DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado por un equipo da Facultade de Historia do campus

Un proxecto pon sobre a mesa a importancia da alimentación e a comensalidade no mundo antigo

Demostran o seu papel clave na configuración de relacións sociais e identidades colectivas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 16/03/2026

Alimentación e comensalidade no mundo antigo: prácticas alimentarias e dinámicas sociais. Este é o título dun proxecto realizado desde a Facultade de Historia do campus de Ourense que tivo como obxectivo profundar no estudo da alimentación na antigüidade, atendendo non só aos alimentos consumidos, senón tamén aos significados sociais, simbólicos e políticos asociados á súa produción, distribución e consumo. Os seus resultados amosaron que a alimentación foi “un elemento clave na configuración de relacións sociais, identidades colectivas e dinámicas de poder nas sociedades antigas”.

O estudo foi realizado por un equipo da Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo, con Helena López como investigadora principal e completado con Susana Reboreda e Borja Méndez, e concibiuse como “un espazo de diálogo científico con especialistas da área procedentes de distintas universidades e tradicións académicas”. Foi un dos beneficiarios da convocatoria a proxectos do persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense (Inou+PosDou Campus Auga 2025), financiada ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a UVigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027).

Helena López explica que o proxecto realizado “abordou de forma integrada que se comía na antigüidade, como se comía e, sobre todo, que implicacións tiña o consumo de determinados alimentos para os grupos sociais e os individuos”. Así, resume, a través da análise da economía agraria, de rituais como o sympósion grego ou os convivia romanos, do uso dos alimentos como elementos de cohesión ou sanción social, e da estreita relación entre comida e relixión mediante ofrendas e banquetes rituais, o estudo quixo contribuír “a consolidar unha visión complexa e transversal da alimentación e a comensalidade no mundo antigo”. O equipo da Área de Historia Antiga analizou o papel central de determinados produtos (cereais, viño, carne, peixe, mel ou produtos lácteos) en contextos culturais moi diversos. Estudaron, por exemplo, a función do cereal e do pan como marcadores de civilización no mundo grego, a importancia simbólica e ritual do viño en contextos micénicos, púnicos e romanos ou o papel da carne nos banquetes rituais e políticos. “Estes estudos mostraron que os alimentos actuaban como elementos estruturadores de prácticas sociais, máis aló do seu valor nutricional”, apuntan.

Marcador clave de identidade social

Entre as conclusións do proxecto sinálase que as investigacións realizadas puxeron de relevo tanto a persistencia da tríada cereal-vide-oliveira como as súas variacións rexionais. “A análise de contextos como a Galicia romana ou o noroeste peninsular amosou procesos de adaptación e resistencia aos modelos mediterráneos, permitindo matizar visións excesivamente homoxéneas sobre a dieta antiga e subliñar a importancia dos condicionantes ambientais e culturais”, apunta Helena López. A partir do estudo de dietas antigas baseadas en cereais, legumes, verduras e proteínas animais, o proxecto xerou reflexións sobre o equilibrio nutricional, a xestión de recursos e a desigualdade no acceso aos alimentos, apuntando a investigadora que “casos como o sistema romano de alimentación ou as políticas de redistribución de alimentos permitiron establecer conexións con debates contemporáneos sobre nutrición, asistencia social e seguridade alimentaria”. No proxecto abordouse a produción, almacenamento e circulación de alimentos, analizando redes comerciais, sistemas de redistribución e políticas de abastecemento. “Casos como o comercio púnico do viño ou a intensificación produtiva en época romana permitiron vincular alimentación, economía e poder”, afirma a investigadora.

Un dos resultados máis relevantes do proxecto foi a constatación de que “a alimentación funcionou como un marcador clave de identidade social”. Así, Helena López sinala que “a análise de banquetes aristocráticos, comidas ritualizadas ou consumos diferenciados evidenciou como o acceso a determinados alimentos e a forma de consumilos servían para reforzar xerarquías sociais, tanto en contextos palacianos micénicos como na Roma imperial ou a Atenas clásica”. O estudo de banquetes, sympósios, convivia e comidas rituais, engade a historiadora, permitiu comprender estes eventos como espazos de construción de relacións sociais e políticas. No estudo analizáronse tanto banquetes funerarios e relixiosos como celebracións cívicas e domésticas, “amosando como a comensalidade articulaba vínculos entre vivos e mortos, entre comunidades humanas e divindades e entre distintos grupos sociais”. Ademais, no traballo demostrouse que consumir determinados alimentos en contextos concretos tiña un forte valor simbólico. Segundo explica o equipo investigador, “o consumo ritualizado do viño, a carne ou os alimentos prohibidos permitiu analizar fenómenos como a transgresión, a barbarie, a civilización e a identidade cultural”.

O equipo responsable subliña igualmente que no estudo logrouse visibilizar a pluralidade de axentes implicados nos eventos comensais (organizadores, comensais, servidores, músicos, sacerdotes e outros profesionais) e que a análise de fontes textuais, iconográficas e arqueolóxicas permitiu reconstruír estes espazos como escenarios de interacción social altamente estruturados. “O proxecto documentou como as normas alimentarias e comensais afectaban de maneira desigual aos distintos grupos sociais. Abordáronse cuestións como a segregación por sexos en banquetes, a alimentación ritual feminina, a construción da alteridade a través da dieta (amazonas, bárbaros, cínicos) ou o control social exercido mediante a repartición de alimentos”, comenta Helena López. O equipo da UVigo detalla que nas investigacións feitas “avanzouse de maneira significativa na identificación do papel activo de mulleres, infancia, escravos e outros colectivos nas prácticas alimentarias” destacando especialmente os estudos feitos sobre mulleres imperiais romanas e o seu patrocinio de banquetes públicos, así como as análises sobre infancia, ama de cría e divindades asociadas á nutrición, que “demostraron que a alimentación podía funcionar como vía de influencia social e política”.

No marco deste proxecto, celebrouse o encontro científico internacional Alimentación e comensalidade no mundo antigo: prácticas alimentarias e dinámicas sociais, que tivo lugar os días 25 e 26 de setembro de 2025 no campus de Ourense.