DUVI

Diario da Universidade de Vigo

11 entidades europeas desenvolven unha turbina de gas alimentada con hidróxeno

O proxecto Marpower confirma os seus avances cara á substitución de combustibles fósiles e á redución de emisións no sector marítimo

Investigadores do Cintecx céntranse na construción do xemelgo dixital da turbina 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/10/2026

Unha turbina de gas alimentada con hidróxeno de 5.8MW de potencia para aplicacións marítimas. Esta é a alternativa, que financiada con preto de oito millóns de euros polo programa Horizonte Europa, impulsan 11 entidades de seis países para acadar unha redución significativa nas emisións de gases de efecto invernadoiro no sector marítimo, e “co obxectivo de ofrecer unha alternativa de propulsión e xeración eléctrica a bordo libre de emisións de carbono, coa que contribuír á descarbonización dun sector clave para a economía europea e mundial”, detalla Jacobo Porteiro, catedrático da área de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos; investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) do centro Cintecx; e IP do proxecto na UVigo, que xunto á consultora Zabala Innovation, conforma a representación española no proxecto Marpower (Efficient zero-emissions gas turbine POWER system for MARitime transpor).

Ata mediados de 2028 e coordinado pola finlandesa Universidade LUT, o proxecto europeo, que acaba de celebrar na UVigo a segunda reunión anual do consorcio, desenvolverá un sistema de conversión de enerxía innovador e flexible, capaz de utilizar unha ampla gama de combustibles sostibles (como metano verde, metanol verde, hidróxeno e amoníaco) con modificacións mínimas nos sistemas de combustión existentes.

Os membros das 11 entidades que participan en Marpower lembran o papel fundamental que o transporte marítimo internacional desempeña na economía mundial, representando o 90% do transporte de mercancías, pero, ao tempo, sendo responsable de case o 3% das emisións de gases de efecto invernadoiro. Un problema ante o que Organización Marítima Internacional (OMI) presentara en 2018 unha estratexia destinada á redución da intensidade de carbono nun 50% para o ano 2030 e nun 70% en 2050.

Avance satisfactorio cara á consecución dos obxectivos

No terceiro encontro do consorcio do proxecto, organizado polos investigadores Jacobo Porteiro e David Patiño, do GTE de Cintecx na UVigo, os socios coincidiron en que “Marpower avanza satisfactoriamente cara aos seus obxectivos, tanto no desenvolvemento tecnolóxico como na coordinación entre os distintos paquetes de traballo”. Nas sesións de traballo participaron membros do consorcio formado por, ademais da UVigo, Aurelia Turbines, AlfaLaval e LUT University (FIN), Politecnico di Milano  e RINA (IT), German Aerospace Center (GER), DTU (DEN), Chantiers de L’Atlantique (FR) and Zabala (ESP).

“Os resultados de Marpower poden supor un paso importante para a industria naval, ao demostrar a viabilidade de sistemas de potencia baseados en hidróxeno para a navegación”, sinalan os socios do proxecto, que consideran que tamén “pode contribuír ao cumprimento dos obxectivos europeos de redución de emisións no transporte marítimo e reforzar a competitividade tecnolóxica do sector”.

Construción do xemelgo dixital da turbina de hidróxeno

A Universidade de Vigo lidera dentro do proxecto Marpower o Work Package 3 (WP3), encargado da construción do xemelgo dixital da turbina de hidróxeno. “Este modelo de simulación permite validar virtualmente o comportamento da máquina, antes e durante a súa posta en marcha”, detalla David Patiño, catedrático da área de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e  investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) do Cintecx, que explica que “isto reduce riscos, custos e tempos de desenvolvemento, e axuda a explorar as súas condicións de funcionamento”. O xemelgo dixital actuará como unha ferramenta fundamental para a avaliación do sistema, o desenvolvemento de estratexia de control e a planificación operativa, sentando as bases para solucións enerxéticas marítimas máis intelixentes, limpas e resilientes. 

O traballo, para o que os investigadores da UVigo contan cunha achega de algo máis de medio millón de euros, insírese, explica, Jacobo Porteiro, “nas liñas consolidadas do GTE en combustión e modelado de sistemas enerxéticos. Tamén conecta coa actividade recente do grupo en hidróxeno e combustibles alternativos. Supón unha ampliación cara o desenvolvemento xemelgos dixitais (Digital Twin), ámbito de grande relevancia na actualidade”.