Nel participa o Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais da UVigo
O proxecto Olivitech creará una ferramenta informática para facer un uso máis sostible dos produtos fitosanitarios nos oliveirais
Contando con financiamento estatal e europeo
GO Olivitech. Optimización da olivicultura mediante análise tecnolóxica e aerobiolóxica. Este é o nome dun grupo operativo supra-autonómico, participado por socios de Galicia e Andalucía, entre eles a Universidade de Vigo, que busca avanzar cara un uso máis sostible dos produtos fitosanitarios no cultivo de olivas.
En Olivitech participan Feuga (coordinación), o Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais da Universidade de Vigo; o Grupo de Investigación Botánica Sistemática e Aplicada da Universidad de Córdoba; a empresa tecnolóxica Monet Tecnología e Innovación SL, e os produtores Aceites Abril SL, Deoleo Global e a cooperativa Oleand Manzanilla Olive SCA. O seu orzamento total é de 551.196,27 euros, cunha subvención estatal e europea de 543.206,47 euros. O grupo desenvolve un proxecto que busca aumentar a eficacia dos tratamentos fitosanitarios aplicados na olivicultura, baixar o número destes ao cinguirse aos imprescindibles e aumentar así a rendibilidade e a sostibilidade das explotacións.
Concretamente, os obxectivos da iniciativa, que se prolongará ata 2027, son a optimización do uso de fitosanitarios en oliveira mediante unha ferramenta informática baseada no desenvolvemento dos fungos, o número de esporas e o momento de sensibilidade segundo o estado fenolóxico da planta. Con Olivitech quérese obter un sistema temperán de alertas de enfermidades que combine datos meteorolóxicos, fenolóxicos e a presenza do fitopatóxeno no ambiente. Así, desenvolverá un sistema de aviso de posibles infeccións de fungos fitopatóxenos para optimizar o cultivo integral e sostible do oliveiral, combinando os datos obtidos a partir dos modelos fenolóxicos, os modelos de predición da cantidade de esporas fúngicas na atmosfera do oliveiral e os algoritmos específicos desenvolvidos para cada zona de estudo, que permitirán identificar os momentos propicios para posibles ataques fúnxicos.
Participación da UVigo
Por parte da Universidade de Vigo participa un equipo do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, co seu investigador principal, Francisco Javier Rodríguez Rajo, á cabeza, e formado polo persoal investigador María Fernández, Kenia Sánchez, Lucía Carrera, Aarón Novoa, Duarte Días e Guillermo Guada. O seu traballo céntrase en achegar ao proxecto os datos fenolóxicos e fitopatolóxicos das diferentes enfermidades que o cultivo da oliva pode sufrir.
Durante o desenvolvemento de Olivitech o grupo da UVigo semanalmente levará a cabo unha vista aos oliveirais de estudo para realizar a monitorización dos diferentes estadíos fenolóxicos, ademais de recoller as mostras onde se realizará a identificación e reconto de esporas fúnxicas. Estas mostras serán trasladadas ao Laboratorio de Aerobioloxía do campus de Ourense para ser procesadas e a continuación farase a identificación e reconto de esporas. A información será trasladada semanalmente ás empresas que participan no proxecto xunto cun informe da evolución das mesmas, para deste xeito poder implementar as medidas necesarias, tanto tratamentos fitosanitarios como medidas culturais, e deste xeito diminuír as perdas de colleita.
Lanzamento
O grupo GO Olivitech e o seu proxecto foi un dos presentados este xoves na sede de Feuga, en Santiago de Compostela, nun evento de lanzamento de diferentes iniciativas financiadas a través da convocatoria de axudas para a execución de proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos supra-autonómicos da Asociación Europea para a Innovación en Materia de Produtividade e Sostibilidade Agrícolas, axudas xestionadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria. Están enmarcados no Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) da Unión Europea e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.