sobre o xacemento arqueolóxico de Adro Vello, localizado na praia de O Carreiro, no Concello do Grove. Con financiamento da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta de Galicia, o equipo realizada desde o pasado 4 de xullo e ata o 5 de agosto unha primeira intervención de campo que inclúe tarefas de limpeza, rexistro, reescavación e sondaxes.

O xacemento foi visitado este venres por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade. “O conxunto arqueolóxico Adro Vello é clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés, o que o converte nun recurso de primeira magnitude e nunha das zonas arqueolóxicas máis destacadas do noroeste peninsular”, explicou o conselleiro antes de lembrar a importancia deste enclave na tradición xacobea. Durante a visita, o responsable autonómico de Cultura agradeceu a implicación e o compromiso dos veciños do Grove con este espazo “único en Galicia” que hai uns meses comezou o proceso para ser declarado Ben de Interese Cultural.

A intervención arqueolóxica en marcha está sendo realizada ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, que achega 50.000 euros, e a Universidade de Vigo. En concreto, os traballos, que se prolongarán durante un mes, inclúen a retirada de tapados antigos, a realización de sondaxes arqueolóxicas e a escavación de tumbas con restos óseos humanos. O proxecto complétase coa roza e limpeza de estruturas e con labores de conservación e consolidación no xacemento.

Para o desenvolvemento deste proxecto, o GEAAT reuniu un equipo multidisciplinar liderado polo arqueólogo da UVigo Adolfo Fernández no que participan principalmente especialistas da Universidade de Vigo pero tamén doutras universidades, como as de Santiago de Compostela, A Coruña, León e Porto. Para os traballos de campo que se están a realizar agora, a iniciativa conta coa participación de ademais do seu director, dunha directora de conservación-restauración e outra de antropoloxía, dunha arqueóloga especialista en necrópoles, dunha restauradora con especialidade de arqueoloxía, dunha arqueóloga especialista en antropoloxía física, dun arqueólogo técnico e de tres auxiliares de arqueoloxía, ademais de seis estudantes en prácticas de conservación, restauración e antropoloxía. En total, o equipo en campo está conformado por 14 persoas ás que se une o grupo de especialistas que participan no proxecto.

Un xacemento "complexo"

“Adro Vello é un xacemento moi complexo con ocupación constante desde época romana ata o século XVIII, caracterizado por unha extensa necrópole de inhumación, unha igrexa medieval-moderna e unha fábrica de salgadura romana como elementos máis destacables”, sinala Adolfo Fernández. Así, detallan desde a Consellaría de Cultura, esta zona arqueolóxica presenta numerosos restos de época romana e altomedieval de grande interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, apuntan, os restos existentes inclúen desde unha factoría romana de salgadura e unha vila romana, ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería. Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento e cunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con presenza de pezas ornamentais anteriores de feitura visigoda. Tamén se documentaron restos dun conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius. Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.