DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito da colaboración entre as áreas de Prehistoria e Antropoloxía Social e Cultural da UVigo

O proxecto PRE-Media creará unha contorna virtual dos dous enclaves con pintura rupestre da comarca de Monterrei

Os materiais permitirán coñecer e interpretar este patrimonio minimizando o impacto nel

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 04/03/2021

Baixo o nome de proxecto PRE-Media, un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo está a traballar na creación dunha contorna virtual para a interpretación patrimonial dos dous sitios con pintura rupestre esquemática da comarca ourensá de Monterrei, integrando ademais o estudo etnográfico dun deles. O seu obxectivo é potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais do val do Támega e contribuír á súa valoración e conservación, constituíndo unha primeira experiencia na realización de visitas virtuais a dúas das manifestacións de pintura rupestre coñecidas na provincia de Ourense.

A iniciativa é unha das beneficiarias da convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense INOU 2020, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense. O proxecto articúlase en dúas liñas de traballo. A primeira, liderada por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia, consiste na creación da contorna virtual e nela participan tamén Andrea Mouriño e Elena de Uña. A segunda, liderada por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social e Cultural, consiste no estudo etnográfico do sitio con arte rupestre de Penedo Gordo e no deseño de ferramentas de avaliación dos recursos interpretativos, participando tamén os docentes David Casado e María Dapía.

PRE-Media céntrase nos sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei: o Penedo do Gato, en Monterrei (no marco do conxunto arqueolóxico e natural de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán), e o Penedo Gordo, en Vilardevós. Segundo explican as responsables do proxecto, a identificación destes dous sitios con pintura sobre diferentes soportes rochosos (cuarcita e granito) e vinculados con restos arqueolóxicos, nunha mesma comarca, supuxo “un fito na historiografía da arte rupestre galega”. A súa localización, indican, tamén lanzou o reto de buscar o equilibrio entre o seu interese científico e os usos do territorio onde están enmarcados, entre a necesidade de difundir estes lugares e a de preservalos tendo en conta o seu contexto territorial. Neste marco, o proxecto, sinalan as investigadoras da UVigo, aúna o traballo das áreas de Prehistoria e Antropoloxía Social e Cultural ao partir da premisa de que a conservación do patrimonio está ligada á conservación da vida rural e considerando que non só é importante a parte científica e a xeración de recursos interpretativos senón tamén o sentido que ten todo isto para a comunidade local destes lugares con patrimonio.  

Dúas liñas de traballo que converxen

A primeira liña de traballo do proxecto é o desenvolvemento da contorna virtual que poida permitir ao público “visitar” de xeito virtual os dous enclaves elixidos. Para acadalo, o equipo participante traballou na realización de diversos levantamentos dos xacementos de xeito tridimensional e con puntos de vista de 360º e no procesado dixital das fotografías das pinturas. Os recursos creados, sinala Beatriz Comendador, melloran a lexibilidade das pinturas a simple vista e ofrecen outras informacións sobre os depósitos arqueolóxicos asociados, non visibles alí. Ademais, “ao ser virtuais, minimizan o impacto sobre os propios xacementos e, especialmente en Lobarzán, salvan as dificultades de acceso a un lugar de difícil orografía”. Aos recursos de representación da realidade, o proxecto suma outros aspectos innovadores como ilustracións animadas que evocan momentos históricos ou lendarios destes lugares e música baseada nas tradicionais percusións de tixola e chave, que formaron parte de paisaxe sonora. A creación da contorna virtual está na súa fase final, estando actualmente en fase de probas.

Polo que respecta ao estudo etnográfico, desde o proxecto explican que estivo centrado no Penedo Gordo porque a investigación nel xa estaba algo avanzada grazas á realización dunha breve intervención arqueolóxica en 2018  financiada pola Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, na que xa se integrara un traballo etnográfico previo realizado entón por B. Rúa, especialmente sobre a tradición oral. Neste novo proxecto, “o traballo fíxose en base a esta primeira intervención arqueolóxica e en como esta pode ter relación ou incidencia no contexto social e cultural da comarca”, indica Fátima Braña. Como punto de partida, sinala, definíronse obxectivos que permitisen complementar a intervención arqueolóxica desde a etnografía e a análise patrimonial crítica. Co fin de coñecer cal é actualmente a percepción por parte dos habitantes do lugar, empregáronse dúas ferramentas metodolóxicas cualitativas: entrevistas á veciñanza e a observación de campo. “Desde a recollida de documentación e testemuñas locais constatamos que a relación equipos científicos e poboación local debe ser fluída e continuada”, comenta a antropóloga. O proceso de patrimonialización do Penedo Gordo, engade, “aparece entre a recollida da tradición oral decaída (o relativo á lenda da Moura que traía o Penedo Gordo na cabeza) e as posibilidades de presentación do seu novo valor arqueolóxico que non aparece, a día de hoxe, como un elemento de identidade local”. As observacións realizadas durante o proxecto, engade, “permitíronnos facer unha descrición de como as poboacións próximas ao Penedo Gordo integraron este xacemento na súa concepción territorial e patrimonial”.

Patrimonio e comunidade

Por último, desde a iniciativa subliñan como a colaboración conxunta das Áreas de Antropoloxía Social e Cultural (Ciencias Sociais) e Prehistoria (Artes e Humanidades) no desenvolvemento deste proxecto conxunto abre unha liña de traballo para a configuración de intervencións arqueolóxicas de carácter patrimonial, cun enfoque social e implicadas no territorio. Así, advirten, “moitas actuacións no territorio adoecen deste enfoque integrado, facendo fincapé na parte arqueolóxica ou de desenvolvemento de contidos interpretativos, pero sen un traballo previo etnográfico que permita obter unha diagnose das comunidades por volta dos lugares para os que se pretende unha valorización de carácter patrimonial”. Este aspecto, sinalan, redunda no fracaso de moitas destas actuacións, dende a perspectiva do abandono das infraestruturas xeradas, do desapego ou falta de vínculo entre as comunidades locais e as actuacións desenvolvidas ou mesmo as actitudes negativas ao respecto destas intervencións que poden incluso repercutir negativamente na preservación dos bens e da súa contorna. “Consideramos que esta colaboración é unha vía de traballo interesante para a activación destes recursos, vinculando o traballo interpretativo co traballo coas comunidades, que son as que están en contacto más directo con estes lugares, nun enfoque social e implicado co territorio”, afirman as investigadoras do campus de Ourense Beatriz Comendador e Fátima Braña.