Foi desenvolvido desde o Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias da UVigo
O proxecto OuBioma aborda a influencia na microbiota intestinal de ingredientes bioactivos obtidos de residuos agroindustriais
No marco das axudas Inou+PosDou Campus Auga 2025
Un proxecto desenvolvido desde o Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) da Universidade de Vigo aborda a influencia na microbiota intestinal de ingredientes bioactivos obtidos de residuos da agroindustria local. Nel traballouse con residuos como as cascas de cebola colleitadas en fincas de produtores de Xinzo de Limia e as peles de mazá procedentes da Estrada, co obxectivo de darlles un novo valor dentro dun enfoque de economía circular.
O proxecto OuBioma tivo como investigadora principal a Lucía Cassani e participaron nel Kristin Klier, estudante de doutoramento, e Paula García Oliveira, investigadora posdoutoral. O traballo é unha das iniciativas beneficiarias da convocatoria a proxectos do persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense (Inou+PosDou Campus Auga 2025), financiada ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027). O estudo enmárcase na liña de traballo de Lucía Cassani centrada na extracción verde de compostos bioactivos a partir de subprodutos agroalimentarios, co fin de reintroducilos en alimentos, mellorar o seu perfil nutricional e estudar os seus efectos sobre a microbiota intestinal, contribuíndo ao mesmo tempo á redución de residuos e ao uso eficiente de recursos.
Resultados
No proxecto realizado, a investigadora sinala que “no caso da cebola, conseguimos recuperar compostos bioactivos cun alto potencial antioxidante empregando técnicas máis sostibles, que permiten reducir tanto o tempo de extracción como o uso de disolventes”. Estes resultados, detalla, abren a porta á súa posible aplicación como ingredientes naturais en alimentos, ou mesmo noutros sectores como o nutracéutico ou o cosmético. No caso das mazás, engade, “estudamos que ocorre cos compostos da mazá durante a dixestión e, especialmente, como interactúan coa microbiota intestinal”. Para iso, Lucía Cassani detalla que “utilizamos un modelo de dixestión gastrointestinal simulada baseado nun protocolo estandarizado, que nos permite aproximarnos ao que sucede no organismo humano”. A continuación, no marco OuBioma, simulouse a fermentación no colon utilizando mostras fecais procedentes de doantes sans, nun estudo previamente aprobado polo comité de ética do Sergas.
Tras este proceso, Lucía Cassani explica que “analizamos tanto a transformación dos compostos fenólicos como a produción de metabolitos asociados á actividade da microbiota, especialmente aqueles relacionados coa saúde intestinal”. Ademais, estudaron como cambia a composición das bacterias intestinais en resposta a estes compostos. “Un dos achados máis relevantes é que non todas as variedades de mazá compórtanse igual: cada unha xera unha resposta distinta na microbiota e dá lugar a diferentes compostos potencialmente beneficiosos”, afirma a investigadora do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo.
En conxunto, a responsable do proxecto subliña que “os nosos resultados apuntan a dúas ideas clave: por unha banda, que os residuos agroalimentarios poden converterse en recursos de alto valor engadido; e por outro, que a diversidade na dieta, mesmo dentro dun mesmo alimento como a mazá, pode ter un impacto significativo na saúde a través da microbiota intestinal”.
