DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrecerá acompañamento e apoio socioeducativo a adolescentes e familias

Un proxecto pioneiro avaliará o impacto do traballo de educadores sociais nun club deportivo

Participan a Facultade de Educación e Traballo Social, o CEESG e o Club La Purísima

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 15/02/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este mércores a presentación dun proxecto piloto, pioneiro a nivel estatal, de investigación-acción de apoio socioeducativo a familias e adolescentes participantes en clubs deportivos. A iniciativa é froito da colaboración desta facultade co Club Deportivo La Purísima e co Colexio de Educadores e Educadoras Sociais (CEESG) de Galicia.

Na presentación, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, salientou do proxecto o feito de que “implica a entidades que coincidimos na idea do deporte como un elemento básico da pedagoxía do lecer”. Así subliñou como nesta iniciativa colabora o mundo profesional, o asociativo, o educativo e as familias e amosou a súa confianza en que “as e os educadores que se forman aquí lle dean un xiro ao mundo deportivo” desenvolvemento esta liña de actuación. Pola súa banda, Anxo Valcárcel, responsable do Club Deportivo La Purísima, explicou que na súa entidade xa traballa algún educador social con algún deportistas en concreto pero querían “abrir ese servizo de acompañamento, de apoio socioeducativo, a todos os deportistas do club” e que se avaliase o seu impacto. Segundo indicou, La Purísima é o club máis grande da provincia de Ourense, con máis de 600 deportistas en fútbol, atletismo e montaña, e a súa previsión é que “teremos moitos demandantes deste servizo”. A iniciativa, apuntou Anxo Valcárcel, “empeza para quedarse” e coa idea de “darlle un valor engadido máis ao club” e a “mellor contorna posible” ás e aos seus deportistas.

Establecer dinámicas educativas positivas

Grazas a esta iniciativa, o Club Deportivo La Purísima de Ourense contará con dous educadores sociais que se encargarán de dar apoio socioeducativo ás familias e deportistas que o desexen. Pola súa banda, un equipo de investigación da Facultade de Educación e Traballo Social e do CEESG realizará o asesoramento científico do proceso, o seu seguimento e analizará as evidencias do impacto das intervencións realizadas. Segundo explicou Deibe Fernández-Simo, profesor da facultade ourensá e membro tamén da directiva do Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia, “son múltiples as investigacións que teñen evidenciado como a educación social é eficaz na resposta ás demandas de intervención das familias ante os retos da crianza propios da adolescencia”. A evidencia científica previa, lembrou, “amosa que a facilitación de acompañamento profesional no ámbito socioeducativo é efectivo no establecemento de dinámicas educativas intrafamiliares positivas”. Neste senso, apuntou o docente, “os clubs deportivos son un espazo privilexiado dende os que poder intervir e executar procesos de acompañamento socioeducativo que faciliten ás familias a crianza dos fillos e fillas”. Porén, sinalou que “no panorama europeo son diversas as institucións deportivas que contan con servizos de psicoloxía deportiva para atender a dimensión clínica, pero non hai experiencias destacables de resposta ás necesidades de carácter socioeducativo”.

Neste contexto, Deibe Fernández-Simo comentou que consideran que o proxecto agora lanzado é “fundamental para dar resposta a unha demanda que se ven detectando desde hai tempo”, lembrando a crecente demanda por parte das familias de recibir apoio socieducativo e procesos de acompañamento que faciliten todo o que ten que ver coa crianza das adolescencias. “Esta experiencia, que polo que estivemos vendo é a primeira vez que se desenvolve no estado español, o que busca é facilitarlle ás familias ese acompañamento, apoio, orientación, desde un espazo privilexiado como é o espazo do deporte”, afirmou o responsable da parte de investigación do proxecto. Esta parte, detallou Fernández Simo, consistirá en facer o seguimento do desempeño profesional que se vai a desenvolver e evidenciar os impactos que vai ter este novo servizo nas persoas que participan nel. “A hipótese que temos é que os impactos á hora de facilitar novos escenarios de seguridade ás crianzas, e á familia nese proceso de crianza, van a ser positivos”, sinalou. No traballo determinarase este impacto coa “idea de promover que esta experiencia piloto se poida desenvolver noutros territorios”. “Consideramos que é un novo ámbito da educación social que sen lugar a dúbida vai a ter futuro”, afirmou o docente da UVigo.   

Marta Jago e Félix Estévez, de Trama Ourense, serán os educadores sociais responsables da intervención, cunha dilatada experiencia acompañando adolescentes. “É un proxecto superilusionante” e “innovador”, apuntou Félix Estévez na súa presentación. A iniciativa, salientou, “ten como obxectivo traballar integralmente cos deportistas, dándolle unha resposta individualizada ás demandas que presentan ou ben os propios deportistas ou ben as familias”. No seu traballo, indicou o educador social, abordaranse “todo tipo de problemáticas que poidan aparecer, desde rapazas e rapaces que presenten algún tipo de dificultade a nivel social ou persoal ata outros que simplemente queiran mellorar persoalmente as súas competencias a nivel emocional”. Así, recalcou, “non traballamos exclusivamente centrados no rendemento deportivo senón no crecemento persoal”. A través do deporte, lembrou Félix Estévez, “non só se traballa a disciplina, o esforzo, a constancia, a capacidade de sacrificio ou a competitividade, senón que traballamos outros valores, e aí é onde entramos máis, como o compañeirismo, o respecto e o crecemento persoal”. Tamén recalcou o traballo arredor da integración e inclusión das persoas que presentan algún tipo de vulnerabilidade a nivel social, como as persoas con diversidade, con trastornos ou con mobilidade reducida, etc.