DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de Fundamar, Ecobas e CIM e co apoio da Rede Eusumo

O proxecto PASOS promoverá a investigación e innovación mariña responsable a través de entidades de economía social

A iniciativa tamén ten como obxectivo achegar a ciencia á sociedade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 28/07/2021

Desenvolver un plan de acción para promover a investigación e innovación responsable no ámbito mariño a través de entidades de economía social. Con este obxectivo preséntase o proxecto PASOS, no que participan o Centro de Investigación Mariña (CIM) e Ecobas (Economics and Business Administration for Society) da Universidade de Vigo e a Fundación para la Pesca y el Marisqueo (Fundamar). A iniciativa está apoiada pola Rede Eusumo, rede impulsada pola Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e da que forman parte as entidades implicadas.

O traballo, explican os seus responsables, “xorde pola necesidade de achegar a ciencia á sociedade e pretende afrontar os retos da comunidade mariña desenvolvendo un marco estratéxico común en base aos principios da investigación e innovación responsable (coñecida como RRI) e da economía social”. Trátase da primeira iniciativa conxunta que se levará a cabo entre Fundamar e a UVigo no marco do convenio de colaboración que estas entidades asinaron o pasado ano para pór en marcha accións conxuntas de fomento da investigación, a formación e a transferencia de coñecemento vencelladas ao ámbito social e mariño. O proxecto conta cun orzamento de máis de 50.000 euros e desenvolverase entre abril de 2021 e setembro de 2022, sendo a seu responsable por parte da Universidade de Vigo Mª Mercedes Mareque, investigadora de Ecobas e do Grupo RGEAF (Research Group in Economic Analysis, Accounting and Finance).

Dúas liñas de actividade

O proxecto PASOS comprende dúas actividades. A primeira é o desenvolvemento dun plan de acción para o impulso da investigación e innovación responsable no ámbito mariño a través das entidades de economía social. Neste caso realizarase unha identificación das entidades de economía social da cuádrupla hélice (entidades privadas e públicas, ámbito académico e sociedade civil) relacionadas co sector mariño en Galicia. “Unha vez identificadas e seleccionadas ditas entidades, identificaranse ás persoas específicas e relevantes en cada un dos ámbitos de estudo para a realización de entrevistas en profundidade e definiranse dúas mesas de traballo”, sinalan desde o proxecto. Estas mesas de traballo, engaden, concíbense como un espazo de reflexión sobre a situación actual do sector mariño e os retos aos que se enfronta e de promoción dun laboratorio de ideas e proxectos sobre economía social no ámbito mariño que respondan aos retos sociais do sector a través da RRI e a colaboración conxunta de entidades do sector da investigación, educación, empresas privadas e organizacións sociais.

A segunda actividade será a promoción e divulgación da investigación e innovación responsable a través das entidades da economía social no ámbito mariño. Concretamente, o proxecto contempla a celebración de tres xornadas nas que se contará coa participación de relatoras e relatores de referencia no ámbito da RRI e a economía social. O seu obxectivo será dar a coñecer o traballo que se está realizando neste ámbito, o impacto xerado no sector mariño e os beneficios que achega a nivel social, económico e ambiental e as oportunidades para desenvolver accións de innovación social con axentes sociais da contorna. As xornadas incluirán unha fase de foro de discusión e debate onde se exporán iniciativas en curso e posibles sinerxías/colaboracións entre participantes.

Con esta programación, o proxecto quere “establecer un diálogo entre a universidade e a sociedade e impulsar a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas de interese común baseadas nas necesidades reais do sector mariño”. Así, a iniciativa, sublíñan os seus responsables, quere “reducir a fenda que existe entre a comunidade científica e a sociedade, incentivando que distintos grupos de interese (entidades da sociedade civil, comunidade educativa, comunidade científica, responsables de políticas e o sector empresarial e industrial), traballen xuntos en todo o proceso de investigación e innovación”.