DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da convocatoria dun concurso de ideas

O proxecto NOVA TFE premiará 12 iniciativas innovadoras relacionadas con tecnoloxías facilitadoras esenciais

Presta especial atención aos eidos TIC, cidades intelixentes e fabricación avanzada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 31/05/2021

Apoiar o desenvolvemento de 12 proxectos de emprendemento, innovadores, baseados en coñecemento científico-técnico e que contribúan a cubrir  unha  necesidade  a  través  da  utilización  de  tecnoloxías  facilitadoras esenciais. Con este obxectivo, o proxecto NOVA TFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras), ten aberto ata o 16 de xuño un concurso de ideas.

En NOVA TFE participa un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais da institución académica, son socios do proxecto a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), o Concello e a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal). O orzamento total deste proxecto de cooperación transfronteiriza Interreg Poctep alcanza os 811.200 euros, contando con 762.874,50 euros de financiamento Feder, dos fondos europeos de desenvolvemento rexional. O seu obxectivo é apostar por novos modelos de negocio arredor das tecnoloxías facilitadoras esenciais, especialmente as vinculadas á fabricación avanzada (fabricación aditiva e fábrica 4.0) e TICs (fábrica 4.0, Internet das cousas e cidades intelixentes).

Novos modelos de negocio

O concurso de ideas convocado polos socios do proxecto quere “distinguir a aqueles proxectos que inclúan solucións innovadoras de base tecnolóxica relacionadas coas tecnoloxías facilitadoras esenciais nos procesos propios de calquera actividade e que poidan ser incorporables, abordando así o reto da transformación dixital e a posta en marcha da Industria 4.0”. As tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE), lembran desde a organización, abranguen a nanotecnoloxía, os materiais avanzados, a fotónica, a biotecnoloxía, as tecnoloxías de fabricación avanzada, a microelectrónica e nanoelectrónica e as tecnoloxías da información e a comunicación (TICs), potenciando no certame os proxectos centrados en TICs, cidades intelixentes e tecnoloxías de fabricación avanzada.

Poden presentarse tanto ideas empresariais en fase inicial como proxectos empresariais cun grao de madurez suficiente como para ser postos en marcha a curto prazo. As e os participantes deberán ser persoas maiores de 18 anos con residencia en Galicia ou o Norte de Portugal, cunha idea ou proxecto de emprendemento con capacidade para desenvolver ou aproveitar as TFE nos procesos de fabricación ou como compoñentes básicos de produtos ou servizos e que aposten por modernizar os sectores tradicionais incorporando novos modelos de negocio co aproveitamento da tecnoloxía e o coñecemento da súa contorna. O certame pretende axudar ás e aos participantes a desenvolver a súa idea de negocio, mellorar o seu nivel de desempeño emprendedor, así como a competitividade dos proxectos de emprendemento presentados.

Premios e máis información

Os 12 proxectos seleccionados como gañadores desta primeira edición do concurso de ideas terán como premio a posta a disposición de cada un deles da “sensórica necesaria que teñan solicitado para unha proba piloto ou de concepto”. Esta sensórica, detállase nas bases, pode ser ou ben comprada de forma específica por recomendación da idea gañadora (a compra de  sensórica de carácter moi específico ou de alto custe estará condicionada aos límites establecidos nas capacidades orzamentarias do proxecto NOVA TFE) ou ben facilitada á idea gañadora en caso de que o equipo xa estea en disposición das distintas entidades socias. Igualmente, as e os gañadores terán acceso a fontes de datos das administracións participantes (incluíndo información de primeira man sobre procedementos, contacto directo cos responsables de ditos datos e procedementos, etc.) e acceso aos sistemas de desenvolvemento de smart cities para todo o necesario para a execución dunha proba de concepto ou prototipo no caso de ideas directamente relacionadas con cidades intelixentes. Para máis información sobre o certame, o día 8 de xuño pola tarde o proxecto ofrece un seminario virtual titulado Transformando os datos en coñecemento a cargo de Álvaro Dosil, CEO de TripleAlpha.