DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dunha xornada de promoción da economía social celebrada este mércores no edificio Redeiras

O proxecto Pasos impulsa iniciativas que aposten pola investigación e innovación responsable no sector mariño

Presentáronse varias iniciativas de cooperación no marco da RRI

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/03/2022

Tras un ano de traballo, o proxecto Pasos comeza a dar os seus froitos no fomento da investigación e a innovación responsable no sector mariño. Co obxectivo de dar a coñecer o traballo feito ata agora e os primeiros casos de éxito, este mércores celebrouse no edificio Redeiras a Xornada de promoción da economía social no sector mariño, un evento que contou coa asistencia de Susana Touza, subdirectora xeral de Economía Social da Xunta de Galicia; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo e Javier Touza, presidente de Fundamar. 

O proxecto Pasos, que está impulsado polo Centro de Investigación Mariña, CIM, por Ecobas e pola Fundación para la Pesca y el Marisqueo (Fundamar), arrancou no mes de abril de 2021 co obxectivo de desenvolver un plan de acción para promover a investigación e innovación responsable, RRI, no ámbito mariño a través de entidades de economía social. O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 50.000 euros, desenvólvese no marco da convocatoria da Red Eusumo e rematará no mes de setembro deste ano. Á fronte do mesmo na Universidade de Vigo está a profesora Mª Mercedes Mareque, investigadora de Ecobas e do grupo RGEAF (Research Group in Economic Analysis, Accounting and Finance). Explica que xa en 2020 Fundamar, CIM e Ecobas tiveron os primeiros contactos e decatáronse da necesidade de establecer lazos de colaboración que permitisen desenvolver actividades conxuntas encamiñadas, entre outras cuestións, á posta en marcha de proxectos de investigación, nos que, escoitando as entidades do sector mariño a través de Fundamar e traballando en colaboración directa con eles, “puidésemos dar resposta ás súas necesidades”. Así xurdiu a idea de poñer en marcha o proxecto Pasos, “da necesidade de xerar espazos de co-creación entre os centros de investigación, as entidades do sector pesqueiro e outros axentes sociais, contribuíndo a poñer en valor as actuacións da economía social da contorna rexional”.

Pasos ten tres obxectivos específicos, destaca Mareque. “En primeiro lugar, consolidar a denominada Investigación e Innovación Responsable (RRI) e os principios da economía social como enfoque estratéxico para afrontar os retos do sector mariño. En segundo lugar, trata de desenvolver ferramentas e unha metodoloxía para a súa aplicación que permitan consolidar a RRI como instrumento para impulsar a economía social en Galicia. En terceiro lugar, deseñar un Plan de Acción Plurianual que identifique os eixos, as metas, os indicadores, as accións a desenvolver e os recursos a curto e medio prazo, sendo exportables a outras entidades do ámbito mariño e a outros sectores de actividade”. As colaboracións establecidas e a filosofía do proxecto empezan xa a dar os seus froitos, como é o caso do proxecto Circularoil, que se presentou no marco desta xornada xunto con outras dúas propostas que tamén son consideradas dende Pasos como “exemplos de boas prácticas”, iniciativas de investigación e innovación orixinadas baixo filosofía RRI. 

A economía social

A presentación do proxecto estivo enmarcada na Xornada de promoción da economía social no sector mariño, un evento que forma parte das actividades recollidas dentro da III Semana Universitaria da Economía Social 2022 promovida dende Ciriec (Centro internacional de investigación e información sobre a economía pública, social e cooperativa). Na apertura do evento, Susana Touza, subdirectora xeral de Economía Social da Xunta de Galicia, destacou que a economía social en Galicia representa o 7% do PIB e comprende 3000 entidades (cooperativas, sociedades laborais, fundacións...) que dan traballo a máis de 14.000 persoas. Estas empresas, a diferenza das mercantís, “caracterízanse porque se localizan onde hai unha necesidade, non unha oportunidade de negocio, e iso fai que manden as persoas, que as decisións se adopten democraticamente e, por iso, son empresas de persoas, non de capital”. Para unilas naceu a Rede Eusumo, “un espazo de encontro e colaboración” que xa conta con 87 entidades de economía social. Ademais, Touza tamén destacou que a comunidade galega é pioneira neste eido, xa que é a única en España que conta cunha Lei de Economía Social, aprobada en 2016.

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, pola súa banda, felicitou a Fundamar e ao CIM e Ecobas pola posta en marcha do proxecto Pasos e destacou que “o espírito social da economía debería configurarse como unha estrutura cuxo obxectivo fundamental fora o benestar das persoas, na que a desaparición das desigualdades e a distribución equitativa dos bens e servizos constituirían un eixo vertebrador”. Neste contexto, o papel das universidades, recalcou, é “promover a investigación relacionada coa economía social e afondar en todos os procesos de diálogo coas asociacións representativas do sector e tamén implicar a todos os axentes e á sociedade, que demanda a necesidade de formar os futuros xestores de empresas de economía social”. Respecto da investigación universitaria, Rubio remarcou que os centros de I+D teñen que xogar un papel que marque esa transformación da sociedade, a través da responsabilidade social, a sostibilidade e a aplicación de valores éticos e en liña coa RRI. Neste sentido, engadiu que a Comisión Europea subliña seis aspectos básicos nos que cómpre avanzar: ética, igualdade, gobernanza, acceso aberto, participación da cidadanía e educación científica. “En todos estes piares a UVigo está implicada e cremos que ese avance permitirá incrementar o coñecemento da cidadanía con respecto ao que facemos nas universidades e visibilizar o peso e valor engadido das empresas ao crecemento do país”.

Pola súa banda, Javier Touza, presidente de Fundamar, tamén puxo en valor o fomento da RRI como unha “cuestión clave” de cara a crear unha “sociedade na que as prácticas de investigación e innovación traballen a prol de resultados sostibles, eticamente aceptables e socialmente desexables. Loitamos por unha sociedade xusta e equitativa, polo que temos que involucrar a todas as partes interesadas: formuladores de políticas, investigadores, sector privado, educadores de ciencias e sociedade en xeral”. 

Proxectos de cooperación no marco da RRI

No transcurso da xornada tamén se expuxeron tres proxectos, tres casos de éxito, que se enmarcan dentro da RRI: Circularoil, CoastSnap e Mardevidas. O primeiro deles, coordinado polo investigador do grupo GEN Miguel Rodríguez, foi presentado á convocatoria de Bioeconomía da Fundación Biodiversidad en xaneiro deste ano. De acadar unha valoración positiva, os tres socios (Fundamar, UVigo e Asociación Amicos) porán esta marcha esta iniciativa que se basea na revalorización e reutilización de aceite alimentario a bordo dos buques pesqueiros como un novo modelos de economía social e circular.

O que si está en marcha é CoastSnap, coordinado por Rita González, do grupo XM1 do CIM-UVigo, unha iniciativa de ciencia cidadá permite monitorizar as praias e avaliar a dinámica costeira empregando fotos dos visitantes aos areais para ver como cambia a liña de costa co tempo.

Finalmente, Fabián Ben, director de Proyectos e Innovación da Federación Nacional de Confrarías, presentou Mardevidas, un programa de divulgación e sensibilización social e ambiental que arrancou en 2020 e se centra na protección e recuperación da biodiversidade mariña dos ecosistemas produtivos onde faena a flota pesqueira española.