DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este xoves o seu lanzamento

O proxecto Precigal levará a agricultura de precisión a cultivos estratéxicos para Galicia

Participan seis empresas, a UVigo e o Ceteca e financia a Axencia Galega de Innovación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 18/06/2026

Este xoves o campus de Ourense acolleu a xornada de lanzamento do proxecto Precigal, centrado na aplicación da agricultura de precisión en tres cultivos estratéxicos para Galicia: o millo, a pataca e o viñedo. A iniciativa, participada pola UVigo, “ten como obxectivo desenvolver e implementar unha plataforma intelixente, modular e escalable orientada á mellora do rendemento agronómico e á sostibilidade ambiental, mediante a integración de diferentes tecnoloxías dixitais avanzadas aplicadas ao sector agrícola”.

O seu consorcio está formado polas empresas Sertogal (líder), Veiga Bella (Ramón do Casar), Innebo Enxeñaría, Azul y Verde Consultoría, Comercial Agrícola Guerra e Avelino Santana García (agricultor). No ámbito científico participan o grupo da Universidade de Vigo Aerolab (pertencente ao Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial) e o Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca). “A colaboración entre explotacións agrarias, empresas tecnolóxicas, entidades de servizos e centros de investigación constitúe un dos elementos centrais desta iniciativa, permitindo integrar coñecemento agronómico, capacidades tecnolóxicas e experiencia investigadora nun mesmo proxecto”, sinalan desde a súa organización. Precigal está financiado pola convocatoria Nexos da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea (Feader 2021-2027), contando cun orzamento total superior ao millón de euros para o período 2026-2028. 

Segundo explican desde a súa organización, a iniciativa enmárcase dentro do ámbito da fabricación avanzada e da transformación dixital do sector primario, contribuíndo á incorporación de tecnoloxías innovadoras orientadas á mellora da produtividade, da competitividade e da sostibilidade das explotacións agrarias. Así, “aposta por combinar nun mesmo sistema ferramentas que actualmente adoitan funcionar de maneira independente, como sensores IoT, información meteorolóxica, imaxes procedentes de drons e satélites, sistemas de análise xeoespacial, algoritmos de intelixencia artificial, maquinaria agrícola intelixente e robots terrestres e aéreos”. O obxectivo é facilitar unha toma de decisións máis precisa e baseada en datos para mellorar a xestión dos cultivos.

Desenvolvemento e validación

O principal resultado tecnolóxico previsto en Precigal é o desenvolvemento dunha plataforma dixital capaz de integrar información procedente de múltiples fontes e convertela en coñecemento útil para agricultores e técnicos. A plataforma incorporará datos procedentes de sensores instalados no solo, na planta e no clima, imaxes aéreas, información meteorolóxica e modelos baseados en aprendizaxe automática. Esta información será procesada de forma conxunta para facilitar recomendacións adaptadas ás características de cada parcela e de cada cultivo. Esta plataforma adaptarase ás características fenolóxicas e fisiolóxicas do millo, da pataca e do viñedo, e a optimización da toma de decisións agronómicas mediante ferramentas de análise xeoespacial e intelixencia artificial. 

O proxecto inclúe tamén “a validación práctica das ferramentas desenvolvidas en explotacións agrícolas reais vinculadas aos tres cultivos obxecto de estudo”. A través das distintas parcelas participantes avaliaranse cuestións relacionadas coa monitorización dos cultivos, o control fitosanitario, a optimización de recursos, a aplicación de técnicas de agricultura de precisión e a análise do rendemento e da calidade das producións”. Tamén se realizará unha avaliación do impacto ambiental das solucións implementadas, así como o estudo da súa capacidade para optimizar o uso de recursos como a auga, os fertilizantes ou outros insumos agrícolas.

Outro dos ámbitos de traballo de Precigal está relacionado coa validación do uso de drons e robots en tarefas agrícolas. Así, entre os obxectivos específicos está a avaliación da eficiencia dos drons para a aplicación de produtos fitosanitarios en condicións reais de cultivo, así como a análise do potencial dos robots de superficie para tarefas de monitorización e operacións agrícolas. 

Xornada de lanzamento

A xornada de lanzamento celebrada este xoves contou cunha apertura institucional a cargo de Mónica Villanueva, directora de Área do campus de Ourense, que destacou a importancia de que a investigación que se realiza na Universidade se materialice en solución reais que axuden á mellora da contorna; e de Juan Carlos Porrúa, da Axencia Galega de Innovación, que puxo en valor a implicación empresarial neste proxecto e o seu posible impacto en zonas rurais ourensás. A responsable de I+D+i de Sertogal, Ana Acevedo, foi a encargada de presentar o proxecto en detalle, antes de dar paso a unha mesa redonda na que participaron os seis socios do consorcio. Tamén interviron o investigador principal do proxecto, Higino González, director do Instituto de Física, Computación e Ciencia Aeroespacial da Universidade de Vigo, e Lucio García, responsable de Investigación do Centro Tecnolóxico da Carne. O acto pechouse coa intervención de Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo da UVigo.