DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo participa nesta iniciativa de carácter internacional

O Proxecto MicroMundo une alumnado universitario e preuniversitario na busca de novos antibióticos

A mediados de febreiro realizarán unha actividade no IES O Couto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/01/2019

Un proxecto educativo social para o descubrimento de novos antibióticos e o fomento das vocacións científicas entre as novas xeracións integrando os niveis educativos universitario e preuniversitario. Deste xeito preséntase a iniciativa SWI@Spain/MicroMundo, na que a Universidade de Vigo participa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Este curso, a súa actividade despega coa celebración de experimentos en varios centros educativos.

O nodo da Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía. A iniciativa, explica a profesora María José Pérez, coordinadora do proxecto desde o campus de Ourense, é a rama española das norteamericanas Small World Initiative (SWI) e Tiny Earth, proxectos participativos dirixidos á comunidade educativa para a exploración da biodiversidade microbiana nos solos en busca de novos microorganismos produtores de antibióticos. Implementada en España pola Universidad Complutense de Madrid e amparada pola Sociedade Española de Microbioloxía, en xullo de 2017 constituíse a rede SWI@Spain co obxectivo de desenvolver este proxecto en toda España, constituíndose na súa primeira reunión o nodo SWI@UVigo.

O proxecto SWI@Spain/MicroMundo, comenta a súa coordinadora para a Universidade de Vigo, pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando aos estudantes e á sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. Da iniciativa María José Pérez destaca tamén a súa aposta polo fomento das vocacións científicas e o feito de que nela se empregue unha metodoloxía de aprendizaxe-servizo, “que combina a aprendizaxe co compromiso cívico e o servizo á comunidade”.

Un proxecto de investigación real

“A iniciativa consiste en involucrar ao alumnado nun proxecto de investigación real, no que participan xa máis de 14 países e microbiólogas e microbiólogos de 26 universidades de España e Portugal, dirixido a un problema importante de saúde global: a necesidade de novos antibióticos eficaces contra as enfermidades infecciosas”, comentan as responsables da iniciativa. “Necesitamos urxentemente novos antibióticos xa que as bacterias patóxenas son capaces de evolucionar de maneira moi rápida e poucos anos despois da introdución dun novo antibiótico na práctica clínica comezan a aparecer xa bacterias resistentes a el”, detallan.

Sobre a dinámica do proxecto MicroMundo, a profesora da Facultade de Ciencias explica como o profesorado implicado na iniciativa forma a estudantes universitarios voluntarios e visitan os institutos e centros de Educación Secundaria Obrigatoria das provincias de Ourense e Pontevedra que o solicitan. As actividades de MicroMundo@UVigo realízanse nos laboratorios dos centros educativos elixidos durante cinco sesións na que, acompañados dunha ou dun titor, as e os estudantes da Universidade de Vigo previamente formados exercen de profesorado. Na primeira sesión, introdúcese ás e aos escolares no proxecto MicroMundo e nos seus obxectivos, explícase o problema da resistencia a antibióticos e a súa transcendencia, fálase da biodiversidade microbiana no medio ambiente, repártese o equipo de recollida de mostras e danse as instrucións para o seu uso. Na segunda sesión o alumnado utiliza técnicas microbiolóxicas para procesar as súas mostras, diluílas e sementalas en medios de cultivo e na terceira observan o crecemento microbiano nos medios que teñen inoculado e seleccionan colonias para estudar en cultivo puro.

Xa na cuarta sesión, os estudantes preuniversitarios enfrontan os microorganismos que se illaron con éxito a bacterias inofensivas pero moi similares bioloxicamente ás superbacterias multirresistentes co fin de detectar posibles fenómenos de antibiose e na última sesión detéctanse os posibles positivos e analízanse e rexistran os resultados. Feita esta detección e illamento de bacterias queda na comunidade científica estudalas máis a fondo co obxectivo último de atopar un novo antibiótico “No caso de que se chegase a identificar unha cepa produtora dunha sustancia de interese o programa respectará a autoría do descubrimento”, comenta María José Pérez.

Dúas experiencias este curso

Despois de traballar no desenvolvemento da iniciativa durante o curso 2017/2018, neste curso 2018/2019 son dous os centros educativos escollidos para participar nos primeiros obradoiros de MicroMundo@UVigo. No primeiro cuadrimestre desenvolveuse a actividade no centro IES Valadares de Vigo, cunha trintena de estudantes de cuarto curso da ESO, participando por parte da Universidade de Vigo María Teresa Pérez, catedrática de Microbioloxía da Facultade de Ciencias do Mar, e Raquel Almuiña e María Febrero, estudantes do Grao en Bioloxía. A mediados de febreiro a actividade chegará ao IES O Couto, de Ourense, estando actualmente en fase de formación os catro estudantes do Grao de Ciencia e Tecnoloxías dos Alimentos que impartirán as sesións.

“A experiencia está sendo moi positiva para todas e todos, estamos moi contentos. Contribuímos a difundir un problema grave ao mesmo tempo que intentamos espertar as vocacións científicas nos estudantes antes de que vaian á universidade. Aos rapaces e rapazas encántalles traballar como se fose nun laboratorio e o noso alumnado universitario vive a experiencia de ser profesores”, comenta Pérez Álvarez, que sinala como a idea é ir consolidando cada curso académico este proxecto, ampliando os centros educativos que poidan participar.