DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os socios, Cetaqua e as universidade de Vigo e Santiago, celebraron un workshop no campus vigués

O proxecto Life Seacan comeza a instalación dos prototipos para o tratamento das augas residuais das industrias conserveiras

Avaliarase a eficiencia ambiental e económica de dúas tecnoloxías baseadas en biopelículas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/10/2017

Galicia é o primeiro produtor conserveiro europeo e o segundo mundial, tras Tailandia. A industria conserveira galega representa o 86% da produción estatal e supón o 3% do PIB autonómico, xerando 12.000 empregos directos e outros tantos indirectos. En 2016 producíronse case 350.000 toneladas de conservas, o que se traduce en 4300 millóns de latas. Pero esta industria precisa preto de dous litros de auga por cada lata que produce, isto é 8,6 millóns de metros cúbicos ao ano, o equivalente a case 3500 piscinas olímpicas. En consecuencia, o 12% dos vertidos de auga ás rías proceden das industrias conserveiras e, aínda que non se trata de vertidos especialmente contaminantes, é unha enorme cantidade de auga. Para analizar o seu impacto nos sistemas bentónicos das rías e mellorar a calidades destas augas residuais, en 2015 botou a andar o proxecto Life Seacan, coordinado por Cetaqua Galicia e Cetaqua Barcelona en colaboración coas universidades de Vigo e Santiago. Este venres, o campus de Vigo acolleu o segundo workshop do proxecto no que participaron especialistas das entidades socias. Esta cita, dirixida ao estudantado, tivo un carácter divulgativo e serviu para presentar os avances do proxecto, que rematará en 2019 e conta cun orzamento de 1.722.373€, dos cales máis dun millón son financiados pola Comisión Europea. Na actualidade, os prototipos para o tratamento das augas están xa en fase de instalación.


O II Workshop Life Seacam toma a remuda do celebrado en 2016 na Ecimat e foi inaugurado este venres por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Belén Rubio, decana da Facultade de Ciencias do Mar e Jesús Souza Troncoso, director do Centro Singular Mariño-Ecimat. O reitor remarcou a importancia da convocatoria europea Life, que financia proxectos eminentemente demostradores, é dicir, “que se poida contrastar a súa utilidade, que os resultados teñan unha aplicación directa e que poidan ser empregados de forma transversal e extensiva por toda Europa”. A decana do centro, Belén Rubio, pola súa banda, lembrou que a primeira fábrica de conservas instalouse nas rías baixas a finais do século XIX, “cando os empresarios cataláns se deron conta de que Galicia era moi produtiva; en moi poucos anos converteuse nunha industria punteira, e ata a década de 1950, a base industrial de Vigo eran as conserveiras”. Remarcou tamén que unha adecuada xestión ambiental “é clave para manter esta produción dun xeito sostible, centrándose en dous aspectos: a calidade da auga e a calidade dos fondos”. Souza Troncoso foi o encargado de facer unha primeira presentación do proxecto, que ten por obxectivo reducir a presión ambiental producida pola industria conserveira nas rías, a través de mellores sistemas de tratamento das augas con tecnoloxías de biopelícula.

Instalación dos prototipos

A instalación nunha fábrica conserveira de dous prototipos con dúas tecnoloxías de biopelícula diferentes xa se iniciou, como explica Iván Rodríguez, investigador de Cetaqua. “Os prototipos están actualmente en fase de posta en marcha, un período que adoita durar catro meses” e os científicos agardan “comezar a ter os primeiros resultados importantes de cara ao primeiro trimestre do ano que vén”. Segundo destaca, na actualidade as industrias conserveiras están empregando sistemas de tratamento de augas convencionais, que non se adaptan ás características deste tipo de augas. Neste proxecto avaliaranse dous sistemas diferentes, ambos baseados en tecnoloxías de biopelícula (lodo granular aerobio e MBBR) que “consumen menos enerxía, producen menos lodos, requiren menos espazo e, o máis importante para este proxecto, melloran significativamente a calidade da auga que se verte ás rías”, explica Rodríguez. De feito, os procesos de biopelícula xa se teñen aplicado con éxito en diversos sectores industriais, aínda que nunca a escala real para efluentes de conservas de peixe. Con todo, as probas preliminares realizadas a menor escala revelan unha calidade de efluínte notablemente alta por iso os resultados que se agardan do proxecto pasan pola redución do consumo enerxético nun 20 % como mínimo; mellora da calidade do efluínte, eliminando ata un 90 % do nitróxeno e un 95 % da materia orgánica; tamén se agarda conseguir unha redución da pegada de carbono nun 25 %.

O papel da Universidade de Vigo

No consorcio deste proxecto, o papel dos investigadores da Universidade de Vigo céntrase en analizar os sistemas bentónicos e ver como lle afectan os vertidos. Para iso, explica Fernando Aneiros, instaláronse catro estacións para a recollida de mostras preto dunha industria, “dúas delas potencialmente afectadas pegadas ao vertido e outras dúas de control a 1000 metros do vertido, e en cada estación situáronse seis puntos de control e cinco dragas por cada punto de mostraxe”. As mostraxes repetiranse de forma trimestral para ver a variación temporal da comunidade nestas zonas, pero os científicos presentaron este venres os resultados dunha primeira mostraxe preliminar sobre as comunidades de fauna bentónica. “A pesar de que temos poucos datos e de que son froito dunha primeira análise, semella que as augas residuais das conserveiras teñen pouco impacto sobre a fauna bentónica das rías, é unha presenza moi sutil e delicada”. Aneiros explica que estes datos son froito da mostraxe realizada en marzo de 2016, xa que neste tipo de estudos precísase moito tempo de traballo en laboratorio coas mostras, polo que os resultados obtéñense tras un lapso de tempo considerable. Porén, estes resultados deberán ser refrendados cos datos obtidos nas seguintes análises que se están a realizar periodicamente.