DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo, composto por dez investigadores do CIM, deu a coñecer os resultados este mércores

O proxecto Ocimer+ presenta novos avances sobre o cultivo e conservación do ourizo de mar

Por primeira vez estudáronse os parasitos presentes nas cinco especies da ría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/09/2022

A finais de 2019 botaba a andar o proxecto Ocimer, unha iniciativa do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo para a optimización do cultivo integral do ourizo de mar. Tras dous anos de traballo e unha vez rematado este proxecto, o equipo de investigación decidiu seguir afondando nesta liña de estudo e puxeron en marcha Ocimer+, unha ampliación de oito meses do proxecto inicial á que se engaden novos enfoques. Así, mentres que no proxecto Ocimer se abordaron aspectos relacionados co cultivo e a criopreservación, nesta nova etapa incluíronse dúas novas liñas de investigación: patoloxía e xenética. O proxecto, que tamén conta con financiamento da convocatoria Pleamar da Fundación Biodiversidade, implica varios grupos de investigación do CIM-UVigo, que traballaron con cinco especies de ourizo presentes na ría de Vigo.

Unha vez transcorridos os oito meses de traballo do novo proxecto, este mércores celebrouse o evento final no que se presentaron os principais resultados obtidos relacionados co cultivo e a conservación do ourizo de mar, unha especie que cada vez ten maior demanda tanto interna como, sobre todo, internacional, o que repercute nun incremento dos prezos en lonxa. 

No acto deste mércores, celebrado no auditorio do edificio Cambón, participaron José Manuel García, director da Ecimat e investigador principal do proxecto, e José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como varios investigadores involucrados neste proxecto, que se encargaron de presentar os resultados dos distintos paquetes de traballo de Ocimer+, nos que tamén estiveron involucradas as confrarías San Xosé de Cangas e San Francisco de Vigo. Para Estévez, a pesar de tratarse dun proxecto curto,  “foi un período de tempo moi ben aproveitado polos investigadores do CIM” que permite “unha vez máis, poñer de manifesto a calidade da investigación que se desenvolve neste centro”. Sobre os resultados, considera “precipitado falar de conclusións” pero destaca que se produciron “avances no eido da parasitoloxía, a xenética, o cultivo e a criopreservación”. O responsable do proxecto destacaba no transcurso deste acto que estes avances “poden resultar fundamentais para a correcta xestión e conservación futura deste recurso”. No mesmo sentido tamén se pronunciou José Antonio Fernández, que recalcou a importancia de que este proxecto continúe porque “é realista e aposta pola investigación básica pero cunha aplicación brutal tanto en conservación das especies como no cultivo” e lembrou que o sector precisa contar “cunhas guías de conservación básicas e con datos e información sobre esta especie que lles permita responder a futuras necesidades”.

4700 exemplares de cinco especies para o estudo

O proxecto, no que traballaron dez investigadores do CIM, centrouse no estudo das cinco especies de ourizo de mar presentes na ría de Vigo, con especial atención ao Paracentrotus Lividus, a única delas que se comercializa, sendo Galicia a principal rexión produtora en Europa. Como explica a investigadora Estefanía Paredes, o proxecto desenvolveuse dende un punto de vista global dividido en catros liñas de estudo. Por unha banda, buscábase “obter información sobre as patoloxías e as enfermidades parasitarias no ourizo de mar, así como avaliar o nivel de diversidade xenética e illamento reprodutivo”. Os investigadores buscaban tamén determinar os parámetros óptimos na fase de asentamento larvario de P. lividus e implementar dietas de engorde que incrementan o seu índice gonadal, así como o seu período de comercialización en Galicia. Outro dos obxectivo era avanzar na conservación mediante criopreservación das especies autóctonas de Galicia susceptibles de reprodución en catividade, aspecto este no que Paredes é especialista. Finalmente, os equipos de investigación tamén tiñan por diante a tarefa de avaliar o estado das poboacións repoboadas na primeira etapa de Ocimer, uns 50.000 exemplares na costa de Cangas do Morrazo, e continuar colaborando na xestión de poboacións en perigo de sobreexplotación coas confrarías da ría de Vigo.

Para realizar o estudo, como explicaba Sira Pereira, técnica de xestión do proxecto, deseñouse un plan de mostraxe que se realizou en cinco etapas entre marzo e xullo e que permitiu a recollida de 2700 exemplares de ourizos adultos das cinco especies, capturados en diferentes puntos da ría, como as praia de Rodas e Liméns; nos Castros, preto da praia de Nerga; no Berbés ou en Bouzas. Estes exemplares empregáronse para realizar estudos de patoloxía, xenética, cultivos e criopreservación. Tamén se recolleron 2000 exemplares xuvenís de P. Lividus para realizar os experimentos relacionados co cambio climático.

Por primeira vez estudáronse os parasitos presentes nas cinco especies da ría

Tras o traballo de campo e de laboratorio, os investigadores obtiveron información clave sobre o estado zoosanitario das poboacións de P. lividus, así como sobre o comportamento da especie ante as alteracións provocadas polo cambio climático. Ademais, realizáronse distintas experiencias para determinar os parámetros óptimos de asentamento larvario desta especie. Por outra banda, tamén se traballou no estudo da caracterización xenética das cinco especies de ourizo de mar que contempla o proxecto; desenvolvéronse novos protocolos para a súa criopreservación e conservación en biobanco e investigáronse por primeira vez os parasitos presentes nestas cinco especies na ría e o seu posible impacto sobre a súa conservación e cultivo. Ademais, como explicaba o investigador Damián Costas, outra das liñas de traballo centrouse na evolución temporal dos índices gonadais dos ourizos, coa vista posta en intentar producir este recurso nos meses estivais. “Ata agora comercialízase no inverno”, pero o verán “sería a época na que quizais este recurso tivese un maior valor de venta”. Respecto do cultivo e a repoboación, sinalaba que “pode que no futuro sexa unha especie á que poidamos aplicar técnicas de acuicultura, tanto para repoboación das zonas nas que se cultiva, como para manter a especie en caso de que houbese algún problema